Ribadeo pide un obradoiro de emprego para recrear virtualmente As Catedrais ou o porto de hai séculos

O Concello solicita á Xunta financiamento para contratar a 20 parados durante nove meses; o proxecto inclúe tamén a creación dun punto de información turística en Arante

Praia das Catedrais. EFE/ELISEO TRIGO

O Concello de Ribadeo solicitou á Consellería de Economía, Emprego e Industria un novo obradoiro dual de emprego para poñer en valor e promocionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio ribadense. A solicitude permitiría contratar 20 alumnos maiores de 18 anos, en situación de desemprego, durante nove meses. A creación dun punto de información turística no Santuario das Virtudes, na Ponte de Arante, onde se celebra a Festa de Interese Turístico Galego, ou a recreación virtual de como eran no pasado lugares como As Catedrais, a muralla medieval ou o porto, son os obxectivos que se marca o goberno municipal.

O obradoiro, segundo expón o Concello, levaría por nome RibadeoXCamiño, e constaría de dúas partes; unha centrada nos produtos multimedia interactivos e outra na promoción turística local e información ao visitante.

FORMACIÓN EN TURISMO E INFORMÁTICA

O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, explicou que o obradoiro daría aos participantes “a posibilidade para a obtención de certificados de profesionalidade, desde o punto de vista do Turismo para traballar en diferentes puntos de información turística, e noutro módulo dentro da familia da Informática, que é un dos perfís laborais máis demandados na actualidade”, argumentou.

Suárez Barcia subliñou que “o que conseguiríamos para Ribadeo é desenvolver aplicacións informáticas cos diferentes puntos de interese, desde o punto de vista turístico, para ter unha información actual. Tamén para lograr unha recreación histórica de cada punto, por exemplo, como era a praia das Catedrais hai varios séculos, ou que había antes da Torre dos Moreno que estaba a Torre do Reloxo, como era a muralla medieval de Ribadeo ou como era o porto nos séculos XVII e XVIII. Unha recreación histórica desde o punto de vista informático, con realidade virtual, que penso que para o visitante sería un aliciente moi importante”, sostivo.

REDE DE ESTABLECEMENTOS COLABORADORES

O alcalde engadiu que “tamén nos gustaría con este obradoiro crear unha oficina temporal na contorna do Santuario das Virtudes, na Ponte de Arante, precisamente para preparar este Xacobeo 21“.

Por outra banda, sinala Suárez Barcia, “queremos continuar coa labor de promoción do Camiño Norte ao seu paso por Ribadeo, creando unha rede de establecementos colaboradores que ofrezan produtos e que ofrezan servizos a todos os peregrinos. Polo tanto este obradoiro, moi ben fundamentado, esperemos que teña a aprobación da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos próximos tempos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here