Llano acusa de “oportunista” ao BNG, que denuncia contratacións “a dedo” na escola de música

O Concello alega que "non puido licitar" cinco prazas de docentes "ao estar en funcións"; os nacionalistas consideran o feito "moi grave" e esixen "a depuración de responsabilidades"

Banda de Música da Escola de Burela. AXM

O BNG de Burela anunciou que “esixirá a depuración de responsabilidades políticas oportunas” en relación coa “contratación a dedo e encoberta de profesorado” na escola de música municipal de Burela, que segundo denunciaron tanto a formación frontista como o Partido Popular constitúe “unha situación ilegal”, dado que se está a realizar “unha xestión indirecta” de determinadas materias docentes “sen contrato que a sustente”, incumprindo tanto o regulamento do servizo como a Lei de Contratos do Sector Público (LCSP).

O Bloque burelao expón que, “segundo se desprende dun recente informe da intervención municipal, o Concello está a contratar profesorado de forma encoberta”. A formación frontista denuncia que Intervención “detalla minuciosamente distintos textos dos que se desprende que o goberno local estivo pagando periodicamente facturas en concepto de docencia en distintas especialidades instrumentais a unha empresa externa sen contrato de obra menor e en contra do regulamento da escola de música municipal”.

CATRO FACTURAS, POR ARREDOR DE 19.000 EUROS

No citado informe, prosegue o grupo municipal nacionalista, figuran catro facturas por un importe total 18.880,36 euros en concepto de “docencia nas seguintes especialidades: saxofón, piano, percusión, canto, violonchelo, guitarra e óboe”, con data de setembro, outubro, novembro e decembro de 2019.

Para o voceiro do BNG burelao, Mario Pillado, trátase dun informe “moi rigoroso e moi ben documentado no que se detalla pormenorizadamente como se está a contratar profesorado nas especialidades instrumentais facturadas, concluíndo que se está a incumprir o regulamento de funcionamento da escola de música, así como a LCSP, sendo que se está a prestar unha parte do servizo mediante xestión indirecta sen ningún tipo de contrato que a sustente”.

SEN OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO NIN CONTRATO DE OBRA

Pillado engadiu que “a contratación de profesorado de distintas especialidades instrumentais non só está a facerse sen a oferta pública de emprego preceptiva, senón que se están a pagar facturas sen a correspondente tramitación de expediente de contratación de obra menor para a impartición de docencia nas especialidades facturadas”. O referido informe, prosegue o voceiro dos nacionalistas burelaos, “vai máis alá e sinala que existen indicios de fraccionamento do contrato por ser que se presentan facturas no mesmo día ou en tempos distintos pero periodicamente que no seu conxunto superan os límites do contrato menor, incumprindo o previsto na LCSP”.

A FORMACIÓN FRONTISTA PREGUNTARÁ NO PLENO

Segundo expón o BNG de Burela, Intervención conclúe que se está a realizar “unha xestión directa para a cal non consta contrato”, que supera “o período dun ano” e para a que a figura do contrato menor “non resulta de aplicación, de xeito que require da tramitación do correspondente procedemento de licitación“.

Pillado, que responsabiliza ao alcalde, o socialista Alfredo Llano, e ao concelleiro de cultura e educación, José Díaz, de “contratacións opacas e realizadas a dedo, a proposta da propia dirección da escola de música”, adiantou o rexistro dunha batería de preguntas para aclarar esta situación no pleno e afirmou que o BNG burelao non descarta “outras medidas como unha auditoría externa ou mesmo emprender accións legais, se chegado o momento o consideramos oportuno, porque entendemos que estamos diante de feitos moi graves”.

O ALCALDE ASEGURA ACTUAR “POR RESPONSABILIDADE”

O alcalde de Burela, que respondeu a través dun comunicado de prensa, asegura ter actuado “por responsabilidade” e “para atender as necesidades da escola de música, mentres o goberno municipal se atopaba en funcións”.

Llano expuxo que a contratación de cinco profesores “non se puido levar a cabo ao non ter posibilidade de sacar as prazas, porque o goberno estaba en funcións; un informe de Intervención indicou tamén que non se podían contratar da maneira como se viña facendo. Entón o que se fixo foi contratar unha empresa de servizos para dotar de persoal especialista en instrumentación, na preparación de eventos e en formación para o alumnado da escola porque non podíamos deixalos sen atención e sen actividades”, manifestou.

“Mentres non se elabore a Relación de Postos de Traballo (RPT), que vai contemplar a totalidade do profesorado que fai falta para que a escola de música funcione perfectamente e de forma óptima, hai que adoptar solucións”, argumenta Llano, que engade que o persoal “funcionou perfectamente. A metodoloxía foi pensada única e exclusivamente para favorecer o aprendizaxe do alumnado”, indicou o alcalde no texto, no que non aclara o criterio de selección do profesorado nin o xeito de contratación do persoal.

O rexedor burelao aféalle a Pillado que “el era coñecedor de todo o que se estaba a facer, porque se lle explicou”, e acusa aos nacionalistas de querer “desgastar ao equipo de goberno” e de “oportunismo político” ante a proximidade das eleccións autonómicas. “Paréceme ben que neste contexto se tire da alfombra a ver se sae algún peliño, pero hai que ser serios, e os comicios non teñen que ver coa realidade do Concello”, alega.

A RPT, PENDENTE

No tocante á RPT, Llano concreta que “unha vez feitas as eleccións sindicais vaise volver comezar coas negociacións”. O documento “inclúe o profesorado que necesita a escola de música para poder atender ao alumnado que vai a ese centro. Pretendemos que sexa unha escola de música de referencia na Mariña Lucense e por tanto queremos a máxima calidade e a maior dotación docente para que poida ser así”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here