IniciosociedadeRibadeo rexistrou 13 denuncias por violencia de xénero no 2019, cinco máis...

Ribadeo rexistrou 13 denuncias por violencia de xénero no 2019, cinco máis ca no 2017

A Subdelegada do Goberno remarca este aumento, do 38,46% nun prazo de dous exercicios

Publicada o

- Advertisement -

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que a seguridade no concello de Ribadeo mantense en niveis semellantes aos do ano anterior, pero alertou do aumento no número de denuncias por violencia de xénero.

A subdelegada, que presidiu xunto co alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a reunión da xunta local de seguridade celebrada esta mañá no consistorio, dedicou unha especial mención á loita contra a violencia machista pois informou que no último ano rexistráronse neste concello 13 denuncias por este motivo, cinco máis que en 2017.

Rodríguez fixo fincapé na importancia de que as vítimas de violencia machista presenten denuncia e na necesaria implicación e traballo conxunto por parte de todas as institucións, forzas de seguridade e a propia sociedade para darlles protección.

MENOS INFRACCIÓNS PENAIS

No tocante á taxa de criminalidade de Ribadeo, a subdelegada deu conta de que en 2019 foi de 25,07 por cada mil habitantes, unha cifra que é lixeiramente inferior á rexistrada no ano 2018, cando se situara en 25,15.

Rodríguez explicou que os datos oficiais da Garda Civil reflicten que durante 2019 rexistráronse no municipio un total de 247 infraccións penais, 106 delitos graves e menos graves e 141 leves. Esta cifra supón que a delincuencia experimentou un pequeno descenso, do 0,8%, con respecto ao ano anterior, cando se rexistraron no municipio un total de 249 infraccións penais.

Ademais, a subdelegada detallou que o ano pasado os axentes da Garda Civil detiveron en Ribadeo a 45 persoas pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos e investigaron a outras 46.

PLAN DE SEGURIDADE ESCOLAR

A subdelegada do Goberno central indicou que no pasado curso académico impartíronse en colexios de Ribadeo sete charlas sobre temática de especial interese para os escolares como o acoso escolar, drogas e alcohol, racismo e xenofobia e incendios forestais.

Para este curso están programadas neste momento un total de doce actividades que se organizan, a petición dos centros escolares, coa colaboración da Garda Civil e a Policía Nacional dentro do Plan Director para Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e as súas contornas.

SUÁREZ BARCIA PIDE ELIMINAR AS FOCHANCAS DA A-8 E HABILITAR ALUMEADO NAS ROTONDAS

Pola súa banda, Suárez Barcia subliñou que as taxas de delincuencia no municipio ribadense “están por debaixo da media galega e que as cifras baixaron en 2019 con respecto ao ano anterior”. No capítulo de suxestións feitas polo Concello figuran melloras polas fochancas da A-8 ao seu paso por Ribadeo e o alumeado nas rotondas da autovía.

“A queixa que temos desde hai tempo polo estado da A-8, ao seu paso por Ribadeo, que ten bastantes fochancas, e tivemos a comprensión e boa receptividade destas peticións, que serán atendidas en breve. Así como na intención de mellorar o alumeado de rotondas que están vinculadas á autovía, sobre todo no que ten que ver cos pasos de persoas, dado que no ámbito urbano de Ribadeo e en Vilaselán tamén son ámbitos urbanos, pasan os viandantes e aí estamos un pouco preocupados. A ver se podemos chegar a algún tipo de acordo nos próximos tempos, a corto prazo”, desexou.

UN AXENTE MÁIS PARA A POLICÍA LOCAL

O alcalde de Ribadeo subliñou “a colaboración que está habendo entre a Garda Civil e a Policía Local, moitas veces con coordinacións conxuntas. Precisamente estes días estamos incrementando a nosa cativa Policía Local, que agora aumenta nun novo efectivo, e esperemos que nos próximos meses teñamos outro máis para ir cubrindo a ratio que debe ter Ribadeo”.

O novo axente chega a Ribadeo polo proceso de mobilidade, procedente de Burela. “Vén cubrir unha das tres vacantes que tiñamos aquí”, expón Suárez Barcia. A Policía Local ribadense conta así con dez efectivos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...