Alumnado do CIFP Porta da Auga formarase no Servizo de Axuda no Fogar de Barreiros

O Concello barreirense e o centro ribadense asinaron o convenio de colaboración, polo que os estudantes realizarán as prácticas laborais desde este mes ata xuño

Sinatura do convenio. AXM

A alcaldesa de Barreiros e representantes do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga de Ribadeo asinaron na mañá deste mércores un convenio para que a entidade local reciba alumnado do centro de formación para realizar as súas prácticas laborais no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, sinalou no acto de sinatura que “este é o primeiro dos convenios que asinamos co centro para acoller alumnado en formación para as prácticas dos seus estudos e agardamos que a colaboración se poida estender no tempo, xa que parécenos importante que as persoas que se están formando nas distintas opcións profesionais poidan tamén coñecer o funcionamento das administracións públicas, neste caso locais, e así complementar mesmo a formación profesional do ciclo que cursan”.

Ao acto de sinatura do protocolo acudiron tamén as concelleiras de servizos sociais, a socialista Carmen Veiga, e a de igualdade, saúde e educación, a nacionalista Montse Porteiro.

A colaboración entre a institución municipal e o centro de ensino comezará neste mesmo mes, cando a finais do mesmo se incorporará unha alumna do ciclo de atención ás persoas en situación de dependencia a realizar as prácticas no SAF barreirense, ata mediados do mes de xuño.

80 USUARIOS

O servizo de axuda no fogar en Barreiros é xestionado de xeito directo polo propio Concello, contando con un cadro de persoal de 25 persoas, que prestan servizo á totalidade de persoas demandantes, non existindo lista de agarda para o mesmo, atendendo a preto de 80 persoas usuarias.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here