Dous familiares e sete sanitarios ficarán illados tras confirmarse un positivo por coronavirus en Foz

Segundo o Sergas, o paciente infectado está "estable" e en situación "tranquila"

Hospital da Costa. AXM

A Xunta de Galicia confirmou este martes o primeiro caso de coronavirus na provincia de Lugo. Trátase dun home residente de Foz. A segunda proba, realizada no Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid, confirmou que o veciño que deu positivo nun test inicial ao que foi sometido no Hospital Público da Mariña, e que permanece illado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), foi contaxiado desta afección.

A Consellería de Sanidade confirmou que hai 27 persoas infectadas en Galicia, nove máis ca o pasado luns, e outros tres casos en observación. Segundo expuxo o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Ramón Ares, o doente atópase “estable” e en situación “tranquila”.

A Xunta precisou que se detectaron “ata tres focos: un na Coruña, no Centro Cívico, outro en Vigo e o último en Lugo, con dous parentes afectados; os catro casos restantes dos 27 confirmados serían individuais e sen repercusións noutros pacientes”, afirmou.

O home infectado, avanzou El Progreso, ingresou por neumonía no Hospital Público da Mariña o pasado luns e tralo primeiro positivo foi trasladado a Lugo, onde permanece nunha habitación de presión negativa. Segundo puido saber o Xornal da Mariña, a persoa afectada admitiu ter visitado recentemente uns parentes en Madrid, e activouse o protocolo por coronavirus malia que polo de agora, pese a proliferación de casos nos últimos días, a comunidade madrileña non está considerada unha zona de alto risco, como si ocorre con Italia ou China.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegura que desde o ingreso se “activou o protocolo e tomáronse todas as medidas preventivas oportunas”, entre elas o rastrexo dos contactos máis frecuentes por parte dos preventivistas. Deste xeito, segundo expuxo a Xunta de Galicia en rolda de prensa, sospéitase que dous parentes poidan estar afectados, polo que permanecerán illados.

TRABALLADORES DO HOSPITAL, NOS DOMICILIOS POR PRECAUCIÓN

Ademais, segundo puido saber este diario, alomenos sete traballadores do Hospital Público da Mariña permanecerán por precaución os próximos 14 días nos seus domicilios, sen que ningún evidenciase síntomas de contaxio.

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, ata este martes realizáronse probas a outras 25 persoas nos centros hospitalarios da provincia por coronavirus, resultando todas negativas, sen que ningunha tivera relación de parentesco coa persoa infectada.

CIG E SERGAS POLEMIZAN POLA EXECUCIÓN DO PROTOCOLO

A CIG emitiu un comunicado no que asegura que entende que o protocolo do Sergas “non funcionou correctamente, xa que” o doente “non debera ingresar e ser illado nunha habitación sen presión negativa nunha das plantas de hospitalización do Hospital da Mariña, debendo permanecer no circuíto de urxencias en illamento ata a súa confirmación (ou non) e posterior traslado ao centro de referencia (HULA)”. O sindicato demandou máis “transparencia” e “formación para o persoal”, ademais da “dotación de EPIs (equipos de protección individual)”.

Desde o Sergas afirman que o protocolo se seguiu “estrictamente” e que o paciente “foi illado desde o primeiro momento polas sospeitas clínicas e epidemiolóxicas que había”. As mesmas fontes aseguran que o persoal do hospital e dos centros de saúde “están formados e teñen información”, ademais de “equipos de protección individual. Non se pode crear alarma“, expoñen, para reclamar á central sindical “responsabilidade”.

LIMITACIÓNS NAS VISITAS A HOSPITAIS E RESIDENCIAS E NA CELEBRACIÓN DE EVENTOS

O Goberno autonómico, informa Efe, limitará durante os próximos 14 días as visitas a hospitais e residencias de anciáns, onde cada paciente ou interno só poderá recibir a un acompañante, cuxa idade debería ser, preferiblemente, inferior aos 70 anos.

Outras medidas pasan pola recomendación de evitar celebrar eventos de todo tipo cun aforo superior ás mil persoas ou a de recorrer a consultas telefónicas en lugar das visitas a centros médicos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here