IniciosociedadeEscasa asistencia aos colexios e institutos da Mariña nunha xornada de transición...

Escasa asistencia aos colexios e institutos da Mariña nunha xornada de transición ante a epidemia

O profesorado traballa para adaptar os programas ao ensino telemático

Publicada o

- Advertisement -

Os colexios e institutos da Mariña Lucense viviron este venres unha xornada de transición de cara ao vindeiro luns, cando se iniciará a suspensión das clases nos centros educativos decretada pola Xunta de Galicia como medida de contención do coronavirus. A maioría do alumnado non asistiu a clase e as aulas baleiras foron a imaxe predominante ao longo dunha mañá na que o Goberno autonómico deixou ás familias a decisión de manter ou non aos pícaros na casa. A maioría decidiu en función das súas posibilidades para asumir o cargo dos fillos en horario matinal. Si estiveron ao completo os cadros de persoal, que tiñan a obriga de ir ao traballo malia as recomendacións de que non se produzan aglomeracións de xente.

No Centro Educativo de Infantil e Primaria (Ceip) Virxe do Carme de Burela asistiron a clase 30 alumnos dun censo de 322. “Dos cursos infantís non viñeron case ningún, só dous; os maiores foron os que máis acudiron. A verdade é que non sabíamos que ía pasar e hai máis alumnado quizais do que contabamos”, explica a xefa de estudos do centro educativo dos Castros, Pepa Fernández.

OS PEQUENOS, O MAIOR RETO PARA AS PROGRAMACIÓNS

Os 31 docentes do colexio “estamos todos, ata que non recibamos outras instrucións”. Os docentes tentan evitar aglomeracións e traballar, na medida do posible, en diferentes espazos ou en grupos pequenos. A xornada está a ser, con todo, “moi atarefada”, precisa, “porque estanse a elaborar instruccións a transmitir e tamén organizando o traballo para que o alumnado poida facer actividades telematicamente, a través da plataforma online, aínda que o curso non se seguirá obviamente coa mesma intensidade”. Para os máis pequenos, a situación supón un maior desafío, polo que “se están a barallar diferentes opcións que aínda non están claras”, sinala.

EXAMES PENDENTES

O director do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz, Nicolás Asensio, asegurou que a participación na xornada escolar foi “mínima, secundaria“. Tan só se achegaron “algúns alumnos con exames pendentes por facer, que quixeron someterse ás probas de xeito voluntario”, e outros a pedir información sobre o curso, explica.

Asensio expón que o centro educativo focego tiña pendente un intercambio cun instituto francés a partir do vindeiro día 18, actividade que quedou aprazada. No tocante aos estudos de Hostalería, a asistencia a clase foi pouco significativa “e é o propio profesorado quen está a asumir o servizo de comedor, do que fixeron uso dous alumnos“. De cara ao luns, o equipo directivo tenta cancelar os pedidos a provedores ao non haber alumnado.

O director do centro explica que o profesorado traballa para programar as tarefas a realizar de xeito telemático, coa intención de que a suspensión das clases, a partir do vindeiro luns, afecte o menos posible ao desenvolvemento do curso. “Cada asignatura é particular, hai materias máis teóricas, outras máis practicas, están os ciclos de Cociña, e estamos a organizarnos para que o programa se poida seguir telematicamente, a través de Whatsapp ou plataformas como Dixgal; o alumnado xa está acostumado a elas e son ferramentas potentes”, resume.

“A UNS FAI FALTA CONCIENCIALOS, OUTROS INCLUSO BOTARON ALGUNHA BÁGOA”

O alumnado afronta a situación de distintas maneiras. “Hai quen o ve como unhas vacacións, sobre todo o máis novo, e teslles que explicar que non o son e que deberan evitar ir ao parque; outros son máis sensibles e teñen inquedanza. Houbo alumnado de algún curso superior que botou algunha bágoa. Tentamos transmitir que é unha enfermidade que non é tan grave como outras, pero que si que estamos nunha situación seria“, sinala.

O PROFESORADO, TENTANDO NON COINCIDIR PARA EVITAR AGLOMERACIÓNS

No tocante ao profesorado, hai 68 docentes, que están tentando realizar o seu traballo “por chanzos horarios e en aulas diferentes“. Asensio precisa que entre persoal administrativo e de limpeza traballan no IES de Foz “unhas cen persoas“, polo que non é doado cumprir coas recomendacións de evitar aglomeracións en espazos reducidos. Espérase que, conforme avancen os días, os profesores poidan traballar cada vez máis desde a casa.

NO GREGORIO SANZ A PARTICIPACIÓN SUPEROU O 20%

No Ceip Gregorio Sanz, de Ribadeo, asistiron a clase 80 alumnos dun censo de 397. “Temos un pouco de todo, nenos de todas as idades. Somos un colexio numeroso e esperabamos que malia os consellos viñeran bastantes nenos”, concreta Lourdes Marqués, a directora, que engade que “non houbo incidencias nin co comedor nin co transporte”.

Os 33 profesores do centro perfilan, igualmente a maneira de seguir o curso a través de internet.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...