IniciosociedadeViveiro pecha "servizos públicos non prioritarios" e habilita un teléfono municipal para...

Viveiro pecha “servizos públicos non prioritarios” e habilita un teléfono municipal para “urxencias”

Só abrirán a Praza de Abastos e o Matadoiro e a cancélase a actividade administrativa presencial, así como obras e xardinería, pois "non se garante evitar contaxios"

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro trasladou na mañá deste domingo aos empregados municipais unha circular con medidas a adoptar no traballo diario da administración local durante os próximos días. O goberno local pecha “todos os servizos públicos non prioritarios”, dado que é a “medida única que cabe adoptar por parte desta administración local, por responsabilidade e en aras a contribuír á minimización dos contaxios” por coronavirus.

Mantéñense os “servizos públicos esenciais” como a Policía Local e Protección Civil baixo as directrices que acorda o Estado de alarma; parcialmente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para os usuarios aos que resulta imprescindible, baixo criterios técnicos; a limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbáns, así como o de abastecemento de auga e sumidoiros. Manterase diariamente de luns a venres a recollida na oficina de correos da correspondencia oficial dirixida ao Concello así como o seu rexistro diario.

Deste xeito suspéndense a actividade administrativa presencial e a dos servizos de obras e xardinería. Pecharán todas as instalacións municipais agás a Praza de Abastos e o matadoiro.

O PERSOAL DEBERÁ ESTAR LOCALIZABLE

Habilítase un número de teléfono para garantir a dispoñibilidade en caso de urxencias ou necesidades inaprazables da cidadanía (982.57.09.09). Este teléfono será atendido polo persoal de Protección Civil, que será o encargado de comunicar á xefatura de cada departamento as necesidades xurdidas.

O persoal de servizos administrativos deberá, “sempre que resulte posible tecnicamente, realizar o desempeño das súas funcións dende os seus domicilios, mediante o uso da plataforma de administración e xestión electrónica municipal, realizando a consulta diaria ás contas de correo electrónico propias e corporativas e colaborando en todo o posible para garantir a continuidade de cada un dos servizos”.

O persoal municipal durante este período estará, en todo caso, “localizable e dispoñible para atender calquera necesidade. Esíxese un exercicio de total responsabilidade a todo o persoal municipal, que deberá colaborar nas tarefas que, dentro das súas funcións, lle sexan requiridas”.

Dado que gran parte das instalacións municipais permanecerán pechadas, o executivo municipal encomenda ao servizo de Protección Civil a inspección periódica destas instalacións.

O goberno local considera que “debe prevalecer en todo caso a garantía sanitaria, evitando na medida do posible os contactos persoais co ánimo de minimizar os posibles contaxios, mantendo en todo caso os servizos prioritarios”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

“Somos conscientes dos prexuízos que se poden ocasionar á cidadanía coa suspensión de determinados servizos, trátase de decisións difíciles, pero consideramos que a situación actual é o suficientemente extraordinaria como para xustificar que se prime a seguridade pública sobre a prestación de servizos non esenciais”, engade.

“MEDIDA EXTRAORDINARIA”

O Concello entende que “o mantemento da totalidade de servizos públicos da administración local, aínda que se adoptasen medidas de seguridade específicas como traballo a porta pechada, mantemento de distancias de seguridade en oficios externos, non garante evitar contaxios, podendo incluso contribuír á propagación do virus”.

“Trátase dunha medida extraordinaria co fin de ser consecuentes coa situación actual e contribuír entre todos a minimizar o efecto desta pandemia, esixindo que por todos os traballadores se valore como tal e se actúe en consecuencia. Esíxese responsabilidade e colaboración para conseguir entre todos superar esta crise sanitaria”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...