IniciosociedadeBurela, Mondoñedo ou Xove seguirán o coronavirus e Foz leva comida e...

Burela, Mondoñedo ou Xove seguirán o coronavirus e Foz leva comida e fármacos aos máis vulnerables

Os Concellos crean comités para avaliar a situación da pandemia; a Feira de Artesanía de Riotorto únese aos eventos cancelados

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela constituíu un comité de seguimento para analizar a evolución da situación orixinada polo coronavirus. O alcalde, Alfredo Llano, asinou un novo bando no que informa que o servizo de axuda no fogar (SAF) só se manterá para aqueles usuarios que precisen atencións persoais e que non teñen coidadores que se poidan facer cargo de tarefas como o aseo persoal, levantarse, administración de medicación ou facer a comida. No consistorio establecéronse uns servizos mínimos. Haberá atención telefónica e telemática e estarán operativos reténs de Obras ou Protección Civil, entre outros, para emerxencias eléctricas ou outras circunstancias. Moitos departamentos traballarán desde as súas casas.

Llano sinalou que “xa se cerraron todas as dependencias municipais (deportivas, culturais, educativas) e no propio edificio do Concello fixemos unha proposta de servizos mínimos; a Policía Local estará atendendo desde as 09.00 ás 14.00 horas, pero só para casos moi concretos e xustificados”.

“Tamén temos atendido o Rexistro e o servizo de empadroamento por se fixeran falta, pero penso que non van ter practicamente usuarios”, expón o rexedor.

No Bando asinado polo alcalde indícase que o servizo de atención temperá suspende as consultas individuais, aínda que unha persoas estará operativa no centro para urxencias e trámites.

Llano tamén contou que “constituímos hoxe unha comisión municipal que vai facer un seguimento. Nese comité están o alcalde, concelleiros de todos os grupos políticos, a Policía Local, Protección Civil, o encargado de Obras e a secretaria. Marcamos unhas pautas a seguir, analizaremos como se comporta a xente, trataremos de motivar para todo o mundo colabore”, resumiu. A segunda reunión será o mércores, 18.

VACINAS

Desde o departamento de Pediatría do centro de saúde de Burela pedíronlle colaboración ao Concello na difusión da seguinte mensaxe: “evitar acudir a calquera centro sanitario salvo caso de extrema necesidade. Consultar telefonicamente”. E puntualizan que “nestas dúas semanas so vacinarán aos menores de seis meses que xa estivesen citados. O resto de revisións quedan anuladas ata nova orde. Restrínxense as visitas salvo patoloxía non respiratoria que sexa urxente. Aínda así haberá un triaxe e se a doenza non require atención inmediata ou a corto prazo, mandarase ao doente para a súa casa”, remarca.

O Concello de Foz anunciou a posta en marcha un servizo extraordinario de axuda a persoas que o necesiten como consecuencia das limitacións de desprazamentos polo estado de alarma orixinado pola propagación do virus Covid-19.

O SERVIZO EN FOZ, DE LUNS A DOMINGO

O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explican que “somos sabedores de que poden existir situacións complicadas, de persoas con mobilidade reducida ou dificultades para desprazarse a tarefas básicas e imprescindibles como son a provisión de alimentos ou medicamentos“.

Deste xeito, proseguen, “dispoñeremos de liñas abertas de luns a domingo, os 7 días da semana, en horario ininterrompido de 9.00 a 21.00 horas. Aquel que precise dunha atención que non sexa médica terá o apoio do Concello para o asistir. O fundamento é que as persoas con dificultades (maiores, dependentes e illados que non dispoñan de apoio familiar e social) poidan ter a axuda da administración e sexamos nós os que nos despracemos por eles. Tarefas cotiás como ir ao supermercado ou á farmacia poderán ser realizados polo persoal de apoio do executivo municipal”, remarcan.

Os teléfonos aos que as persoas interesadas se deberán dirixir son os seguintes: de luns a venres de 9.00 a 21.00 horas, 982.133.566; sábados e domingos, no mesmo horario, 982.550.940. “Esperamos que este servizo axude a quen realmente o poida necesitar e que se use de xeito responsable pola veciñanza”, rematan o alcalde e a edil de Servizos Sociais.

RIOTORTO

O Concello de Riotorto comunicou a través das súas redes sociais que apraza a Feira de Artesanía do Ferro. A cita ía cumprir o vindeiro 19 de abril a súa décimo cuarta edición.

Cartel do evento. AXM

TRABADA

O Concello de Trabada tamén pechou por precaución as instalacións municipais e decretou servizos mínimos, que podes consultar no Bando adxunto a continuación.

Bando do Concello de Trabada. AXM

PROTOCOLO NOS PORTOS

A Consellería do Mar vén de elaborar un protocolo de servizos esencias que rexerá a actividade portuaria durante o tempo de vixencia das medidas especiais derivadas da emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19. Este plan oriéntase a garantir a actividade portuaria pesqueira, facilitando o subministro de servizos básicos aos mercados, e evitar a propagación do virus nos peiraos de titularidade autonómica.

Así, o protocolo recolle que, pese a que as oficinas portuarias permanecerán pechadas ao público e a atención delas será telefónica, todos os peiraos serán atendidos por alomenos un celador con capacidade de asistencia presencial para todas aquelas tarefas que non poidan desenvolverse de xeito telemático.

Polo que respecta aos portos deportivos, durante a vixencia do estado de alarma polo COVID-19, a circulación de persoas e vehículos quedará limitada ás necesidades básicas. Deste xeito, a Consellería do Mar recomenda manter só servizos esencias en cada instalación e unicamente o persoal indispensable para realizar tarefas básicas como o control das instalacións, amarre, subministro de auga, electricidade e carburante no seu caso. Os salóns ou estancias de uso común deberán permanecer pechados.

Finalmente, en relación ao servizo de practicaxe, manterase en caso de necesidade inevitable e para o seu desenvolvemento seguiranse todas as directrices de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.

MONDOÑEDO

O Concello de Mondoñedo, ao igual que o de Burela, creará tamén unha comisión de seguimento da pandemia. Ademais, suspende a atención presencial nos servizos municipais, que se realizará de forma telemática ou telefónica.

XOVE

En Xove tamén se constituíu un comité de seguimento da epidemia. Ademais, cancélase a atención presencial á cidadanía.

XUNTA E DEPUTACIÓN PECHAN DEPENDENCIAS

Xunta de Galicia e Deputación de Lugo tamén pecharon as súas dependencias, de xeito que quenes queiran dirixirse ás Administracións deberán facelo de xeito telefónico ou telemático. No caso do Goberno galego, o teléfono para consultas é o 012. O goberno provincial cancelou tamén o pleno extraordinario previsto para o día 20.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...