IniciosociedadeBurela insta á veciñanza a secundar unha campaña para que os maiores...

Burela insta á veciñanza a secundar unha campaña para que os maiores “non saian mercar”

O Concello enviará cartelería para pegar nos edificios e habilita un número de teléfono para aqueles que precisen recibir comida ou fármacos a domicilio

Publicada o

- Advertisement -

Os gobernos locais seguen reaccionando ás esixencias que provoca a epidemia do coronavirus. O Concello de Burela habilita o teléfono 982.58.13.13 para garantir a protección dos maiores e das persoas máis vulnerables. Carmela López, concelleira de Servizos Sociais, pide colaboración á veciñanza para que esta información se difunda o máis posible e ninguén quede sen atención. O obxectivo é “que non saian mercar á rúa”.

A edil de Servizos Sociais explicou que “colocamos carteis informativos en supermercados, tendas de alimentación e farmacias do pobo e subímolo ás nosas redes sociais ademais de compartilo en numerosos grupos de WhatsApp para darlle a maior difusión posible. A idea é que cada veciño o poda imprimir, solicitando o mesmo a través do noso mail burela@burela.org ou a través das redes sociais e así o pegue no portal da súa comunidade de veciños ou na contorna para que chegue ao maior número de veciños e poder garantir a protección dos nosos maiores e das persoas máis vulnerables. Temos que intentar evitar que saian mercar á rúa”, conclúe.

López indicou que “a este teléfono responderá o responsable de Protección Civil, que estará operativo de 8.00 a 22.00 horas, e á súa vez será derivado a min, como concelleira de Servizos Sociais, que decidirei dependendo da casuística de cada situación individual como actuar”, concreta.

Cartel da iniciativa. AXM

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Para isto, hai un dispositivo preparado formado polo equipo SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que segue mantendo o servizo nos domicilios onde aos usuarios se lles realiza atención persoal ao non teren coidadores principais que se poidan facer cargo do aseo persoal, levantarse, mercar medicinas e alimentos, administrar a medicación ou facer a comida, non sendo así para os domicilios que soamente recibían atención doméstica (limpeza do domicilio). “Esta medida tomouse para minimizar o risco do contaxio e falando previamente con cada familia”, explica.

A concelleira burelá engadiu que “tamén formará parte do dispositivo Protección Civil e colaborarán o Centro de Día de Menores San Aníbal e Cáritas Parroquial, os cales se puxeron á nosa enteira disposición. Tamén estamos en contacto directo coa Cruz Vermella”, indica López, que salientou “que moitos voluntarios nos escribiron” para realizar “unha rede de colaboración”. Remarcou ademais que moitos negocios se puxeron en contacto co executivo municipal para axudar.

A MANCOMUNIDADE CHAMA A NON ESQUECERSE DO COMERCIO LOCAL

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, indicou que os Concellos están en permanente contacto e comparten información e experiencias sobre as medidas adoptadas diante da alerta sanitaria que estamos a sufrir. Cajoto mantivo contacto co presidente da FCAM, José Carlos Paleo, para falar da complicada situación pola que están a atravesar o comercio e a hostalería e estudarán futuras accións ou plans a levar adiante para revitalizar e axudar a estes sectores.

“Sabemos que agora mesmo os subministros se centralizan no goberno de España, porque hai unha primeira prerrogativa que é atender aos centros sanitarios e aos centros de saúde. Cando amainen un pouquiño as augas, aínda que sigamos no confinamento, xa se están pensando nesas actuacións que podemos facer. Saíu onte ese Real Decreto para, na medida do posible, reactivar a nosa economía, tamén desde a propia Mancomunidade favoreceremos ese impulso económico unha vez pasado este período para todas aquelas entidades, comercios e outros que o están pasando mal, que poidan sobrelevalo da mellor maneira posible”, salientou.

A MANCOMUNIDADE COMPROMETE “ACCIÓNS E PLANS” PARA FAVORECER O COMERCIO MINORISTA

CAJOTO PIDE GARANTIR OS EMPREGOS

“Ao final o que facemos é un chamamento a intentar garantir os traballos da mellor maneira, todos aqueles empregos que se poidan garantir intentar soportalos e desde logo falando xa de colaboracións  futuras para cando pase esta crise e así poder reactivar o sector”, indica.

Para o presidente da Mancomunidade “ao final cando temos unha situación destas características vese quen realmente está ao pé do canón, os veciños que se apoian uns aos outros e por iso sempre facemos un chamamento, na medida do posible, para que despois unha vez que pase esta crise sanitaria, todos e todas apoiemos o comercio local porque é realmente quen soporta o golpe, porque é quen nos apoia para as festas e para todos os eventos que se fan nos distintos Concellos, e máis que nunca o comercio nos vai necesitar”, conclúe.

SEN SEMANA SANTA EN MONDOÑEDO

O Concello de Mondoñedo informou de que a Fraternidade Local da Orde Franciscana Seglar comunica a suspensión de todas as procesións de Semana Santa en Mondoñedo, como consecuencia do estado de alarma decretado a causa da crise sanitaria xerada polo coronavirus (Covid-19). O comunicado vén a sumarse ao xa feito público pola diócese de Mondoñedo-Ferrol no mesmo sentido.

SERÁ A PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA RECENTE DE MONDOÑEDO QUE NON HAI PROCESIÓNS

O presidente da Fratenidade, Valentín Ínsua Palacios, explicou que é a primeira vez que se suspenden a saída de todas as procesións na historia recente de Mondoñedo. Recordou que a Semana Santa mindoniense está declarada de Interese Turístico. Nesta ocasión o pregón da debía correr a cargo de Francisco Cal Pardo. Estaba previsto que a figura da Virxe estreara manto na procesión do Xoves Santo. Na do Ecce Homo debían estrearse novos estandartes, obra das concepcionistas mindonienses.

OS ALCALDES PEDÁNEOS DE CERVO VIXILARÁN OS MAIORES QUE VIVEN SÓS

O Concello de Cervo informa de que se está a elaborar un informe preciso e exhaustivo no que se identifica a veciñanza máis vulnerable que vive soa a fin de detectar calquera necesidade que puidesen ter nestes días de confinamento polo estado de alarma decretado.

A rede está formada polos doce alcaldes pedáneos –un por cada núcleo de poboación-, os concelleiros delegados, os Servizos Sociais e o servizo de emerxencias municipal.

O contacto tentará ser en primeira instancia vía telefónica, se non fose posible por este medio, un membro da rede de emerxencia social achegarase ao domicilio para comprobar in situ como se atopa o residente e tomará as medidas que correspondan; dando resposta inmediata a calquera necesidade que puidese ter.

DESINFECCIÓNS TAMÉN EN VIVEIRO OU BARREIROS

O Concello de Cervo informou de que os servizos municipais traballan na desinfección dúas veces ao día das contornas públicas do municipio (beirarrúas, fachadas, mobiliario urbano…), prestando especial atención ás zonas nas que están ubicados os establecementos cuxa apertura está autorizada por Sanidade. A prioridade é a desinfección do centro de día residencia e dos centros de saúde de Cervo e San Cibrao.

A desinfección, que terá lugar preferentemente antes das aperturas e ao mediodía, levarase a cabo cunha disolución de hipoclorito en 1:50, seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade.

As tarefas de desinfección en Viveiro comezaron o pasado luns, tanto no centro como nas parroquias, e prolongaranse ata que finalice o estado de alarma. Este servizo de desinfección presta especial atención ás inmediacións dos supermercados, farmacias, centro de saúde ou paradas de transporte público. En Barreiros comezarase este xoves.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...