Mascarilla 19: a clave que pode evitar casos de violencia de xénero en Ribadeo durante o confinamento

O Concello iniciou unha campaña en colaboración coas catro farmacias do municipio, que avisarán ás forzas de seguridade de haber vítimas ou testemuñas que dean a alerta

Farmacia Boada Garrote, en Ribadeo. ACISA

O Concello de Ribadeo anunciou este mércores que iniciou unha campaña para previr a violencia de xénero nos domicilios nestes días de estado de alarma e corentena por mor do coronavirus.

O goberno local e as catro farmacias do municipio organizáronse para activar un protocolo ideado polo Instituto Canario de Igualdade. Deste xeito, tanto as mulleres que estean a padecer violencia de xénero como aquelas testemuñas que presenciasen situacións deste tipo poderán achegarse aos establecementos farmacéuticos para avisar. Bastará con dicir as palabras “Mascarilla 19“.

A concelleira de Igualdade, a nacionalista Mari Luz Álvarez Lastra, explica que “viñemos analizando estes días os riscos que supón o confinamento para as persoas que son vítimas de violencia de xénero, que poden convivir cos seus agresores nos seus propios fogares; estamos preocupados porque poidan aumentar os índices ao haber unha convivencia tan estreita”.

Lastra convida así a todas as persoas “que son vulnerables ou que poidan no seu edificio ser coñecedoras desta situación, a ir á farmacia e pronunciar esta clave. Os profesionais dos establecementos farmacéuticos tomarán datos de referencia e poranse en contacto coas forzas de seguridade e o Centro de Información á Muller (CIM), activándose o protocolo de protección de vítimas de violencia de xénero”.

A concelleira ribadense concreta que a campaña iníciase “a partir de hoxe, mércores”. A edil conclúe que nunha situación de emerxencia sanitaria como a actual non se pode descoidar “a protección das mulleres e crianzas, que nos parece vital”.

BONOS DE COMPRA PARA AS FAMILIAS VULNERABLES

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, anunciou tamén este mércores a concesión de cheques para a compra de alimentos perecedoiros e produtos de hixiene básicos para as persoas ou familias que se atopen neste momento de confinamento en situación de vulnerabilidade social. Eses bonos serán canxeables nos supermercados da vila que se están adherindo a esta campaña. Os cheques serán de 50 euros, que se facilitarán cada 15 días ás unidades de convivencia formadas por unha ou dúas persoas; e con carácter semanal para as familias compostas por tres persoas ou máis.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here