IniciosociedadeBarreiros non cobrará por servizos non prestados e Burela destinará o superávit...

Barreiros non cobrará por servizos non prestados e Burela destinará o superávit do 2019 a axudas

Viveiro ofrece apoio psicolóxico por teléfono ás persoas vulnerables e Ribadeo e BeOne habilitan unha aplicación para axudar a "adestrar na casa"

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros vén de anunciar a suspensión da emisión dos recibos municipais correspondentes aos servizos que sofren algún tipo de modificación nestes momentos a raíz da situación xerada polo coronavirus.

A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, explica que “se adoptou esta decisión sabendo que a situación que están a vivir moitas persoas é moi delicada tamén no económico” e adianta que “unha vez que sexa posible avaliar as consecuencias e o alcance real desta situación, estudarase a adopción de outras medidas que poidan axudar a sobrelevar as consecuencias que se produzan”.

Polo tanto, as persoas usuarias dos servizos municipais da escola infantil, ximnasio, servizo de axuda no fogar (SAF) ou aquelas que teñan espazos municipais alugados, non terán que facer fronte ao custo dos mesmos namentres dure o estado de alarma.

“Son servizos que sufriron modificacións na súa prestación a consecuencia do decreto do estado de alarma e, a esperas de saber como se vai poder afrontar a situación que resulte, pareceunos prudente suspender temporalmente a emisión de recibos, ata adoptar as medidas que sexa posible unha vez superada esta situación de crise sanitaria“, afirma Ermida.

Nese sentido, a alcaldesa apuntou que “posteriormente, unha vez que a situación, o seu alcance e os datos poidan estar máis claros, constituirase unha mesa ou comisión, con participación de todos os grupos políticos e tamén asesoramento técnico para analizar propostas e poder adoptar medidas”.

Desde o Concello sinalan que “na actual situación de incerteza social e económica e tendo en conta a situación da economía municipal non é posible adoptar medidas máis profundas sen un rigoroso estudo das consecuencias”.

RESPALDO CONTRA O ESTRÉS OU A ANSIEDADE

O Concello de Viveiro pon a disposición das persoas que o necesiten un servizo de apoio psicolóxico vía telefónica durante a actual situación de confinamento.

Segundo expuxo o goberno local, a iniciativa vai dirixida fundamentalmente ás persoas que viven soas ou que se atopen nunha situación vulnerable a nivel de saúde e que, ante a emerxencia do Covid-19, teñan problemas de estrés ou ansiedade.

Este servizo será atendido pola psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello de Viveiro, a través do número de teléfono 625.06.22.46.

“Estamos nunha situación moi complicada e hai persoas que non teñen un apoio familiar no concello, polo que temos que prestarlles este novo servizo”, asegura a alcaldesa, a socialista María Loureiro.

A Cruz Vermella tamén colabora con este servizo e habilita outro número de teléfono, o 982.562.200, para a atención por parte dun psicólogo da entidade.

RIBADEO DISPÓN UNHA APP PARA FACER DEPORTE

O Concello de Ribadeo, mediante un acordo coa empresa BeOne, activou unha aplicación gratuíta para que os veciños do municipio poidan “adestrar” na súa propia casa para “manterse en forma” mentres dure “o confinamiento”.

“Estamos preocupados por estas medidas de confinamiento. Os días van pasando e faise moi longo o tempo. A xente está vivindo entre catro paredes e temos que poñer en práctica aquel devandito latino: mens sa in corpore sano“, dixo o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, en declaracións aos medios de comunicación.

Cartel da app. AXM

Para iso, o goberno local chegou a un acordo coa concesionaria da piscina municipal, BeOne, para “poñer ao alcance de todos os veciños unha aplicación gratuíta para que poidan seguir mantendo a súa actividade física mentres dure o confinamiento”.

Poderanse beneficiar desta iniciativa, de “forma excepcional”, todos os veciños do municipio, que terán á súa disposición “300 clases virtuais“, nas que poden participar “desde casa e cando queiran”.

O PLAN ÚNICO EN BURELA, “PARA POLÍTICAS SOCIAIS”

O Concello de Burela informou de que destinará o superávit da conta xeral do 2019 ás axudas para a emerxencia social ocasionada polo estado de alarma. Tamén se destinará a Políticas Sociais a cantidade que sexa precisa do Plan Único. O alcalde, o socialista Alfredo Llano, tamén anunciou que “o goberno local estuda ademais fraccionamentos dalgunhas taxas e impostos municipais”.

O rexedor explicou que “imos utilizar o superávit para familias que poden ter necesidades urxentes, emerxencias ou de pago dalgunha cuestión á que non poden facer fronte. Aínda que non sabemos exactamente a contía porque iso ten que dicilo a Intervención. Pero esa cantidade vaise destinar íntegra a políticas sociais, que poden ser en axudas económicas, á dependencia ou ao servizo no fogar”.

Llano adiantou que “tamén miraremos, a medida que vaia avanzando esta situación, como podemos aplicar o aprazamento do cobro dalgunhas taxas e impostos, da maneira que sexa posible. Ademais algúns, como por exemplo os das terrazas dos establecementos hostaleiros, non se van cobrar loxicamente porque agora mesmo non se están usando”, concluíu.

O CONCELLO BURELAO BARALLA UN PLENO TELEMÁTICO

O alcalde sinalou que en Burela mantéñense os seguintes servizos: a Policía Local, Protección Civil, a recollida de lixo, a limpeza viaria e a axuda a domicilio. “Agora mesmo estivemos repartindo alimentos á xente necesitada. Temos tamén a nosa rede de abastecemento, o alumeado público, a limpeza de edificios e dependencias municipais, e seguimos ademais coa desinfección de todas as rúas e beirarrúas de Burela tratando de abarcar o máximo posible. Temos os servizos sociais, un dos departamentos do Concello que máis se está implicando porque calquera problema que haxa tratamos de atallalo o antes posible”, indica Llano.

Informática, coa posibilidade de realizar un pleno telematicamente ou tamén comisións informativas ou a Xunta de Goberno, é outro dos servizos que está en funcionamento, ademais de ObrasSecretaría, Intervención e Tesourería que o fan telematicamente desde as súas casas, e o Rexistro Xeral que temos en Burela e está funcionando polas mañás”.

A XUNTA DESINFECTA EN DEZ MUNICIPIOS

A Xunta de Galicia programou para o pasado luns labores de limpeza e desinfección en espazos públicos de 20 concellos da provincia de Lugo para contribuír a frear a expansión do coronavirus. Os encargados de realizar estas tarefas son os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural, que actúan nos exteriores de puntos especialmente vulnerables, como centros de saúde, residencias de maiores e de persoas discapacitadas, co fin de incrementar a seguridade de traballadores e usuarios.

Desinfección no Valadouro. AXM

Realizáronse tarefas de desinfección nos seguintes municipios:

Alfoz

Centro de saúde

O Valadouro

Centro de saúde e residencia

Xove

Centro de saúde e residencia San Bartolomeu

Ourol

Centro de saúde

O Vicedo

Centro de saúde

Barreiros

Centro de saúde

Lourenzá

Centro de saúde

A Pontenova

Centro de saúde

Trabada

Centro de saúde e residencia para persoas maiores

Mondoñedo

Centro de saúde, residencia San Rafael e centro asistencial San Pablo e San Lázaro

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...