(CORRECCIÓN) Novos positivos confirmados na residencia Betania de Viveiro, os dunha relixiosa e un maior

No xeriátrico viveirense seguen á espera de realizar probas, mentres que no de Foz, onde hai dez casos confirmados, aínda agardan resultados dos tests a persoal e residentes

Residencia Betania de Viveiro. GOOGLE MAPS

A Consellería de Política Social confirmou dous novos positivos por coronavirus na residencia Betania de Viveiro, onde por agora só estaba documentado o caso dun usuario que foi hospitalizado semanas atrás. Segundo os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia na mañá deste mércores, unha relixiosa –non unha traballadora, como por erro publicou o Xornal da Mariña- e un maior están tamén afectados polo virus.

A relixiosa, segundo confirmaron desde a dirección do centro, leva días illada ante a sospeita finalmente confirmada, e o segundo usuario que deu positivo foi hospitalizado días atrás.

A directora confirman que este xoves realizaranse máis probas ás relixiosas que conviviron máis estritamente coa persoa que deu positivo e tamén a un par de residentes, “por precaución” dado que en principio non presentan síntomas.

A mesma fonte do centro admite a “preocupación” ao documentarse casos nun centro que ten 118 usuarios. “O persoal de Protección Civil tráenos todo o que pode”, remarca, “pero temos carencia de equipos de protección individual (EPIs)”.

EN FOZ, Á ESPERA DUNHAS 60 PROBAS

Segundo os mesmos datos, da pasada noite, non hai novidades por agora sobre as probas realizadas o pasado martes na residencia de Foz, onde se confirmou un foco importante de coronavirus con tres maiores e sete traballadores afectados. Un usuario requeriu de hospitalización, permanecendo en planta.

O pasado martes realizáronse probas ao resto dos traballadores do centro, que conforman un persoal de arredor de 25 persoas, e este mércores sometéronse aos tests os restantes residentes, 37. O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, agarda poder ter “este xoves” os resultados das probas efectuadas, dado o volume de traballo que asumen os laboratorios.

Cajoto remarca a “profesionalidade” do persoal da residencia de Foz, “que está cumprir de marabilla en momentos coma este, con temperanza e transmitindo tranquilidade aos familiares”, que están “entendendo a situación a pesar do difícil que é, non podendo acompañar dentro aos parentes”.

Na residencia de Burela confirmouse o pasado martes o positivo dun traballador, sen que por agora houbese máis casos documentados a nivel oficial.

O NÚMERO DE INGRESADOS, ESTABLES SEGUNDO O SERGAS

Segundo a Consellería de Sanidade, o número de casos positivos hospitalizados en Burela mantense con respecto ao pasado martes, con catro persoas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do Hospital Público da Mariña e outros 16 en planta.

Con respecto aos casos activos na provincia, documentáronse 87 máis, para un total de 458. Deles hai 13 en Uci -nove no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)– e 78 en hospitalización -nove en Monforte, 2 no Virxe dos Ollos Grandes e 51 no HULA-.

No tocante aos casos illados en domicilio, seguen a repuntar, con 367, 76 máis ca no último día de marzo.

MÁIS DE 4.000 CASOS E 115 MORTES EN GALICIA

No referido aos últimos datos, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.058, deles 906 son da área da Coruña, 559 da de Ourense, 382 da de Pontevedra, 955 da área de Vigo, 581 da de Santiago, e 219 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 157 permanecen en Uci, 807 están en unidades de hospitalización e 3.094 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 259 altas de pacientes e 115 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 19.332.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here