“Como sanitario tomas o positivo con naturalidade, pero ninguén escapa a un certo medo”

O alfocego Pedro Reimunde, neurocirurxián no HULA e cooperante en países como Etiopía ou Guatemala, incorporarase a vindeira semana ao traballo despois de pasar pola doenza

Pedro Reimunde. AXM

Pedro Reimunde (Alfoz, 1981), neurocirurxián no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), volverá a vindeira semana ao seu posto no centro hospitalario de Lugo despois de, como moitos compañeiros de profesión ao longo do Estado, contraer o coronavirus. A súa condición de profesional sanitario, a súa experiencia como cooperante en Camerún, Etiopía ou Guatemala e o feito de pasar pola doenza danlle forma a un testemuño que merece a pena ser escoitado.

Cando soubo do positivo?

Estiven de garda unha fin de semana e tiven un pouco de tos, así que fixen a proba e foi negativo. Uns días despois, na nosa planta, tivemos contacto cunha persoa que tiña un tumor craneal, e ela tiña coronavirus. A verdade é que tiven bastante relación con ela e cos fillos. Cando se confirmou o seu caso fixéronnos a proba a todos e certificouse o positivo. Pero estiven asintomático, non notei nada agás un pouco de tos. Desde o primeiro momento mandáronme para a casa e estiven confinado, en corentena total. Despois de pasados uns días, repetíronme a proba para que poidese reincorporarme ao traballo e din negativo, así que seguramente o martes ou o mércores da semana que vén volverei ao Hospital.

ILLAMENTO

Como foi o illamento?

Fixeno eu só, no meu piso. O máis duro no meu caso non foi tanto a patoloxía, senón renunciar a ver o meu fillo, para protexelo. Falas con el por teléfono ou videoconferencia todos os días, pero aínda así lévalo mal.

No piso fixen un pouco de vida normal, porque estaba só e asintomático, así que aproveitei para recoller un pouco, ordenar armarios, tiña por arquivar tamén fotos do neno… Facer as cousas que normalmente non podes facer pola falta de tempo libre. Sei doutra xente que o pasou peor e tivo síntomas máis fortes, pero a verdade é que eu non o notei demasiado. E tamén aproveitei que estaba máis ou menos ben para facer deporte, porque creo que nestes casos de confinamento, cada un na medida das súas posibilidades, é importante, a saúde física e a mental van da man.

“ESTIVEN ASINTOMÁTICO. PERO NON PODER VER AO TEU FILLO É DURO, INCLUSO FALANDO POR VIDEOCONFERENCIA CADA DÍA”

Tiven sorte de que un compañeiro meu de traballo vive a un ou dous quilómetros de aquí, así que me axudou traéndome comida. Aos sanitarios quizais nos asusta un pouco menos a situación, no traballo ves habitualmente cousas graves e algunhas moi violentas, e por iso decidimos que fora el quen me trouxese as cousas.

DIAGNOSE

É certo que os sanitarios están máis acostumados a afrontar este tipo de situacións, pero imaxino que esta en concreto é nova. Como tomou a diagnose?

Pois é certo que nós vemos as patoloxías con naturalidade, polo noso traballo, que as tentamos comprender e quizais por iso lles teñamos algo menos de medo, pero tamén o é que é unha situación desconcertante. Hai incerteza con respecto desta patoloxía e por suposto dános respecto e cáusanos estrés, tamén hai que tomar todas as precaucións posibles e iso é un engadido. Iso crea, non digo histeria, porque non o é, pero si un certo medo.

Ao final é unha patoloxía nova, que non coñecemos, que parece caprichosa, que principalmente afecta a maiores pero tamén a xente máis nova, nenos, e aínda que a maioría dos casos sexan asintomáticos ou leves, a todos nos asusta.

“ALGÚNS COMPAÑEIROS, CANDO SE SOUBO QUE DEIXABA O TRABALLO POR Síntomas, TIÑAN MEDO DE ACHEGARSE. SOMOS HUMANOS”

Sempre estás nervioso, pendente, hai preocupación por ter contaxiado. O primeiro día que comuniquei que tiña tos estaba a piques de operar, pouco despois de falar co preventivista e facer a proba dixéronme que ata o resultado tiña que volver para a casa. Deixei coma quen di o bisturí e “deslaveime”, como dicimos no hospital.

Si é certo que ese mesmo día, falando con compañeiros doutros servizos, como quirófano, tiñan certo medo a achegarse falarme. Iso falando a un metro de distancia, con elementos de protección, antes de que se confirmara o positivo. Así que si é verdade que esa incerteza que nos produce esta patoloxía nova pésanos aos sanitarios tamén. Somos todos humanos e ante a dúbida reaccionamos así.

A FAMILIA

E a súa familia?

Pois con incerteza tamén. Eu creo que o pasaron un pouquiño peor porque sempre me viron como alguén botado para diante, un pouco atolado (risos), de irme traballar por aí a outros países… Aínda que o feito de ter un neno fíxome pensar as cousas moito máis. E teño a impresión que malia que eu lles dicía que estaba ben, porque estaba ben, pensaban que ao mellor lles ocultaba a situación real e lle quitaba a importancia. Pero falabamos con frecuencia.

O TRABALLO

Frustrouno non poder traballar nunha situación coma esta?

O certo é que como neurocirurxián estou nunha segunda liña, aqueles que enfrontan a loita directa son os sanitarios de Urxencias, anestesistas, preventivistas, laboral, de infecciosas, intensivistas… Por suposto a nós afectanos porque temos patoloxías en xente que ten o Covid-19, pero a maioría das nosas operacións, a non ser as de prioridade 1, estanse adiando. Fan falta os recursos para combater isto, é razoable. Por iso tentamos que o servizo funcione dunha forma correcta evitando o máximo posible o número de contaxios. Pero desde logo temos que estar preparados, porque se isto se pon peor, quizais teriamos que traballar tamén en primeira liña.

Como levan a emerxencia sanitaria no HULA?

Por agora, polo que comentei cos compañeiros, non estamos sobrepasados. Seguramente a semana seguinte será máis crítica, porque haberá unha acumulación de casos segundo as previsións dos especialistas. Aí quizais sexa unha pedra de toque para a sanidade pública, pero eu creo que seremos capaces de conter a presión que nos faga este virus.

“falar de heroicismo sobre OS SANITARIOS ten os seus riscos, PORQUE SOMOS TRABALLADORES QUE PRECISAMOS MEDIOS E GARANTÍAS”

A SANIDADE

A xente está a redescubrir o importante que é o traballo dos sanitarios, pero vostede ponlle peros ao termo “heroes”.

Si que nos gusta que nos chamen heroes, a quen non, pero creo que usar ese termo ten o seu risco. Estamos para iso e o noso é un traballo, que consideramos importante, iso si, e que facemos con toda a determinación, e máis nunha situación coma esta. Polo feito de chamarnos heroes parece que temos que enfrontarnos ao problema con valentía, como kamikazes, pero ao final somos traballadores e temos que ter medios, medidas e protección, unhas certas garantías. En España temos unha sanidade pública moi boa, que se debilitou nos últimos anos, e que si debemos prestixiala a nivel social e sobre todo escoitar aos sanitarios á hora de tomar decisións, pero sen caer nos romanticismos.

COOPERACIÓN

Vostede traballou en varios países do chamado “terceiro mundo”

Estiven un mes e pico en Camerún, tamén en Etiopía e Guatemala, máis ou menos un mes. Fixen algunhas viaxes a Guiné Bissau e Senegal, pero foron máis ben de ocio.

Está pendente deses países, de como lles pode afectar a crise sanitaria? Despois de coñecer a situación nestes lugares, como ve a que vivimos en España?

O que ocorre en España é moi serio, gravísimo, quizais é o peor que imos ver nas nosas vidas. Pero si é certo que demostra un pouco como vivimos, habendo realidades que parece que non van con nós. Estamos nunhas situacións relativamente controladas, cun perigo que está aí pero está a ser contido, non hai un caos absoluto, incluso nos lugares onde sofren máis. E con todo temos medo, psicose, escapamos nos coches cando non está permitido, enchemos os carros no supermercado compulsivamente como se nos fosemos quedar desabastecidos… Temos un confinamento que vivimos con certas comodidades e calidade de vida, temos un sistema sanitario que aínda que foi debilitado é potente.

“O QUE VIVIMOS É GRAVÍSIMO, PERO OUTROS PAÍSES DANCHE OUTRA PERSPECTIVA. TEMOS UN CONFINAMENTO CON COMODIDADES, UNHA SANIDADE POTENTE”

Estes países dos que falamos viven situacións de guerra, de pobreza extrema, de inxustiza social tremenda. Para facerse unha idea, en África morren anualmente 800.000 nenos por neumonías que son tratables, que precisan un antiviral ou antibiótico ou outro medicamento que non teñen.

A verdade é que teño visto cousas horrorosas, e as viaxes tamén me fixeron ver que somos moito máis fortes do que pensamos. Temos capacidade para acomodarnos e poder convivir con situacións durísimas.

APRENDIZAXE

Falando de adaptación, conlevará o coronavirus un cambio cultural na sociedade occidental, será unha aprendizaxe sobre a nosa vulnerabilidade como seres humanos?

Eu creo que isto vai ter unhas consecuencias económicas que non podemos nin valorar agora mesmo. Xa antes se vía que había algún tipo de recesión, e isto é a antesala ou o inicio dunha crise socioeconómica probablemente a nivel global.

Desde o punto de vista ético ou moral, penso que isto ten que baixarnos os fumes un pouquiño. Non deixamos de ser animais, e se tomas isto desde un punto de vista biolóxico, é unha loita, aínda que non me gusta a palabra “guerra” e non a utilizaría neste caso, pero si unha relación entre organismos vivos, un a priori simple como é un virus e outro máis complexo, como é o ser humano.

“DEBERAMOS ENTENDER ESTE PROBLEMA COMO GLOBAL, DO SER HUMANO COMO ESPECIE, e replantexarnos a nosa relación co medio”

Se o miras desde ese punto de vista, parece que temos que ir xuntos, pero á mínima, e pódese ver coas discusións na Unión Europea entre os países do sur e Alemaña e Holanda, cada un vai polo seu lado. Deberamos comprender que un virus non entende de fronteiras, non hai unha solución por cada país, é un problema do ser humano. Tamén replantexarnos a nosa relación co planeta e o cambio climático, penso que todo vai no ton de facernos entender que somos unha especie tamén que precisa vivir en sinerxia co planeta.

Que bota de menos facer e fará cando isto acabe?

Pois por suposto ver á miña familia e á miña parella e tamén me apetece moito ir por Burela a tomar unha caña ou facer unha comida cos meus amigos. E surfear. Fágoo con frecuencia e bótoo de menos.

1 COMMENT

  1. Oleeee x o neurociruxan …x fin alguen dice as cousas como son….o lastre da sanidade de estos ultimos anos 👏🏻👏🏻👏🏻👏🏻ole x el

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here