O número de positivos documentados baixa por primeira vez na provincia

Mantense o número de ingresados na provincia, con 23, catro deles na Uci; os casos documentados nas residencias tampouco varían, á espera de probas

Habitación no edificio novo do hospital. AXM

O número de casos activos na provincia de Lugo baixou por primeira vez desde o inicio da crise sanitaria do coronavirus, segundo informou o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Actualmente hai 557 casos activos, un menos ca o pasado sábado.

No Hospital da Mariña están ingresadas con positivo confirmado catro persoas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e outras 19 en planta, para un total de 23 que se mantén invariable desde hai catro días.

A nivel da provincia, hai 14 persoas en vixilancia intensiva -as outras dez no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)– e 84 en hospitalización -once en Monforte, nove no Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA-.

En domicilio contabilizáronse 459 positivos.

182 FALECEMENTOS EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.175, deles 1.058 son da área da Coruña, 921 da de Ourense, 444 da de Pontevedra, 1.075 da área de Vigo, 816 da de Santiago, e 306 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 169 permanecen en UCI, 893 están en unidades de hospitalización e 4.113 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 587 altas de pacientes e 182 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 28.191.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, o reconto oficial da Consellería de Política Social recolleu os dous novos casos de usuarios que se documentaron no xeriátrico de Foz, para un total de doce -cinco maiores e sete traballadores- das 73 persoas que se someteron ás probas, o total de empregados e residentes.

As cifras, segundo a estatística oficial de Betania (Viveiro), onde hai dous residentes e unha relixiosa infectados. Tamén na residencia San Rafael de Mondoñedo, onde se documentara o positivo dun traballador.

No xeriátrico de Burela documéntanse por agora dous positivos, de traballadores. Neste centro, segundo fontes de UGT, seguen a agardar polas probas reclamadas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here