Sen novos ingresos por coronavirus nin máis positivos nas residencias, segundo os recontos oficiais

A cifra de casos na provincia medrou lixeiramente desde o pasado xoves, dos 521 aos 563 documentados na última estatística do Sergas

O GES de Cervo, desinfectando a contorna do Hospital. AXM

O número de persoas con coronavirus na provincia de Lugo continúa estable, segundo a estatística oficial ofrecida polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). No reconto publicado este luns documéntanse 563 casos activos, por 557 contabilizados o pasado domingo. Desde o pasado xoves, cando se computaban 521 persoas infectadas, freouse o crecemento expoñencial experimentado nos últimos dous días de marzo e primeiro de abril -con 45, 80 e 87 novos positivos-.

No tocante ao Hospital Público da Mariña, mantense tamén o número de persoas hospitalizadas, con 23: catro na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e 19 en planta. É o quinto día consecutivo sen variacións.

A nivel provincial, hai 14 casos en Uci, os outros dez no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Un total de 82 persoas require de hospitalización -11 no Hospital Público de Monforte, 9 no Hospital Virxe dos Ollos Grandes, 19 na Mariña e o resto no HULA-, dúas menos có pasado domingo.

Se os casos de hospitalización acreditan unha leve baixada, nos casos en domicilio hai un lixeiro incremento, con oito máis, para un total de 467.

Con todo, o número de falecidos na provincia aumenta a 15 tras unha nova morte no HULA, a dun home de 76 anos con patoloxías previas.

No tocante a Galicia, segundo a última actualización, o número de casos ascende a 5.342, con 610 altas e 199 falecementos no histórico. O número de PCR realizadas é de 30.002.

RESIDENCIAS

O número de casos positivos en residencias, segundo a estatística oficial presentada este luns pola Consellería de Política Social, permanece sen variacións na bisbarra, con cinco residentes e sete traballadores en Foz, onde xa se lles fixo a proba a todos os maiores e persoal; dous usuarios e unha relixiosa en Betania (Viveiro); dous empregados en Burela; e un obreiro no xeriátrico San Rafael de Mondoñedo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here