IniciosociedadeA Mariña segue a percibir a chegada de persoas ás segundas residencias

A Mariña segue a percibir a chegada de persoas ás segundas residencias

En Barreiros constan multas por este tipo de desprazamentos e en Foz e Viveiro admiten casos, aínda que cunha incidencia menor ca no inicio do estado de alarma

Publicada o

- Advertisement -

En véspera de Xoves Santo e dunha fin de semana habitualmente festiva, que para a maioría da xente non se diferenciará dun luns ou un martes calquera por mor da corentena obrigada polo coronavirus, moitos illados dos seres queridos ou con plans e viaxes de vacacións frustrados, as localidades con maior potencial turístico da Mariña Lucense seguen a percibir a chegada de persoas procedentes doutras zonas do Estado ás súas segundas residencias na bisbarra. A percepción xeral é que non está a desprazarse tanta xente como ao inicio do estado de alarma, especialmente na ponte de San Xosé, pero en todos os municipios con forte presenza do turismo se admite esta situación.

A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, é clara ao respecto. “Tivemos información oficial, por parte de Protección Civil, como extraoficial, de veciños e dos negocios que están abertos, de que se ben a principios de semana houbo algunha persoa que chegou, unha incidencia testemuñal, hoxe (por este mércores) si se detectaron varios casos de cidadáns que viñeron ás segundas residencias”, explica.

“Non é difícil de constatar, porque pódese comprobar con só abrir a ventá e escoitar o maior volume de tráfico, o ruído dos coches”, lamenta a rexedora, á que lle constan multas por este motivo.

REFÓRZANSE OS CONTROIS NOS DESTINOS, PERO A ÚNICA OPCIÓN É MULTAR

Desde Viveiro, a primeira edil, a socialista María Loureiro, asegura que “si que houbo casos estes días e nos controis policiais estase a parar xente”, pero concreta que “a cantidade non ten que ver coa que chegou ao principio do estado de alarma, cando nos vimos obrigados a precintar os parques precisamente por esa situación, porque viñeron moitísimos”.

Pola súa banda, o alcalde de Foz, o tamén socialista Fran Cajoto, expón que “si que se nos comenta, por parte de veciños que están a notar esta situación nos garaxes e tamén nos supermercados. Parece que pode haber varias persoas, pero nestas datas realizáronse ata 130 controis nun día por parte da Policía Local e non se detectou unha presenza masiva”, indica. Como presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, o rexedor focego fixera un chamamento á “responsabilidade” neste contexto de restriccións ao movemento das persoas.

Colas, este mércores, nun hipermercado de Ribadeo. CARMEN CRUZADO

A PICARESCA

Cajoto admite que os policías locais pararon persoas que quixeron tirar de “picaresca” e alegaron que levaban “confinados” na Mariña Lucense “desde febreiro“, cuestións que os axentes “teñen difícil cotexar”.

Ao longo da tarde, veciños de Foz utilizaron as redes sociais para denunciar comportamentos deste tipo, como o concelleiro de Foz Plataforma de Futuro (FPF), Víctor Couto, que asegurou que cidadáns están a “esconderse nos aparcadoiros” ante os “controis ás portas dos supermercados” para “librar de multas”. Outros residentes, neste caso de Ribadeo, tamén fixeron público o seu malestar pola chegada de persoas doutros lugares, que se nota “en gasolineiras” ou hipermercados.

Como resaltan Cajoto e Loureiro, os Concellos están a reforzar os controis policiais, especialmente no que atinxe ás entradas e saídas das vilas, coa presenza da Garda Civil de Tráfico na saída da autovía do Cantábrico (A-8), ou no caso de Ribadeo na Ponte dos Santos, onde se realizou un control estático de varias horas esta mesma tarde, sen identificar ningún caso deste tipo. En Viveiro tamén se dispoñen patrullas á entrada de Landrove, que continuarán pola noite.

FALTA DE CONTENCIÓN NOS PUNTOS DE SAÍDA

Con todo, os controis policiais á entrada dos destinos apenas serven para sancionar aos infractores. “Estanse a realizar verificacións exhaustivas, pero devolver a esta xente á súa zona de orixe pode ser contraproducente”, admite Loureiro, que recoñece que “unha vez estas persoas chegan aquí, hai pouca marxe”.

“Aquí mestúranse dúas cuestións, por un lado a irresponsabilidade da xente que se despraza nun contexto de estado de alarma, cando se prohíben todos os desprazamentos que non sexan de emerxencia, cometendo unha ilegalidade, e por outra banda os fallos de controis nos puntos de saída“, argumenta Ermida.

A rexedora barreirense sinala que “desde o primeiro momento advertimos que unha vez a xente chega aos puntos de destino, a única capacidade que tes é de multar”. Unha situación que se volve “máis incontrolable en municipios pequenos coma o noso, onde carecemos de corpo de Policía Local propio“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...