(AMPLIADA) Sen cambios nas residencias da Mariña, con 20 positivos segundo o reconto oficial

As probas á totalidade de usuarios e empregados completarónse en Betania sen darse máis casos

Tarefas de desinfección en Burela. AXM

O número de positivos por coronavirus en residencias de maiores da Mariña Lucense continúa estable, segundo o reconto oficial da Xunta de Galicia.

Na residencia de Foz, onde se someteron ás probas para todos os empregados (30) e maiores (43), continúan activos cinco positivos de usuarios e sete de traballadores.

No xeriátrico Betania, en Viveiro, hai documentados tres positivos de usuarios. Unha relixiosa que contraera o coronavirus permanece en illamento, á espera do resultado da segunda proba. Segundo confirmou a alcaldesa, María Loureiro, entregáronse os resultados das probas á totalidade de usuarios (118), traballadores (38) e relixiosas sen documentarse máis casos.

En Mirador del Eo, vivenda comunitaria privada de Ribadeo, hai dous maiores afectados; unha muller recibiu a alta do Hospital Público da Mariña o pasado luns, e remata en illamento a cura do virus, ao igual que o outro residente positivo.

Finalmente, hai dúas traballadoras infectadas na residencia de Burela e un empregado no xeriátrico San Rafael de Mondoñedo, onde se agarda que se realicen nos próximos días tests a todos os usuarios e obreiros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here