IniciosociedadeO coronavirus ataca o sector que sobrevive coa economía submerxida

O coronavirus ataca o sector que sobrevive coa economía submerxida

Tras case un mes de estado de alarma, aumentan as familias que precisan alimentos, fármacos ou o pago de recibos; "moitos notaron o parón dos mercados", admiten os Concellos

Publicada o

- Advertisement -

A corentena por mor do coronavirus comeza a amosar, despois de aproximadamente un mes desde que se decretou o estado de alarma, a dificultade que teñen algunhas persoas da Mariña Lucense para saír adiante nun contexto de paralización da meirande parte da actividade laboral. As iniciativas dos Concellos da bisbarra para abastecer de comida ou fármacos a aquelas familias con necesidades amosan un fresco parcial -en tanto en canto os efectos da crise socioeconómica que provocará a pandemia só empezan a evidenciarse- da cantidade de xente que vive con dificultades, ao día, ou para a que a economía submerxida ten un peso crucial.

Algúns gobernos municipais non perciben un incremento significativo da demanda de alimentos ou fármacos con respecto ás familias que os viñan precisando antes das restriccións ao movemento das persoas, pero outras concellerías de Servizos Sociais -especialmente os dos municipios onde se ubican as vilas- si están vendo aumentado o seu traballo. Persoas desempregadas, outras que percibían boa parte dos seus ingresos da venta nos mercados semanais ou traballadoras domésticas en situación de informalidade laboral, e por tanto á marxe das axudas polo cesamento da actividade, son algúns dos perfís habituais que precisan axuda, avaliada polos técnicos municipais.

MÁIS NECESIDADE, MÁIS DOAZÓNS

É o caso de Foz, onde o banco de alimentos servía inicialmente a unhas 17 familias, segundo os datos ofrecidos polo Concello, e que agora abastece “a cerca de 40“, precisa o alcalde, Fran Cajoto. O rexedor focego explica que “hai varias persoas que se dedican á venta ambulante. Os mercados semanais foron fonte de ingresos para moitas familias; notamos que hai xente vulnerable, algunha que quedou sen traballo, pero sobre todo aquelas asociadas á economía submerxida, que non se pode detectar de inicio pero si van aparecendo as necesidades”, explica.

Cajoto agradece que ao tempo que aumenta a necesidade “tamén están a aumentar as doazóns e estamos a seguir coas compras, facendo un reparto semanal”.

“MOITOS CHEGAN MOI XUSTOS A FIN DE MES”

En Viveiro, a alcaldesa, María Loureiro, precisa que a demanda dos Servizos Sociais do Concello “viña sendo dunhas 50 familias, máis ou menos, e agora andamos entre as 80 e 90, en distintas circunstancias. Hai xente que necesita comida, outra que se lle axude a pagar recibos; a outras persoas houbo que botarlles unha man a chegar a fin de mes porque ía moi xusta pero despois, no momento de cobrar, está un pouquiño máis desafogada”, sinala a rexedora viveirense.

Reparto de alimentos en Burela. AXM

Loureiro coincide con Cajoto en que “nótase moito o caso das persoas que tiñan a súa fonte de ingresos nas feiras, ben semanalmente ou cada 15 días. O peche do mercado na praza tivo incidencia”, admite.

Sindicatos e asociacións fixeron fincapé nesta situación para reclamar a apertura dos mercados de proximidade.

PREGUNTAS SOBRE AS AXUDAS PARA O ALUGUER

Tamén se perciben as dificultades para pagar o aluguer. “Recibimos moitas solicitudes para tramitar as axudas aprobadas polo Goberno”, concreta Loureiro, ademais de para tramitar “a Renta de Inclusión Social de Galicia (Risga) ou as pensións non contributivas”. A rexedora salienta que varios trámites poderanse realizar telematicamente a través dos Servizos Sociais sen necesidade de que o fagan os beneficiarios que carecen de Internet, contando sempre cunha autorización no seu nome.

A Carmela López, edil de Servizos Sociais de Burela, tamén lle constan “moitísimas chamadas desde que se aprobaron axudas para alugueres, pero aínda non se fixo ningunha actuación neste sentido, pois estamos á espera de que se implementen as medidas do Real Decreto”.

XENTE SEN TEITO

No tocante ás familias que precisan de axuda para mercar o máis básico, López non constatou por agora un incremento significativo. “Tiñamos unhas 55 familias que pertencían xa a unha lista de persoas en situación en emerxencia social, dadas de alta na Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). Despois de decretarse o estado de alarma documentamos outros seis casos por agora nos que tiveramos que intervir. Son xente que dependía de saír para comer e agora non pode facelo. Compramos alimentos, pañais, útiles de bebé…”, concreta. Os Servizos Sociais tamén atenden as necesidades dunha persoa sen teito.

CHEQUES PARA OS PRODUTOS BÁSICOS

En Ribadeo, o Concello puxo en marcha o pasado 25 de marzo un programa de vales por importe de 50 euros para canxear por comida e produtos de aseo persoal. Está destinado, segundo concretou o goberno local, “para aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade, con ingresos económicos insuficientes ou que teñan calquera outra circunstancia sobrevida desta situación de alarma”.

Os técnicos municipais deron luz verde nas dúas primeiras semanas á entrega de 150 cheques, que segundo o Concello serven para abastecer “a máis de 450 persoas”. Os vales foron entregados quincenal ou semanalmente -a maioría dos casos- en función das necesidades de cada familia.

“HABERÁ NECESIDADES E SERÁN TRANSVERSAIS”

En Barreiros, a alcaldesa, Ana Ermida, afirma que “de momento houbo un leve incremento da demanda dos Servizos Sociais, nada substancial. Seguimos atendendo ás familias que xa se atendían, arredor dunha trintenta, e realmente os novos casos son illados”, zanxa.

Con todo, Ermida considera que o balance a esta altura “non é por agora mostra da situación que se vai vivir. Pasou moi pouco tempo desde o peche de negocios para que realmente esteamos vendo as consecuencias. Pero os Servizos Sociais verán incrementado o seu traballo a medio prazo e os Concellos non van poder atender todas as necesidades que vaian xurdindo, porque vai ser unha cuestión transversal; emprego, formación…”, enumera, para enfatizar “en que outras Administracións poidan daquela botar unha man”.

En Xove, o Concello informou a semana pasada de que se fixo, desde o inicio do estado de alarma, dous repartos de alimentos ás familias máis vulnerables, a un total de 25 núcleos familiares. En Cervo, Pilar Armada, concelleira de Servizos Sociais, tampouco percibe un incremento severo das casas con necesidades. “Custeamos alimentos e fármacos a dúas ou tres familias máis, non se percibe un aumento grande. A maioría das peticións son de xente maior que vive soa e non pode ir ao supermercado ou á farmacia”, precisa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...