Iniciosociedade"O Goberno de Polonia quere eleccións presidenciais a toda costa e que...

“O Goberno de Polonia quere eleccións presidenciais a toda costa e que votemos por correo”

Borxa Logares, trabadense que viviu boa parte da súa vida en Ribadeo, relata desde Varsovia a forte controversia política que desatou a actitude do Executivo en plena pandemia

Publicada o

- Advertisement -

Natural de Vilarbetote (Trabada) aínda que residente durante boa parte da súa vida en Ribadeo, Borxa Logares vive en Varsovia desde hai catro anos. Chegou a Polonia como profesor universitario, dando clases de galego e español durante tres anos. No último exercicio comezou a traballar para unha corporación. Explica como viven os polacos o confinamento por mor do coronavirus, nuns días estraños nos que a polémica política está no primeiro plano, á par da pandemia.

NORMAS

Como está a levar a poboación polaca o confinamento?

Existe un certo medo, unha certa angustia. Está todo baleiro aínda que aquí os casos son moitos menos ca en España (263 mortes e 7.202 infectados, segundo o último reconto). O Goberno actuou bastante rápido, axiña se pecharon as fronteiras e tomáronse medidas de distanciamento social. Levamos de confinamento desde a última semana de marzo, só podendo saír para atender maiores, comprar nos supermercados e farmacias ou pasear o can. Ao principio aínda se podía dar un paseo, sempre e cando se fose en grupos dun máximo de dúas persoas, e estaba permitido facer deporte. Agora están pechados os parques, todos eses espazos onde poida haber aglomeracións de persoas.

“a xente é bastante disciplinada. respéctanse as distancias de seguridade”

No tocante aos comportamentos hai de todo, pero a sociedade polaca é bastante disciplinada. Na farmacia ou na oficina de correos nótase que respectan os aforos, as distancias de seguridade… Quizais non ao principio pero agora xa si. Antes, para entrar no autobús ou tranvías tiñas que pulsar un botón, tamén para poder cruzar nos semáforos, e cambiárono todo. Eses pequenos detalles fan que a xente tamén se conciencie e o tome en serio.

Nos supermercados todo é normal. Si que houbo un pico de compras na primeira semana, cando fun non había arroz ou pasta, pero foi un momento puntual. Hoxe en día podes atopar de todo.

MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Que medidas de protección recomendan?

Días atrás adoptaron novas normas, entre elas a reclamación de saír coa cara tapada. Se non tes máscara pode valer calquera cousa; unha bufanda, unha braga, algo así. Na rolda de prensa do Goberno preguntaron se era difícil adquirir máscaras e dixeron que non eran necesarias, así que parece que non debe haber moitas existencias.

“AQUÍ INSTAN A LEVAR CALQUERA COUSA PARA TAPAR A CARA, SE NON TES MÁSCARA VALE UNHA BUFANDA OU UNHA BRAGA”

Cal é o nivel da sanidade polaca?

Aquí en Polonia non houbo tantas privatizacións, pero semella que o sistema sanitario público polaco non é como o español. En todo caso, a xente non ten un mal concepto del, non ten mala fama. O Ministro de Sanidade falou de que Polonia estaba preparada para 10.000 infectados, cousa que me parece unha cantidade bastante elevada. Non creo que se referise a hospitalizados, porque me parece improbable.

CORENTENA

Cal é a súa situación, a nivel persoal?

Vivo coa miña moza, que é polaca. Estou teletraballando e intentamos seguir unhas rutinas, respectar os horarios de traballo, non andar todo o día en pixama (risos), para que tamén o cerebro saiba que hai unha certa normalidade. Tentamos ocupar o tempo e non entrar en pánico, pero obviamente si que estamos un pouco aburridos.

Na miña empresa, onde traballa unha rapaza de Foz, desde o primeiro día, mentres estivemos traballando na oficina, tomáronse as medidas máis necesarias: había xeles desinfectantes, xabón, explicáronse as normas que se debían seguir… A medida que se foi liberando espazo fómonos redistribuíndo para respectar as distancias de seguridade. E na última semana antes de ir para a casa pagábannos taxi ou Uber para a casa, facéndose cargo desa viaxe para evitar contaxios no transporte público.

“NA ÚLTIMA SEMANA NA OFICINA A EMPRESA PAGÁBANOS TAXI OU UBER PARA EVITAR CONTAXIOS NO TRANSPORTE PÚBLICO”

Hai moitos traballos que non son básicos, como a construción, que seguen en activo, véxoo na miña rúa. Non houbo un parón total pero a maioría das grandes compañíastomaron medidas para o teletraballo, porque atender a todas as medidas de seguridade era insostible. Hai moitas profesións que están a exercerse e nótase no transporte público.

Cola nun supermercado de Varsovia. AXM

INFORMACIÓN

De que información dispoñen? Fala o Goberno de cando prevé o pico de contaxios?

A información que teño eu non é total, porque non falo polaco ao 100% e dese xeito é complicado seguir vías oficiais. Pero o Ministerio de Saúde ten páxina e Twitter en inglés. Sobre o pico de contaxios non podo falar, non sei cando teñen esta previsión. A xente ve que o Goberno actuou de forma rápida. Creo que é algo xeral nos países do Leste, cando viron a situación que se daba en Italia e despois en España. Tampouco sabes moi ben cal é o impacto, porque cada país ofrece as cifras á súa maneira e fai un reconto ao seu xeito, quizais o número máis baixo ten que ver con que se fagan menos probas. É difícil saber.

“A SENSACIÓN É QUE O EXECUTIVO ACTUOU BASTANTE RÁPIDO, COMO NA MAIORÍA DOS PAÍSES DO LESTE”

POLÉMICA

Ao longo dos últimos días houbo varias polémicas polas actuacións do Executivo polaco. Hai quen o acusa de tentar perpetuarse no poder.

O Goberno do PiS non está por adiar as eleccións presidenciais, previstas para maio, e aprobou unha lei que vai permitir que toda a poboación -incluídos os maiores- vote por correo. Cambiaron a normativa dun día para outro, anunciándoo de noite, hai moitísima controversia con este tema. Toda a oposición está en contra e hai moitas dúbidas sobre como pode funcionar o servizo de correos, se está preparado sobre todo en plena pandemia. A verdade é que non ten sentido e aquí non se fala doutra cousa: do coronavirus e dos comicios. As últimas novas que temos é que a proposta foi conxelada polo Senado, pero non sabemos en que quedará. Este Executivo é un tanto conservador, con moito poder na televisión, e ás veces fai un pouquiño o que quere.

Tamén houbo protestas polo intento de aprobar dúas leis polémicas, unha que limita o aborto e outra para reducir a educación sexual. Supoño que para evitar que se produza unha protesta social nas rúas.

“QUEREN LIMITAR O ABORTO E A EDUCACIÓN SEXUAL E FANO AGORA, SUPOÑO, PARA EVITAR UNHA PROTESTA SOCIAL NAS RÚAS”

Ademais, houbo polémica porque se celebrou o aniversario do accidente aéreo de Smolensk, no 2010, no que morrera o daquela presidente do Goberno e todos os tripulantes do avión. No acto conmemorativo da traxedia ninguén levaba luvas, nin máscaras, nada de protección e non se respectaron as distancias que se lle esixen á poboación.

GALICIA

Que lle din os seus familiares e amigos de Galicia?

Obviamente estamos preocupados. Falamos coa familia todos os días e tamén cos amigos, incluso máis do habitual, pola cantidade de tempo libre que hai e tamén pola situación. Tiramos moito de videochamada. Aínda que por agora non coñezo ningunha persoa que tivese que pasar polo coronavirus.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...