Foz disporá internet gratuíto para os estudantes que carezan de conexión

O goberno focego tamén habilitará un servizo de impresión para o alumnado

Ceip nº 1 de Foz. GOOGLE MAPS

Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polas Administracións ante a pandemia do coronavirus, ademais das propostas de oposición e asociacións.

BURELA

O CONCELLO CONVIDA A COÑECER AOS BURELAOS QUE VIVEN FÓRA

A Concellería de Medio Ambiente de Burela por en marcha a iniciativa Burelenses no mundo para dar a coñecer ata onde chegou a xente do municipio, xa sexa por motivos laborais, de pracer ou por estudos. A edil Toñi Eijo anima a participar para descubrir novos lugares neste tempo de confinamento e para coñecer aos veciños que se atopan fora na actualidade.

Eijo contou que “a dinámica é sinxela. Só tes que enviarnos unha foto, varias ou un vídeo identificando á persoa ou persoas que aparecen, xunto co nome do lugar onde vos atopades, e se queredes cotarnos algo ao respecto mellor que mellor. Fotos e vídeos deben ser remitidos a burelensesnomundo@burela.org acompañados pola ficha e autorización para a súa publicación”, remarca.

CERVO

O CONCELLO EXPLICA COMO TRATAR O LIXO NAS CASAS CON POSITIVOS

O Concello de Cervo, a través da delegación de Sanidade e Medio Ambiente, que dirixe Mali Méndez, está a realizar “un traballo exhaustivo de desinfección de todos os colectores do termo municipal”.

Tal e como explica Méndez, “desde o mesmo inicio da crise sanitaria, vai máis dun mes, entendemos que era fundamental priorizar estas tarefas de desinfección nas zonas especialmente sensibles de uso compartido pola veciñanza como son os diferentes colectores instalados en todo o termo municipal”. En concreto, téñense contabilizados e xeolocalizados 545 colectores verdes (de materia orgánica e fracción resto), 179 amarelos (envases, latas…), 44 azuis (papel), 12 vermellos (aceite), e 45 de vidro.

Desde o Concello de Cervo tamén se editou unha guía para o tratamento dos refugallos dirixida tanto aos fogares con enfermos de Covid-19 ou en corentena, como para aqueles sen positivos, que está dispoñible na redes sociais municipais.

No documento, de maneira gráfica, explícase, como hai que separar os residuos do paciente, o material do coidador e os refugallos domésticos; introducindo na bolsa 1 os restos do enfermo; na bolsa 2 iría a bolsa 1 e o material do coidador; e nunha terceira bolsa introduciríanse a bolsa 2 e os refugallos domésticos; esta terceira bolsa tería que ser depositada no contedor de fracción resto.

FOZ

O CONCELLO HABILITA UN SERVIZO DE IMPRESIÓN

Os estudantes de Foz en situación de vulnerabilidade terán conexión gratuíta a internet ata final de curso, segundo anunciou o alcalde focego, Fran Cajoto.

O rexedor municipal explica que “a empresa de telecomunicacións Adamo en colaboración co Concello de Foz ofrece conexión gratuíta a internet ata final de curso a todos aqueles estudantes en situación de vulnerabilidade que carezan dela, a fin de reducir a fenda dixital”, explicou o rexedor.

Cajoto engade que “en coordinación cos centros educativos, o goberno local xa levaba tempo recabando información sobre o número e cales son as necesidades a nivel educativo, xa que este curso vaise realizar on line, o cal faría que un número importante de alumnos non puidesen rematalo en igualdade de condicións. O Concello, na súa web e en estreito traballo cos centros educativos, tramitará esas solicitudes”, expuxo.

Ademais o Concello procederá a impresión de material educativo a aquelas familias que así o precisen. Estas solicitudes deben remitirse a dirección de correo electrónico  imprimir@concellodefoz.es, indicando o nome e a dirección na que debe ser entregado dito material así como o arquivo que desexan que se lles imprima. O goberno municipal tamén está a repartir o material que os centros educativos lle están indicando nos domicilios dos estudantes para que poidan así seguir cos seus estudos.

ALOUMIÑOS OFRECE ORIENTACIÓN GRATUÍTA PARA COIDAR A DEPENDENTES

Tendo en conta a difícil situación actual provocada pola pandemia e debido ao
illamento no fogar que deben sufrir os nosos maiores, o equipo do Centro de Día
“Aloumiños” e o Servizo de Axuda no Fogar “Aloufogar”, quixeron poñer o seu gran de area e ofrecen a todas aquelas familias e / ou coidadores que convivan con persoas maiores ou dependentes e incluso, estendelo, a aquelas persoas con autonomía que viven soas ou en compañía, sexan ou non usuarios do Centro ou do SAD, unha orientación
personalizado co obxectivo de fomentar a estimulación cognitiva (memoria, atención,
concentración), a práctica do exercicio físico e a realización de actividades da vida
diaria (aseo, alimentación, vestido), dun xeito completamente gratuíto e a distancia,
durante a corentena.

“O noso obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas mediante a participación
activa en actividades significativas, xa que hoxe o mellor medicamento é manterse activo”, resaltan desde Aloumiños. Informan no 649.166.927 ou 611.001.935, e tamén no correo alouminoscentrodedia@gmail.com.

RIBADEO

O GOBERNO ALERTA SOBRE AS CONSECUENCIAS DA PANDEMIA NOS ORZAMENTOS

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, repasou as medidas adoptadas polo Concello para aliviar a situación causada pola pandemia, e valorou o que pode supoñer nos orzamentos.

“É evidente que esta crise vai implicar cambios nas previsións económicas nos nosos presupostos, tanto no estado de ingresos como no de gastos, e teremos que dar cobertura ás accións que estamos adoptando e a outras que seguramente nos próximos tempos teremos que adoptar. Isto vai implicar que certos servizos e actividades, incluso moi arraigadas, non se poidan desenvolver como viñamos facendo ata agora. Desde logo que o habemos facer con decisión e con afouteza, como estades demostrando ata agora todos vós, co voso empeño e ímpeto de resistencia diaria”, indicou.

PRECINTARANSE OS COLECTORES PARA A RECOLLIDA DE ROUPA

Humana vai proceder ao precintado temporal dos contedores de recollida de roupa que ten instalados en Ribadeo. Así llo comunicou a organización nas últimas horas ao concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije.

Humana subliña que, como consecuencia da crise sanitaria global que estamos a sufrir, vai suspender de xeito temporal o servizo de recollida selectiva de téxtil en Ribadeo. E explican que esta medida tamén foi adoptada noutros municipios e cidades españolas, como parte do plan de redución paulatina do servizo prestado, para adecuarse ao desfavorable contexto actual. Desde Humana sinalan que o seu obxectivo é reanudar o servizo en canto as circunstancias o permitan.

VIVEIRO

O PP PIDE “APOIO ECONÓMICO” DA DEPUTACIÓN

O portavoz do Partido Popular (PP) en Viveiro, Óscar Rodríguez, participou na reunión telemática mantida esta tarde polos representantes da corporación municipal con presidentes de asociacións de comerciantes para analizar a situación creada no sector pola crise sanitaria, así como para estudar como abordar a reactivación do mesmo en canto finalice o confinamento. Rodríguez considera que a Deputación debe establecer con urxencia vías de apoio económico ao sector no municipio.

Entre outras medidas, segundo concretou Rodríguez, os comerciantes “queren que se reduza a presión tributaria no que atinxe ao Concello, mediante a suspensión ou aprazamento de impostos e taxas, segundo os casos, como recollida de lixo, pasaxes permanentes, terrazas, ocupación de vía pública”, unhas reivindicacións que o voceiro conservador “apoia totalmente”.

Rodríguez considera que a Deputación “ten que apoiar ao sector do comercio, decisivo na economía de Viveiro”. Nesta liña, recordou que as asociacións de comerciantes reclaman “fondos públicos para una campaña potente de promoción“.

A MARIÑA

DESBROCES NA VAP, A LU-540 E LU-862

A Xunta de Galicia está a executar labores de retirada de árbores e desbroces nas marxes de tres estradas da rede autonómica na Mariña: A VAP da Costa, a LU-540 (ViveiroCabreiros) e a LU-862 (FerrolSan Cibrao).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explica que na comarca estanse a limpar 13,5 quilómetros, o que supón o 50% do total previsto na provincia. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina un orzamento de 512.600 euros a estes traballos, que executa a través dunha encomenda á empresa pública Seaga nos concellos mariñáns de Viveiro, O Vicedo, Ourol e Xove así como nos de Lugo, O Corgo, O Incio, Bóveda, e Castroverde (sumando en total 26,7 quilómetros).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here