Mondoñedo quere turismo de proximidade e o comercio de Foz venderá a súa mercancía online

O Concello mindoniense e a Acia focega tentan impulsar dous dos sectores, sector turístico e tecido comercial, que poden padecer pola pandemia do coronavirus

Praza da Catedral de Mondoñedo. JESÚS VILA/XUNTA DE GALICIA

Repasamos as medidas tomadas por Administracións e asociacións con motivo da pandemia, así como as propostas da oposición.

FOZ

EN MAIO, A ACIA DE FOZ ESTREA TENDA VIRTUAL

O Centro Comercial Aberto de Foz pon en marcha unha plataforma web de venta online, que estará operativa no prazo dunhas catro semanas.

O presidente do colectivo de comerciantes, José Carlos Paleo, explica que “se trata de contar cunha aplicación web, cunha ferramenta de traballo, que será un centro comercial virtual, onde cada asociado e asociada contará co seu espazo individual para dar a coñecer os seus produtos, as súas ofertas… E para poder vender online todo o que teña en tenda”, explica.

Para Paleo “é importante ir adaptándose o antes posible as novas tecnoloxías e ás novas formas de venta para poder competir en igualdade de condicións coas grandes plataformas de venta online que operan en todo o mundo. Tócanos vivir unha época de confinamento, na que as tendas máis próximas están pechadas, e na que a maioría non contan con este servizo, que se estivese operativo lles permitiría xerar ingresos e seguir traballando aínda que de xeito diferente”, remarca.

O presidente de Acia/CCA de Foz considera que “temos que estar preparados para os novos tempos que poidan vir. De aí que esteamos a traballar na posta en marcha canto antes deste centro comercial virtual”.

A aplicación web de venta online contará cunha presentación do Centro Comercial Aberto de Foz e con diferentes seccións. Haberá un escaparate individual ou privado para cada negocio participante con xestor de contidos para o mantemento e actualización de produtos, fotografías ou textos. Na tenda online os artigos estarán clasificados en diferentes niveis, contará con buscador por nomes ou categorías, disporá de carriño da compra e realización de pedido online, entre outras posibilidades”, indica.

CONDICIÓNS DE VENTA

“As condicións de venta terán que ser definidas por cada tenda: os prazos de entrega; os custes de envío; as devolucións; as formas de pago a través de Paypal, TPV virtual, transferencia, contra reembolso, o seguimento online dos pedidos, etcétera”, expón Paleo.

O presidente do colectivo engade que “o obxectivo é que esta nova ferramenta de traballo estea lista para mediados do mes de maio. Nesas datas podería rematar o estado de alarma e queremos estar preparados para ofrecerlles ao nosos socios e socias esta posibilidade e á súa clientela, á que teñen en Foz e na súa contorna e a esa outra que visitaba a localidade con frecuencia, porque contan con segunda residencia aquí, ou porque viñan aos hoteis pasar as súas vacacións e eran fieis clientes do comercio focense. Queremos que o sigan sendo, cando poidan vir aquí, pero tamén que o sexan desde as súas casas. Este centro comercial virtual ten como destinataria á clientela do comercio de Foz, sexa de onde sexa e estea onde estea”, resume. Na posta en marcha desta iniciativa do CCA colaboran o Concello de Foz e a Xunta de Galicia.

MONDOÑEDO

EXENCIÓN DAS TAXAS POR LIXO E TERRAZAS

O Concello de Mondoñedo, no marco da crise sanitaria provocada polo coronavirus, anunciou que prepara un plan de reactivación, que, coa adecuada coordinación entre todas as partes, resulte eficaz e sirva de estímulo para os distintos sectores. Nese sentido, o executivo municipal traballa no deseño dun programa de actividades e de captación do turismo de proximidade para aplicar tan pronto como finalice o confinamento.

O Concello perfila o plan de turismo en coordinación coas redes nas que participa, como é o caso de Los Pueblos más Bonitos de España, así como a Rede de Cidades Creativas de España. O executivo local afirma que ten moi presente tamén a consideración de A Mariña como xeodestino e as oportunidades que ofrece o Camiño Norte.

“CAMBIO” NOS USOS TURÍSTICOS

O goberno municipal mindoniense está convencido de que a volta á normalidade implicará cambios nos usos turísticos, entre eles os relacionados coa seguridade sanitaria, no que resultará fundamental que non se trate dun turismo de masas. “Esta é unha das fortalezas de Mondoñedo”, asegura o executivo local.

No deseño das actividades, o Concello de Mondoñedo fará que o seu desenvolvemento se axuste estritamente ás indicacións e recomendacións das autoridades sanitarias.

No marco das medidas para superar a crise no aspecto económico, o Concello establecerá exencións nas taxas por recollida de lixo e instalación de terrazas durante un tempo para axudar á reactivación.

VIVEIRO

O BNG PIDE CREAR UNHA PLATAFORMA VIRTUAL DO COMERCIO

A concelleira do BNG de Viveiro, Míriam Bermúdez, valora a reunión celebrada coa participación das asociacións de comerciantes Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) e Beiras de Viveiro, que fora “solicitada” pola formación nacionalista dado que “era preciso escoitar as súas demandas para unha mellor comprensión da situación pola que atravesa o comercio viveirense”.

As principais demandas por parte das asociacións, sinala o Bloque viveirense, “baseáronse na exención de taxas municipais, non aprazamentos, axudas ao alugueiro xa que so houbo dúas exencións de pago no noso concello e incluso co IBI que algúns dos arrendatarios tamén teñen que facer fronte, así como un convenio económico entre concellos e ambas asociacións que permita dinamizar o comercio chegado o momento de rematarse o confinamento”.

Neste sentido, a concelleira do BNG propuxo ás asociacións de comerciantes, que empregasen a aportación económica dese convenio non só para levar a cabo campañas publicitarias se non para investilo en elaborar unha gran plataforma virtual do comercio viveirense e meterse de cheo neste mercado, “xa que a pesar do confinamento as ventas por internet non caeron senon todo o contrario, polo que é preciso que o comercio de Viveiro cree unha gran plataforma que ofreza este servizo de compra online á veciñanza”, recalca Bermúdez.

Demandou do goberno do PSOE “o compromiso de manter e coñecer o importe das axudas económicas que ían destinarse á celebración de eventos e festas que non van poder materializarse, para elaborar con ese orzamento resultante unha bolsa de remanente que permita sufragar axudas ao pequeno comercio, quedando á espera de que se ofrezan os datos concretos por parte da consellería da facenda”. Na mesma liña se propuxo unha colaboración da Deputación de Lugo.

CAMPAÑA DE TURISMO COMARCAL

Bermúdez dirixiuse ao director da FCAM para propoñer que dende esa institución se promova unha gran campaña a nivel comarcal, para redescubrir a Mariña por parte da veciñanza, potenciar o turismo de cercanía, sostible fomentando as potencialidades de cada concello xa que dada a situación actual, pasará tempo ata poder recibir turistas doutras localizacións.

DRAGAXE DE VIVEIRO E CELEIRO

Xa está atracada en Celeiro a embarcación encargada de iniciar, na próxima semana, a dragaxe na canle de acceso e no peirao deportivo de Viveiro e tamén no porto pesqueiro de Celeiro.

Draga danesa que operará en Viveiro. AXM

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here