IniciosociedadeDesde o día despois de Reis ata xullo no mar: o coronavirus...

Desde o día despois de Reis ata xullo no mar: o coronavirus confina os mariñeiros no Siempre Nuevo Ángel

Catro integrantes da tripulación tiñan previsto volver á Mariña Lucense a principios de maio, pero as restricións ao movemento das persoas obrigaranos a retomar a pesca sen ver ás familias

Publicada o

- Advertisement -

Entre as múltiples consecuencias que ten o coronavirus está a de illar, máis se cabe, aos mariñeiros de altura das súas familias. A finais do pasado mes de marzo, o patrón de costa do palangreiro de superficie Siempre Nuevo Ángel (Burela) ofrecía consellos para pasar a corentena. Estes días, parte da tripulación asume que por mor do estado de alarma e das restriccións ao movemento das persoas seguirá no mar ata probablemente a primeira semana de xullo. Levan no barco desde o 7 de xaneiro, o día despois de Reis.

Desde augas de Mauritania, Borja Eijo explica que “estamos acabando esta marea, seguramente en torno ao día 30. Contabamos parar e volver á casa, pero xa damos por feito que teremos que volver embarcar. En Cabo Verde ata o 2 de maio teñen todo pechado, como ocorre en España, e aínda que abriran o espazo aéreo, dependemos de Portugal e ía ser todo moi precipitado, non sabemos o que tardan as compañías aéreas en poñerse a funcionar”, explica.

“EN 28 ANOS NUNCA BOTEI TANTO TEMPO FÓRA”

Deste xeito, a tripulación do Siempre Nuevo Ángel parará uns días en Cabo Verde para descargar o peixe, facer combustible, carnada e víveres, descansar un chisco, e saír de novo. A maioría da tripulación é mauritana ou caboverdiana, pero catro residentes na Mariña Lucense deberán afacerse á idea de que como moi cedo ata xullo non volverán ver as súas familias.

Malia que vén dunha familia de mariñeiros e leva desde os 18 anos -ten 46- traballando no mar, Eijo explica que “sería a primeira vez que boto tanto tempo fóra, o que hai que achacar ás circunstancias”. Este xovense, aínda que afincado en Viveiro, remarca que “xa levabamos tempo asumindo que esta situación que imos vivir era a máis probable”.

“Tratas de non pensar moito, porque o contrario é mortificarte, e autocompadecerte non te leva a ningún lado”, subliña. “Pensas moito na familia, pero tentas non de esquecelos, pero si de non andar pensado todo o día na mesma idea”, afonda.

Mariñeiros do buque, en plena faena. AXM

OS DATOS, UN TESOURO

Eijo é unha persoa positiva. “Tentas mirarlle o lado bo. Ir agora é igual estar metido na casa todo o tempo, marchar do barco para non poder saír da casa”, explica. Salienta demais que “co whatsapp non é como antes, estamos permanentemente comunicados e bastante tranquilos porque as familias están ben”. Iso cun único matiz: “hai que procurar que cheguen os datos“.

Na casa espera súa muller, unha filla de 23 anos que regresou de Madrid, onde estuda, e un fillo de 17. Este último “está pendente de ver que pasa co Bacharelato, porque non o ten nada claro”, remarca. E tamén esperan obras que facer “que tampouco iamos poder nesta circunstancia”.

UN SACRIFICIO QUE VALIDARÁN OU NON OS PREZOS

A nota do exame que pasan estes mariñeiros e o sacrificio que asumen depende ao final non só da cantidade e da calidade do que pesquen, senón tamén do mercado, o que escapa ás súas mans. “Non estamos tan mal como aqueles que traballan produto fresco, que moitos tiveron que parar, pero baixaron tamén os prezos do conxelado, o peixe espada ou a caella, que son as nosas pesquerías fundamentais; o primeiro andaba polos seis euros e agora anda entre os catro e os cinco”, sinala.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...