IniciosociedadeOs Chaves Álvarez celebran o 92 cumpreanos da "Raia", historia viva do...

Os Chaves Álvarez celebran o 92 cumpreanos da “Raia”, historia viva do Covas mariñeiro

Filla de peixeira, pescadeira e pioneira entre as mulleres que saíron faenar, Balbina criou oito fillos, dos que tres manteñen a tradición familiar no barco de baixura Costa de África

Publicada o

- Advertisement -

A celebración tivo que ser por videoconferencia, polas restriccións ao movemento das persoas que trouxo o coronavirus, pero non por iso deixou de ser unha data sinalada. O pasado sábado, Balbina Álvarez Cabaleiro, coñecida como “A Raia“, cumpriu 92 anos. Esta muller é memoria viva dun barrio de Covas que durante boa parte do século XX se miraba no mar: filla de peixeira, pescadeira ela tamén e probablemente unha das primeiras mulleres da Mariña Lucense en saír faenar, é ademais -ou sobre todo- nai de oito fillos, dos cales tres seguen hoxe a tradición familiar no barco de baixura Costa de África.

Seguir a historia da familia Chaves Álvarez -onde abundan os alcumes e nomes mariñeiros, como Mar ou ‘Choco‘- é seguir a do auxe e caída do mar como o referente socioeconómico da nosa sociedade. “A Raia” levou sempre o alias que lle puxo un tío, Cabaleiro, e “hai xente de Covas que non lle coñece o nome”, explica o seu fillo Ramiro, coñecido en Viveiro e en Cervo, onde vive, como ‘Piru‘.

A PESCA, SEMPRE SUSTENTO

Balbina, filla de pescadeira e dun traballador da Mina de Silvarosa, axudou a criar sete irmáns e logo criou os oito fillos –Ángel, Javier, Ramiro, Luísa, José Manuel, María do Mar, José Luís e Soledad– que tivo con Ceferino Chaves, mariñeiro. O sustento desta familia numerosa foi sempre a pesca, e en boa parte dos casos segue a selo.

Balbina foi a única da familia que aguantou na Mariña, pois o dos irmáns marcharon a Euskadi ou Asturias. “Traballou como peixeira. Conta que ía co peixe para Riobarba e dábanlle a cambio patacas ou pan”, conta Piru. “Di sempre que polo camiño entrábanlle ganas de comer e collía un codelo de pan, pero devolvíao á bolsa: se comía ela non comían os demais. Viña con pezas de cinco ou seis quilos, como rodas de carro, pero cortaba un cacho e outro ía para debaixo da cama, ou non duraba un minuto”, explica.

PARA O MAR “CUN PÍCARO EN CADA BRAZO”

O traballo de Balbina non se limitaba á venta de peixe. “Cando viña o tempo de poñer as patacas, por exemplo, a xente non embarcaba. Miña nai ten ido no barco con meu pai, cun pícaro en cada brazo, cun ou dous anos, protexidos cun plástico, e os máis vellos quedabamos na casa”, expón Piru.

Deste xeito, foi unha das pioneiras entre as mulleres da Mariña á hora de saír faenar. Tanto, que “a meu pai dáballe algo de vergoña que fose con el e ás veces saía de noite para que non o viran“, sostén Piru. Cando chegaba de pescar, expón, “arrancaba para a pescadería”.

“SEMPRE PRESUME DE QUE COTIZOU TODOS OS DÍAS Á SEGURIDADE SOCIAL”

Piru, nacido no 1958, comparte barco de baixura con outros dous irmáns, Javier e José Manuel, ‘Pupo‘, de 58 anos, que concreta unha das grandes satisfaccións de Balbina ao longo da súa vida: “sempre resalta que non deixou de cotizar nin un só día á Seguridade Social, o que non era fácil para unha familia con oito fillos”.

“Foi unha época moi dura. Non tiñan roupa de augas nin tampouco motor para a lancha; meu pai ten ido a remo desde Burela a Celeiro”, precisa Pupo.

VIVIR EN PLENA PRAIA

Naquel barrio de Covas “había moitas familias que viviron do mar, xente con barcos do cerco, pero veu a fábrica e cambiou todo. Miña avoa vendeu peixe toda a vida, era socia con outra señora do pobo”, sinala Piru.

Os Chaves Álvarez viviron durante décadas nunha casiña mariñeira ao pé da praia de Covas, preto da zona dos Castelos. “Se caía da cama, caía na auga”, ri Piru. “Ao principio viviamos noutra vivenda pequena que tiraron as ondas. Eu era moi pequeno e leváranme xunto á avoa. Tiñamos un regalo eu e máis meu irmán Javier, mercárannos un camión de pinos polo día de Reis, e ao outro día andabamos pola praia buscando nos pinos que levara o mar do faiado”, recorda.

O COSTA DE ÁFRICA MANTÉN UN NOME DOS ANOS 60

“Na miña casa eramos oito e na casa do lado sete, estaba a praia chea de cativos. Con cinco ou seis anos andabas polo areal cunha pouca de rede, non ías ao mar, pero sempre sacabas algo para a pescadería. Vivíalo, estabas alí no medio dos botes, ías coa xente nas lanchas, vas absorbendo todo iso e acaba sendo non só o teu traballo, senón a túa forma de vida“, remarca Piru. De feito, a súa gran paixón cando non traballa no Costa de África é pescar na Arconada, a lancha que bautizou como seguidor fiel da Real Sociedad.

A historia do Costa de África vén de lonxe. “Empezouse nunha lanchiña de motor que se chamaba así. Meu pai púxolle o nome porque andivo nos 60 traballando na Pescanova, en Mozambique, Mauritania, ou Capetón, como lle chamaban os mariñeiros a Capetown, e dixo que gañara para a embarcación alí”, expón Pupo.

Despois “fixemos outra máis grande, Nueva Costa de África, que se expuxo no colexio de Cervo, que a botamos ao mar no 1975. E despois, no 1999, fixemos esta, e como estaba a primeira xa desguazada, poidemoslle poñer o mesmo nome”. Saíu en marzo do último ano antes do cambio do milenio, “un día dunha festa incrible”. Un martes, malia o refrán que di que non se debera casar nin embarcar, porque na familia é tradición despois de que a primeira vez saíra ben.

UNHA FAMILIA PARA A QUE O MAR “É TODO”

Javier, Ramiro e José Manuel non son os únicos fillos da “Raia” que viven do mar. “Un de nós, ‘Choco’, comezou a traballar en conxelados e despois montou a pescadería cunha irmá”, indican. Hoxe ostenta Peixería Grallal.

Que significa o mar para os irmáns, que andiveron toda a vida á baixura? “Todo, coinciden”. Que lles gusta do seu traballo? “Non te sintes explotado por ninguén, traballas para ti, hai unha tranquilidade, e despois temos moita complicidade, levamos toda a vida xuntos. Ademais tes un horario que é bastante similar ao dunha empresa”, argumenta Piru. A afección é tal que as súas primeiras vacacións en anos pasounas en Cabo Verde coñecendo como pescan no país africano.

“Non o podo comparar con outra cousa porque foi sempre o meu oficio”, alega Pupo, “pero é certo que agora é menos duro ca antes, cando iamos faenar os sete días da semana. Meu pai parou de ir ao mar con 45 anos. Entre os irmáns levámonos ben e iso axuda”, recalca.

SEN RELEVO

Para eles, o mar foi, ademais, unha promesa de saír adiante. “Nós estivemos anos e anos detrás de meu pai para que fixese unha lancha máis grande. Tiñamos esa ilusión de ir mellorando”, explica Piru.

Con todo, parece que o que deu de comer á familia xa non atrae aos máis novos. A pesca ten un problema de falta de relevo. “Acábase a dinastía do Costa de África”, subliña Pupo, que enumera os traballos que desenvolven fillos e sobriños; “mecánicos, profesores, monitores deportivos…”.

“A BANDA DA BALBINA”

O Costa de África traballa a arte do miño e, en verán, a beta. Co coronavirus, o consumo de peixe fresco non caeu en picado, alomenos nas especies habituais –chocos, maragotas-, pero si os prezos, especialmente no tocante ao marisco. “Ao estar pechados bares e restaurantes, faille perder moito valor. Véndese na pescadería para as casas, pero moi barato”, lamenta Piru.

Pero aínda así hai peixe e “estamos traballando o suficiente para ir sacando o soldiño”, manifesta Pupo. Así que, cando a pandemia pase, a autodenominada “Banda da Balbina” buscará algunha outra maneira, menos fría que a videoconferencia, para render tributo á matriarca. Igual será axiña demais para un baile, ao que é moi afeccionada, pero queda o recurso dunha simple partida -“cando xoga á baralla ás veces esquécese de comer”, di Piru-. Calquera cousa para celebrar que a familia Chaves Álvarez segue adiante e que o mar segue a dar o seu froito.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...