Catorce concellos limítrofes de Lugo e Asturias: “sen mobilidade entre nós perdemos o 50% dos recursos”

InterEo, colectivo que integran municipios como A Pontenova, Ribadeo, Trabada, Vegadeo ou San Tirso de Abres, entre outros, pide que se flexibilicen os desprazamentos na comarca

Ponte dos Santos, que une Ribadeo e Castropol. WIKIPEDIA

A Asociación InterEo, que forman 14 municipios da provincia de Lugo e de Asturias, enviou unha carta ás delegacións do Goberno no Principado e en Galicia o na que, trala aprobación do plan de desescalada que contempla a provincia como elemento referencial de mobilidade territorial, reclama que se flexibilicen os desprazamentos por concellos limítrofes, tendo como referencia máxima os dous municipios arredor das fronteras entre as dúas comunidades.

O colectivo de municipios, que engloba sete concellos galegos –A Fonsagrada, A Pontenova, Baleira, Negueira de Muñiz, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada– e otros tantos asturianos –Castropol, San Martín de Oscos, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Vegadeo e Villanueva de Oscos-, remarca na misiva que a agrupación é “un reflexo da relación socioeconómica dos nosos veciños”.

“Os Concellos de Grandas de Salime, Ibias e Pola de Allande teñen mellor comunicación polo Sur-Occidente da provincia, transcorrendo polo territorio galego moitos quilómetros para ter enlace cos propios municipios asturianos que formamos a comarca Oscos-Eo”, expón o colectivo.

O presidente da agrupación e alcalde da Veiga, César Álvarez, No tocante á mobilidade, indica a modo de exemplo que “a xente de San Tirso de Abres ten que andar entrando e saíndo da provincia de Lugo para ter saída por estrada ao mar”.

IMPOSIBILIDADE DE ACCEDER A HORTOS E EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS DE AUTOCONSUMO

A asociación salienta que “os nosos veciños utilizan os servizos dispoñibles e dispostos tanto públicos coma privados libremente sen prexuízo da fronteira administrativa”, e fai fincapé en que existe unha necesidade de mobilidade “en canto a terreos de uso e aproveitamento agrario e gandeiro para uso particular e enfocado ao autoconsumo e autoabastecemento das economías familiares”.

Tamén subliña a existencia dunha mobilidade “patrimonial, que provoca o ter propiedades nunha provincia e o empadroamento na veciña”.

FAMILIAS SEPARADAS

Álvarez, de novo, enumera exemplos. “Hai heredeiros que viven aquí en Vegadeo que teñen terreos gandeiros e agrícolas en Couxela (Ribadeo) ou A Pontenova. Temos moitos matrimonios nos que un cónxuxe é de cada beira do Eo. Por iso, hai familias que non poden ver a parentes como pais ou avós”, expón Álvarez, que resalta as dificultades engadidas do día a día, para ir repostar ás gasolineiras ou para achegarse ás oficinas bancarias.

Pon outro caso máis sobre a mesa: “Abres comparte parroquia e servizos con Ría de Abres, que pertence a Trabada”.

O IMPACTO ECONÓMICO: “RIBADEO NON SE ENTENDE SEN CASTROPOL OU TAPIA”

Deste xeito, continúa a carta, “se nos quitan a mobilidade entre concellos limítrofes é como quitarnos o 50% dos nosos recursos”.

Neste sentido, Álvarez expón que “a capital comarcal que é Ribadeo non se entende sen Castropol, La Caridad ou Tapia, pois a veciñanza supón uns ingresos moi importantes”, pero tampouco A Veiga “se comprende sen Couxela ou Santalla de Villaosende. Todo o Oriente de Galicia vive de Asturias e o Occidente asturiano vive de Galicia”.

Así, alerta do posible peche de moitos negocios de non haber unha certa apertura. “Esta reivindicación deriva dunha realidade social, non dunha especulación filosófica. Temos que axudarnos, porque temos virtudes e problemas comúns, xa nos están a marcar límites territoriais e se esperamos que veñan os de fóra non iremos para diante”, conclúe.

MENOR INCIDENCIA DO CORONAVIRUS

“Os máis interesados” en que o coronavirus non se propague “somos os Concellos e os propios veciños”, argumenta InterEo, que con todo lembra que “somos un territorio con moi baixo índice de casos. A responsabilidade amosada na zona rural lévanos a contemplar accións e medidas racionais dentro do actual marco social”, engade.

“As administracións locais sabemos quen vén por ocio, quen vén por ocio e quen por necesidade; pedimos que nos liberen un pouco desa carga na normativa xeral”, indica Álvarez.

Así, InterEo pide que o Executivo dea luz verde ás súas reclamacións: flexibilizar a mobilidade no ámbito territorial por concellos limítrofes e facilitar os desprazamentos dos veciños nas fronteiras para que poidan realizar actividades agrogandeiras nas súas propiedades.

PIDE AMPLIAR O TURISMO INTERPROVINCIAL “NUN MÁXIMO DE TRES HORAS”

A agrupación tamén propón a apertura, durante un período máximo de tres horas de viaxe, “para aqueles turistas que desexen utilizar os servizos dispoñibles nos territorios, xa que así xogariamos coas mesmas bazas todos os asturianos ao contemplar que ese tempo é o que tardamos en cruzar Asturias de leste a oeste”. Así, conclúe Álvarez, pedimos “que se permita aos visitantes nestes casos desprazarse un máximo de tres horas á comunidade galega“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here