Como serán as misas e actos relixiosos? Mondoñedo-Ferrol fai públicas as medidas de prevención

Abrirán con aforo limitado a catedral de Mondoñedo e "os principais templos" da Diócese, que convida polo de agora a seguir as celebracións polos medios audiovisuais

Misa do Xoves Santo, sen fieis. MONDOÑEDO-FERROL

A Diócese de Mondoñedo-Ferrol fixo públicas a través dun comunicado de prensa as medidas de prevención coas que deberán realizarse as celebracións do culto público ante a próxima entrada en vigor das fases 1 e 2 que establece o Goberno de España no chamado proceso de desescalada como consecuencia da pandemia do Covid-19.

Nunha carta enviada a sacerdotes, comunidades relixiosas e delegados laicos, o bispo, Luis Ángel de Las Heras, indica as medidas para ” reiniciar progresivamente as actividades habituais da Igrexa”. Na misiva, insta a “cumprir sempre as normas que nos dan as autoridades sanitarias” e a ser “moi coidadosos nos pasos que imos ir dando; máis
aínda, se somos poboación de risco por enfermidade ou idade avanzada”.

A IDADE DOS PÁRROCOS, UN PROBLEMA

Un punto, admite, no que “se atopan moitos sacerdotes“. Deste xeito, remarca, “non podemos pedirlles que se expoñan ao contaxio, ou se convertan involuntariamente en transmisores da enfermidade, como tampouco esixirlles que se fagan cargo dunhas medidas de seguridade sanitaria que poden exceder as súas propias capacidades de acción”.

A Conferencia Episcopal Española (CEE) indicou o pasado 29 de abril unha serie de medidas de prevención para as celebracións e atendendo ás normas que van
establecendo as autoridades pertinentes.

DISPOSICIÓNS PARA AS FASES 1 E 2

Deste xeito, para as fases 1 e 2, a Diócese “prorroga ata novo aviso a dispensa de precepto dominical, convidando á lectura da Palabra de Deus e á oración nas casas, podendo aproveitar a retransmisión da Eucaristía a través dos medios de comunicación, sempre en directo”. Faise especial énfase “en que as persoas que estean entre os grupos de risco
sigan as celebracións polos medios audiovisuais“.

Polo que se refire á reapertura do culto público, iniciarase na Catedral de Mondoñedo
e nas principais igrexas de referencia que establece o Plan Diocesano
de Unidades Pastorales, “sempre que estas estean en condicións de cumprir con todas
as medidas de prevención”. O aforo dos templos que abran será, de acordo co que establece o Goberno de España, dun terzo na fase 1 e da metade do aforo na fase 2.

O bispo lembra que “os asistentes deben usar sempre máscara, lavarse
con xel hidroalcólico á entrada e saída do templo e manter unha distancia de 1,5
metros uns con outros”.

OS FUNEIRAIS SEGUIRÁN POSPOÑÉNDOSE

As pías de auga bendita estarán baleiras e as portas destas igrexas permanecerán abertas á entrada e saída das celebracións. En canto a funerais, aniversarios, novenas, romarías ou outras celebracións que conleven a previsible asistencia dun gran número de fieis, “pospoñeranse ata que as circunstancias melloren”.

SEN SAÚDO DE PAZ, PERO CON COMUÑÓN

No segundo apartado deste documento, o referido ás “disposicións na
liturxia”, establécense, entre outras medidas, o evitar “coros, follas de canto e outros
documentos de papel”; a colecta realizarase cun cesto preto da saída. O saúdo
da paz realizarase cun xesto que evite o contacto físico e a comuñón hase de recibir na man evitando o contacto.

O sacerdote celebrante desinfectará as súas mans ao empezar o canon da misa. Farao
igualmente antes e despois de distribuír a comuñón, momento no cal utilizará
mascára.

A UNCIÓN DE ENFERMOS DE COVID-19, CON TODAS AS PRECAUCIÓNS

Polo que incumbe ao sacramento da Reconciliación, hase de celebrar nun espazo
amplo que permita a distancia de seguridade e asegure a confidencialidad. Deberán
levar máscara tanto o confesor como o penitente.

A Unción de enfermos celebrarase polo rito breve. Se quen a reciben son pacientes de coronavirus, será necesario o uso de bata, luvas, máscara e pantalla protectora.

Para rematar, conclúe a Diócese, “indicar que si hai novidades na evolución da urxencia sanitaria que afecten a estas disposicións informarase convenientemente e para afrontar a fase 3 da desescalada anunciaranse novas disposicións coa antelación que permita
a actual situación”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here