A abstención do BNG facilita once días despois a adxudicación do contrato de recollida do lixo en Burela

O Bloque esgrime tras mudar o voto que o informe de secretaría alerta de posibles recursos ao procedemento e carga contra o PSOE; o PP acusa á formación frontista de "irresponsable"

Pleno telemático deste 11 de abril en Burela. AXM

Nun pleno extraordinario celebrado telematicamente este luns, a corporación de Burela acordou á segunda tentativa do goberno local adxudicar o servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e de praias e xestión do punto limpo á empresa Urbaser. Posibilitouno a abstención do BNG, que criticou ao executivo local é a súa vez recibiu a censura do Partido Popular (PP) por mudar o seu voto con respecto ao pasado 30 de abril, cando a formación frontista se opuxo á contratación.

O alcalde, o socialista Alfredo Llano, asegurou que a proposta “fíxoa a mesa de contratación e está baseada en métodos obxectivos, cunha valoración rigorosa que tivo en conta todas as variables. Non se trataba de divagar sobre as preferencias de cada grupo sobre como debe ser a xestión da limpeza en Burela”, argumentou.

O ALCALDE ALERTABA DUN “POSIBLE CONFLITO” COA ACTUAL ADXUDICATARIA

Neste sentido, o rexedor burelao lembrou que a empresa que actualmente presta o servizo, Geseco, “está prorrogada, non quere seguir e polo tanto podería haber conflito”, e amosara as súas dúbidas sobre a validez da votación anterior.

Llano valorou a abstención do BNG, que actuou “perfectamente”, pois “tivo en conta o informe do secretario do Concello, no que facía unha valoración sobre o que supoñía a adxudicación ou non deste servizo”.

Con respecto ao PP, que votou de novo en contra, Llano manifestou que “insiste en que vamos hipotecar o Concello, derivado da suba enorme, segundo eles, con respecto ao que había”. O grupo municipal popular, proseguiu, “trataba de tombar a proposta con datos que veñen do ano 2016, pero non acertaba nunha xustificación certeira e rigorosa para impedir que se adxudicara a esta empresa”.

“MELLORARÁ O SERVIZO”, AFIRMA LLANO

Neste sentido, Llano xustifica a subida do prezo, razón esgrimida con anterioridade por conservadores e nacionalistas para opoñerse a aprobar a adxudicación, na mellora do servizo. “Suben exactamente 150.000 euros -dos 660.000 anuais que cobra Geseco a 816.000, nun acordo de catro anos cun de posible prórroga- respecto ao antigo contrato, pero houbo moitos cambios. A veciñanza reclama un bo servizo, de calidade. E vai haber recollida de cartón todos os días, tamén un vehículo para levar os enseres ao punto limpo, unha boa limpeza de praias, de contedores cada pouco tempo, desinfección das rúas. E tamén hai que ter en conta as variacións que houbo desde o anos 2016 e 2017 a hoxe con respecto aos salarios dos empregados, que houbo que adaptalos ao novo salario mínimo que xa está en vigor”, concreta o rexedor.

Deste xeito, remarca, “esa suba realmente vai traer consigo un aforro: menos pago a Sogama e moita máis limpeza”.

O BNG ACUSA AO GOBERNO DE “NON ESCOITAR” Á OPOSICIÓN

Pola súa banda, o BNG explica para aclarar o seu cambio de voto que o informe de secretaría “dinos que por tratarse deste momento no procedemento, as consecuencias de non adxudicalo contrato derivarían en posibles recursos por parte dos licitadores, con indemnizacións a cargo das arcas municipais, ademais de que o posible recurso da licitadora proposta prosperaría no correspondente tribunal recibindo deste feito a adxudicación do contrato”, expón o voceiro nacionalista, Mario Pillado.

A formación frontista, afirma Pillado, “vímonos na obriga de absternos posto que o que pensamos confronta coas consecuencias das que se nos informan”. Neste sentido, considera que “non é positivo xudicializar a política, tendo en conta que este proceso xa estivo sometido a recursos e a sentenzas de tribunais”.

O voceiro nacionalista atribúe “única e exclusivamente a responsabilidade” do acontecido co procedemento “ao goberno local pola falta total e absoluta dunha planificación na xestión, e por non escoitar os grupos municipais de forma inexplicable estando nunha situación de minoría“. Unha situación que “non se debe repetir”, subliña Pillado, que lle pide aos socialistas “a madurez suficiente” para “chegar a acordos”.

O voceiro nacionalista esgrimiu que “o armazón legal creado polo PP cando gobernou no estado e permitido polo PSOE, protexe a privatización e ocasiona este tipo de disxuntivas”.

Deste xeito, lamenta que “se nunca se tivera privatizado o servizo nunca estariamos ante esta problemática. Unha vez mais, o tempo danos a razón acerca da nosa defensa da xestión pública dos servizos”, xulga.

O PP CRITICA A SUBA DO PREZO DO CONTRATO

O feito de que o Bloque facilitara a aprobación dun proxecto ao que se opuxera motivou as críticas do PP burelao, que tamén asegurou que a votación “non contou con todas as garantías“.

Os conservadores destacan que mantiveron “a coherencia” ao posicionarse de novo en contra do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria máis caro da historia de Burela“, dentro dun contexto “particularmente delicado, non só pola grave crise que está a padecer a veciñanza, senón tamén a pesar da estraña urxencia que alega o alcalde para convocar este mesmo punto en dúas ocasións con tan só once días de diferenza”.

O voceiro dos populares, Manuel Rouco, afirma que a decisión tomada “non conta con tódalas garantías para que os concelleiros emitan o seu voto de forma non arbitraria; xa dende o noso grupo había moitas cuestións que lle querían trasladar tanto á secretaría como á intervención para que emitiran resposta ao respecto antes de volver a tomar tan importante decisión”.

“Isto non se puido dar porque Llano convocou o pleno o venres 8 a mediodía sen a preceptiva comisión informativa”, sostén Rouco, que fala de que “non se aportou documentación fundamental para este pleno como pode ser a acta do pleno anterior ou a resposta a diversas cuestións rexistradas por escrito hai mes e medio e que tiñan que ver directamente con esta adxudicación”.

EMENDA DO PP

Os populares, indica Rouco, presentaron unha emenda de substitución para “iniciar a municipalización do servizo” cuxo “custe anual do mesmo atendendo aos datos presentados para este concurso non excedería de 690.000 euros/ano”, que foi rexeitada. Deste xeito, a formación conservadora carga contra os nacionalistas, porque, afirma, “a responsabilidade do señor Llano é compartida con aqueles que finxen ser unha alternativa de goberno cando en realidade son a outra cara da mesma moeda socialista”.

“Esta non é máis que a continuación da decisión tomada no pleno de investidura por parte da formación do Bloque”, conclúe o PP, que remata que “a responsabilidade do Sr. Llano é compartida con aqueles que finxen ser unha alternativa de goberno cando en realidade teñen unha actitude irresponsable, son a outra cara da mesma moeda socialista e bailan ao son que toca o PSOE”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here