Viveiro pide “responsabilidade” a veciñanza e hostaleiros para evitar aglomeracións e manter distancias

O Concello lembra as restriccións da primeira fase da desescalada ao percibir "certa confusión" entre os veciños; nalgúns locais houbo que retirar mesas das terrazas

Colas para mercar nunha panadería do casco histórico de Viveiro. FUNDACIÓN TIC/DEPUTACIÓN DE LUGO

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, mantivo unha reunión coas forzas de seguridade para concretar as diferentes medidas de flexibilización ou restricción na actual fase 1 da desescalada, demandando “responsabilidade” á veciñanza para “respectar todas as recomendacións e indicacións das autoridades sanitarias”.

A rexedora lembra que “é fundamental evitar aglomeracións e manter as distancias“, posto que as forzas de seguridade percibiron “bastante confusión e algo de relaxación” trala aprobación da fase 1 da desescalada. “Houbo xente que pensou que xa pode ir de paseo todo o tempo que queira, ou a familia ao completo… É certo que a normativa vai cambiando pero hai que recordar que as restriccións seguen”, salienta.

O Concello remitiu unha carta ao sector hostaleiro lembrándolle que o goberno local “está comprometido con dar facilidades pero son eles os que teñen que velar tamén porque se cumpran as distancias”.

Loureiro admite que no tocante á hostalería, principalmente “nos primeiros días”, houbo algunhas incidencias nas terrazas, e a Policía Local tivo que retirar varias mesas nalgúns establecementos, que estaban “abarrotados”.

Con todo, matiza Loureiro, a maior parte da intervencións policiais realizadas no primeiro día de desescalada “foron pedagóxicas” e o empresariado do sector ten unha “boa disposición” para cumprir coas normas.

“A evolución da pandemia é boa en Viveiro, pero é importante non dar pasos atrás, polo que pedimos a colaboración de todos os veciños e veciñas, que ata o de agora tiveron un comportamento exemplar”, engade Loureiro.

PASEOS

O Concello lembra que no núcleo de poboación de Viveiro seguen vixentes as franxas horarias para facer deporte ou pasear:

-Ata tres menores de 14 anos poden saír cun proxenitor, unha vez ao día e a unha distancia máxima dun quilómetro entre as 12.00 e as 19.00 horas.

-Os maiores de 14 anos ata 70 poderán saír a facer deporte sempre de maneira individual e mantendo as distancias sociais ou a dar un paseo cun membro da unidade familiar de convivencia, desde as 6.00 ás 10.00 e de 20.00 a 23.00 horas.

-Os dependentes que precisan un acompañante e os maiores de 70 anos teñen reservada tamén unha franxa horaria: de 10.00 a 12.00 e unha hora pola tarde, de 19.00 a 20.00 horas.

Nos demais núcleos de poboación non hai restricción horaria de 6.00 a 23.00 horas, pero tamén é importante non superar unha hora de deporte ou paseo (que pode ser con menores).

TERRAZAS

Con respecto ás terrazas, “non hai limitación ou franxa horaria e os nenos poden ir, pero deben estar cos adultos, non xogando nos arredores. O Concello solicita aos establecementos de hostalería que velen polo respecto das distancias sociais“, remarca.

CONSULTAS MÉDICAS

Por último, o executivo municipal recomenda as consultas médicas por teléfono sempre que sexa posible e que sexa o médico o que determine se é necesaria unha consulta presencial.

“A evolución da pandemia é boa en Viveiro, pero é importante non dar pasos atrás, polo que pedimos a colaboración de todos os veciños e veciñas, que ata o de agora tiveron un comportamento exemplar”, engade Loureiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here