Diario da desescalada: o esquecemento

Dá para preguntarse canto tardarán en enferruxarse na nosa memoria estes días de reclusión, de medo e vulnerabilidade, de xente responsable e irresponsable, de miles de perdas humanas

Sanitaria atende a unha paciente de coronavirus (imaxe de arquivo). EFE

O pasado martes, Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, viuse obrigado a lembrar que nas anteriores 24 horas contabilizáranse 176 mortes por coronavirus para un total de 26.920 falecementos desde o inicio da pandemia (27.321 mortos a día de hoxe). O epidemiólogo instou a non esquecer “o que viviron os sanitarios e a poboación” ao fío das imaxes de terrazas abarrotadas, despois de que o luns se permitise con restriccións o inicio da actividade hostaleira.

O pasado mércores, gobernos locais da Mariña Lucense lembraron que, malia a apertura de determinadas actividades, seguimos en estado de alarma e a lidiar cunha emerxencia sanitaria, probablemente a de maior magnitude que viviremos nas nosas vidas. Á volta da esquina está unha fin de semana na que abrirán moitos comercios hostaleiros e no que se presumen moitos desprazamentos a segundas residencias dentro da provincia, polo que non faltan as voces que piden cautela, non esquecer o risco que, de non ser precavidos e evitar aglomeracións, asumimos non só para as nosas vidas senón tamén para as dos veciños.

O QUE VIVIMOS

O que viviron os sanitarios e a poboación está contado, mellor ou peor. As fendas da sanidade pública e a especulación (é o mercado, amigo) con armas ou con elementos de protección básicos, que deixaron aos profesionais sós na area contra os leóns, coas pantallas feitas por voluntarios a modo de escudo; a morte de centos dos nosos maiores, que tiraron de nós antes e despois da crise de 2008, confinados en residencias que non están para curar; a obriga das pequenas empresas, do comercio e a hostalería, de pechar ou partir de novo de cero; a pobreza que leva a ducias de familias a solicitar a axuda dos servizos sociais despois de dous meses de inactividade.

A precariedade e temporalidade de moitas das traballadoras consideradas “esenciais“, esa ironía. A nosa dependencia do veciño, que amosa a vergoña do noso individualismo. O dependentes que nos fixeron, cando non o eramos tanto, dunha engranaxe feita por outros.

E queda aínda moito por contar, claro.

O NOSO PRESENTE PERMANENTE

A ciencia neurolóxica ten estudado o esquecemento como un mecanismo adaptativo, pero sospeito que no tocante á nosa dimensión social, a outros estudosos da tribo gustaríalles ter unha palabra. A finais do século XX, o historiador Eric Hobsbawm denunciaba que “a destrución do pasado, ou máis ben dos mecanismos sociais que vinculan a experiencia contemporánea do individuo coa de xeracións anteriores, é un dos fenómenos máis característicos e estraños das postrimerías do século XX (…) Na súa maior parte, os homes e mulleres novos (…) medran nunha sorte de presente permanente sen relación orgánica algunha co pasado do tempo no que viven”.

A NOSA FORMA DE VIDA

Manuel Urraco, sociólogo, observaba hai uns poucos días nunha reportaxe para TVE algo semellante: “a nosa sociedade defínese, entre outras características, pola súa capacidade para esquecer. A xente segue a pensar que cando isto acabe volveremos ao bar, ao cinema, ás vacacións na praia, e retomar a vida no mesmo punto que a deixamos cando comezou a crise. O consumo é a nosa forma de vida e non é tan doado que unha comunidade estea disposta a renunciar ao seu xeito de ser, logo de naturalizalo como maneira de ser das cousas para sempre”.

Dá para preguntarse: canto tardarán en enferruxarse na nosa memoria estes días de reclusión, de medo e vulnerabilidade, de xente responsable e irresponsable, dunha cantidade insoportable de perdas humanas? Xa están enferruxados? Se é así, quen estimula o noso esquecemento? Por que lle interesa facelo? Canto aprenderemos disto? Viviremos en consecuencia co aprendido?

Penso que do pouco ou moito que lembremos dependerá o mal ou ben que nos vaia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here