IniciosociedadeUnha Erasmus mindoniense en Lituania: "levo fóra desde Nadal e teño voo...

Unha Erasmus mindoniense en Lituania: “levo fóra desde Nadal e teño voo para xuño, espero volver”

Minerva Rivas, estudante de Enxeñería Mecánica en Vilnius, reclama axuda da Embaixada para regresar á Mariña, que non pisa desde o día despois de Aninovo

Publicada o

- Advertisement -

O coronavirus colleu a Minerva Rivas Cabanas, estudante de 21 anos natural de Mondoñedo, cursando cuarto de Enxeñería Mecánica en Vilnius, a capital de Lituania, cunha beca Erasmus. Leva desde principios de ano sen volver á casa e solicita axuda para regresar, dado que, asegura, desde a Embaixada española no país báltico non se lle ofreceu unha solución para facelo.

A principios do pasado mes de abril, unha estudante focega na República Checa, Andrea García Mondelo, denunciaba unha situación similar. A propagación da pandemia en Italia primeiro e España despois e as restriccións ao movemento das persoas que se foron espallando polos países europeos puxeron a estas estudantes no dilema de marchar para a casa ou arriscarse a perder un curso, e a decisión de quedarse supuxo que permanezan agora a miles de quilómetros das súas familias.

A 3.387 QUILÓMETROS DA CASA

No caso de Rivas, a 3.387 quilómetros da casa. “Falei coa Embaixada a mediados de marzo a primeira vez. O 22 de marzo, dixéronme que había un voo a Alacante. Pero non tiña claro que ía pasar coas materias que cursaba, porque había algunha con prácticas presenciais e non tiñamos ningunha garantía de poder facelas online se volviamos a España”, explica a moza, que estuda simultaneamente Enxeñería Naval e Oceánica na Universidade da Coruña (UdC), no campus de Ferrol.

“Só tivemos garantías de poder continuar a maior parte do curso a través de internet despois das dúas primeiras semanas de corentena“, indica. “Unha rapaza de Pontevedra e máis eu decidimos quedar pensando que en maio nos facilitarían volver. Así que estamos nunha situación de incerteza e con ganas de regresar”, lamenta. Na residencia onde vive quedan “sobre todo xente de Italia, Turquía, Francia… o resto marchou”, concreta.

LIGAZÓN CANCELADA EN MAIO

En abril, ofrecéuselle un voo para Londres, aínda que sen garantías de continuidade cara España. “Sen nada seguro non era viable collelo”, afirma. A principios de maio abriuse o espazo aéreo en Lituania e as aeroliñas comezaron a operar cunha certa frecuencia, especialmente a Frankfurt, Alemaña, e Riga, Letonia. Tentouno de novo e mercou billete para volver o 22 de maio, pero o voo foi cancelado a causa da pandemia.

O curso rematará o día 27 e agora espera, a principios de xuño, poder facer escala en Bruxelas para chegar a Madrid, onde a esperaría a familia. De acollerse a esta posibilidade depende que non haxa ningún retroceso a nivel sanitario. O peche das fronteiras en España decretouse o 22 de marzo, e o estado de alarma está prorrogado ata o 24 de maio.

Agarda “que nos dean un pouco máis de información” da Embaixada, para “poder polo menos saber cando poderemos volver, ou como facer”, xa que desde a UdC “están en contacto permanente con nós”.

MENOR IMPACTO DA PANDEMIA

O impacto do virus en Lituania non é comparable con España. Segundo o Ministerio de Saúde lituano, o país tiña 1.523 casos confirmados de Covid-19 este venres pola mañá. Ata a data, 54 persoas morreron e 965 recibiron a alta.

As restriccións, sinala a estudante, tampouco foron “nunca tan estritas como en España. É obrigatorio levar máscara e luvas, pero hai semanas que abriron máis comercios que os supermercados e as farmacias. Temos habitación con cociña e baño e ao principio levábase mal non poder saír, pero agora podemos pasear ata o bosque e xuntarnos con compañeiros doutras habitacións”, explica.

Con todo, as distancias nesta situación fan todo máis difícil. “Todas as nosas familias están ben, e nós estamos tamén con boa saúde. Ao fin e ao cabo Pero si que hai preocupación, porque nestas situacións difíciles dá gusto ter aos teus preto, e o certo é que a sanidade tampouco é a mesma. Eles están esperando que cheguemos”, salienta.

E que espera ela do regreso? “Pois poder volver ao sitio onde vives, estar en familia e coa xente, algunha que outra comida. Sempre que estou en Mondoñedo desconecto de todo”, subliña.

O PP SOLICITA A “REPATRIACIÓN DOS ESTUDANTES”

O PP solicita ao Goberno que favoreza a repatriación dos lucenses residentes no extranxeiro e que non poden voltar polo estado de alarma

Os senadores da formación conservadora José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela farán esta petición na Cámara Alta, alertados polos propios afectados, onde tamén demandarán que o Executivo detalle o número de persoas da nosa provincia, que lle consta tanto á Subdelegación do Goberno como ao ministerio de Asuntos Exteriores, e que non teñen a posibilidade de voltar a Galicia querendo facelo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...