A Ribeira pide axilizar a remodelación e dragaxe de Porto Chico tras arranxos nos pantaláns

A asociación insta á Xunta a que presente "un proxecto técnico" a finais de ano para acabar cos problemas de abrigo e de calado do peirao deportivo de Foz

Pantalán danado en Porto Chico. A RIBEIRA

A asociación A Ribeira de Foz anunciou a través dun comunicado de prensa que comezaron novas reparacións nos pantaláns do peirao deportivo, coñecido como Porto Chico. O colectivo lembra que as instalacións teñen “máis de 35 anos de antigüidade” e reclama á Xunta de Galicia que acometa “unha solución definitiva” coa dragaxe que os usuarios veñen reclamando, unha obra pendente sobre a que se adoptaron por unanimidade dous acordos no Parlamento galego.

A Ribeira salienta “as malas condicións de abrigo” que padecen os usuarios, situación que se une “á falta de calado“. O colectivo valora que Portos de Galicia “sempre se amosa disposta a facer as reparacións, o problema é que os trámites administrativos en ocasións son demasiado longos e a empresa concesionaria deste tipo de obras tampouco axuda á rapidez das obras”.

“O perigo está en canto son de roturas ou danos serios que fan perigar seriamente a perda dalgunha embarcación, nas cales a dilixencia debe ser o máis inmediata posible”, salienta A Ribeira.

No tocante á remodelación e dragaxe, o colectivo agarda que Portos de Galicia atenda “aquilo co que se comprometía en novembro do pasado ano nunha reunión coa nosa asociación e esperamos que antes de final de ano estean iniciados os estudos para a remodelación e dragaxe de Porto Mozo“. A Ribeira espera que se lle amose “un proxecto técnico” que dea saída ás peticións que realizou.

PROBLEMAS PARA AS EMBARCACIÓNS DE SALVAMENTO

“Aceptamos con resignación que outro verán máis, e xa van moitos, as nosas embarcacións quedarán varadas nas baixamares non podendo así usar as instalacións, outro verán no cal as embarcacións de salvamento dos socorristas tampouco terán unha total operatividade, o que supoñerá vez máis unha falta de protección aos bañistas das praias de Foz e Barreiros, outro verán no cal as empresas de turismo náutico tampouco poderán traballar a calquera hora do día, pois os seus veleiros de aluguer non poderán saír das súas atracadas, en definitiva outro verán condenados por unhas instalacións precarias que, con todo, teñen moita demanda“, sostén a agrupación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here