IniciosociedadeConsulta as medidas de alivio para os municipios de menos de 10.000...

Consulta as medidas de alivio para os municipios de menos de 10.000 habitantes

Desde este venres elimínanse as restricións tanto para os nenos como para a práctica ao aire libre de actividade física non profesional

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O Ministerio de Sanidade publicou a orde pola que se flexibilizan as franxas horarias nos municipios de menos de 10.000 habitantes, onde desde este venres elimínanse as restricións tanto para os nenos como para a práctica ao aire libre de actividade física non profesional. A nova normativa afectará a 14 dos 16 municipios da Mariña, agás Burela -pola densidade poboacional- e Viveiro.

A orde rebaixa as restricións nos municipios cunha densidade de poboación inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado que aínda se atopan en fase 0 e fase 1 do plan de desescalada e que poderán acollerse a algunhas medidas previstas para a fase 2.

PASEOS FAMILIARES

No caso dos desprazamentos por parte dos menores de 14 anos, non será de aplicación o límite dun adulto responsable e ata tres nenos e poderán saír xuntos todos os que convivan nun mesmo domicilio. Respecto a as actividades deportivas, a orde precisa que deben practicarse a unha distancia máxima de cinco quilómetros, incluíndo municipios adxacentes, sempre que se atopen dentro do ámbito de aplicación desta orde e pertenzan á mesma unidade territorial.

OS BARES E RESTAURANTES PODERÁN ABRIR INTERIORES

Os Concellos poderán permitir os mercados ao aire libre e determinarán os requisitos de distanciamento entre postos e as condicións de delimitación do mercado co obxectivo de garantir a seguridade e distancia entre traballadores, clientes e viandantes. Tamén poderán abrir aos público establecementos de hostalería e restauración para consumo no local (con limitacións de aforo e prioritariamente baixo reserva), salvo discotecas e bares de lecer nocturno, así como as terrazas ao aire libre, coas medidas de seguridade e prevención oportunas.

De igual modo, flexibilízase a asistencia a velorios, enterros, lugares de culto e bibliotecas e a apertura de instalacións deportivas.

MEDIDAS DE ADAPTACIÓN

Para garantir o cumprimento destas medidas, así como para posibilitar a súa adaptación a fases posteriores, os Concellos deberán elaborar e aprobar plans de adecuación dos espazos públicos. Poderán así ampliar zonas peonís; recuperar e adaptar zonas verdes e outros espazos libres, incluídos montes comunais ou municipais; definir viarios para bicicletas, patinetes e vehículos similares, e para viandantes; regular as áreas de baño público en praias, ríos ou lagos cando estea permitido, ou empregar mobiliario semipermanente que permita unha distribución horaria do espazo público.

Igualmente, poderán adoptar medidas restritivas no acceso aos espazos naturais da súa competencia cando consideren que existe risco de formación de aglomeracións.

O 80% DA POBOACIÓN VIVE NO 10% DE MUNICIPIOS

Segundo os últimos datos do INE, o 90 por cento dos municipios de España ten unha poboación inferior a 10.001 habitantes, e neles só reside un 20 por cento da poboación. Estes municipios configuran a maior parte do medio rural do Estado, e caracterízanse por ter unha baixa densidade de poboación, que a Lei para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, establece no limiar de menos de 100 habitantes por quilómetro cadrado. Case un de cada catro habitantes é maior de 65 anos -o que supón 2,1 millóns de persoas en total-, e, máis aínda, nos 5.000 municipios con menos de 1.000 habitantes, nos que o 31 por cento das persoas teñen máis de 65 anos.

PERMITIDOS DESDE HOXE OS MERCADOS DE GANDO

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que levanta a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos Concellos.

Só poderán participar nestas feiras as persoas acreditadas para a compravenda de gando e o seu transporte, as cargas e descargas deberán facerse de xeito gradual e as entradas ás oficinas veterinarias de forma individual.

A maiores, os usuarios deberán portar máscara e manter as distancias de seguridade, mentres o recinto terá que instalar mamparas ou habilitar distintos puntos de entrada e saída se é posible, para evitar o contacto entre persoas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...