Viveiro cancela os eventos e festas de organización municipal previstos para xullo e agosto

A medida afectará ao Mercado Renacentista, festas patronais ou Mostra Folclórica; respecto aos actos impulsados por asociacións valorarase "en cada momento" se se dá autorización

Comitiva de Carlos V, na súa chegada a Viveiro. MERCADO RENACENTISTA DE VIVEIRO

O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de adoptar a decisión de cancelar as festas organizadas polo executivo municipal nos meses de xullo e agosto, entre as que se inclúen o Mercado Renacentista e as festas patronais de San Roque e Nosa Señora, así como todos os eventos e celebracións vinculadas á súa programación, como son, entre outras, as Feiras do Libro e de Artesanía, o Festival de Corais ou a Mostra Folclórica.

Dende o Concello, expón a nota, “falouse coa organización da Mostra Folclórica e tamén consideran que este ano, tendo en conta a situación a nivel nacional e internacional derivada da pandemia, non se podía celebrar”.

“Con respecto ás demais festas que non son organizadas polo goberno local, que requiren da autorización municipal, valorarase a situación nese momento e no caso de considerar que existe algún perigo para a saúde pública da nosa veciñanza, loxicamente non se poderán celebrar”, continúa o executivo municipal no comunicado.

O Concello tomou esta determinación “tendo en conta a situación actual e as características propias dos eventos referidos, por responsabilidade e priorizando a seguridade e a saúde pública por riba de calquera outra cuestión, tendo en conta que non se pode garantir o cumprimento das recomendacións sanitarias e de hixiene, a distancia de seguridade establecida para combatir a propagación do virus ou as limitacións de aforo“.

NA PROCURA DE “ALTERNATIVAS”

“Estase traballando en alternativas, pero sempre dentro das posibilidades, dependendo das medidas que estableza o Goberno e segundo se vai pasando de fase e atendendo á evolución da pandemia“, indica o Concello viveirense.

“Neste momento consideramos que o máis importante é continuar avanzando nas fases da desescalada e ir recuperando paulatinamente tanto a nosa vida cotiá como a actividade económica, buscando alternativas que poidan adaptarse ás circunstancias actuais, sen esquecer que continúa sendo prioritario minimizar o risco de contaxios, extremar as precaucións e cumprir de maneira exhaustiva as medidas establecidas polas autoridades competentes”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here