O Sergas contabiliza 56 casos activos de coronavirus, segundo o reconto oficial ofrecido na mañá deste luns. Son catro positivos menos ca onte. No Hospital Público da Mariña non constan ingresados que contraeran o virus.

Destas 56 persoas, tres permanecen no HULA, dúas en Uci e unha en planta. Un total de 53 pacientes permanecen illados en domicilio.

No histórico da provincia documéntanse 27 falecementos, cinco na Mariña, onde tamén faleceu un doente que ingresara na Uci por coronavirus e que durante o seu período na unidade de críticos superou a enfermidade.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 884, deles 221 son da área da Coruña, 56 da de Lugo, 127 da de Ourense, 37 da de Pontevedra, 264 da área de Vigo, 151 da de Santiago, e 28 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 permanecen en Uci, 66 están en unidades de hospitalización e 807 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.684 persoas curadas, rexistrándose 612 falecementos.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, o único positivo documentado na Mariña Lucense é o dun maior  de Mirador del Eo, a vivenda comunitaria privada de Ribadeo.