A través dun vídeo promovido por profesionais de Atención Primaria coa colaboración da dirección do Hospital Público da Mariña, que non ten a día de hoxe ingresados por coronavirus, profesionais sanitarios tanto de Burela como dos centros de saúde mariñaos e tamén pacientes piden á poboación da bisbarra que non baixe a garda no tocante ás medidas de seguridade, insistindo en manter a distancia interpersoal e usar máscaras ou xel hidroalcólico para evitar contaxios.

Segundo o reconto oficial ofrecido polo Sergas este luns, contabilízanse 40 casos activos na provincia de Lugo, un menos ca onte. Os dous únicos ingresados na área lucense permanecen no HULA, un na Uci e outro en planta. Detéctanse 38 positivos en domicilio.

No histórico da provincia houbo 27 falecementos, cinco deles na Mariña, ademais dunha sexta vítima mortal que pereceu na Uci de Burela tras superar o coronavirus. Déronse 881 altas.

722 INFECTADOS EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 722, deles 162 son da área da Coruña, 40 da de Lugo, 75 da de Ourense, 28 da de Pontevedra, 262 da área de Vigo, 135 da de Santiago e 20 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 2 permanecen en Uci, 32 están en unidades de hospitalización e 688 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.970 persoas curadas, rexistrándose 616 falecementos. O número de PCR realizadas é de 143.580.

TESTS Á FROTA DE ALTURA EN BURELA

O Sergas anunciou a través dun comunicado que realizará tests serolóxicos de detección do coronavirus a todos os tripulantes de buques de pesca que realicen mareas superiores aos dez días de duración e non teñan posibilidade de asistencia médica a menos de dúas horas dende a súa ublicación no mar (frota de altura e gran altura).

En función do resultado da proba e da presenza ou non de sintomatoloxía, o facultativo do Instituto Social da Mariña, que é o profesional que fará os tests facilitados polo Sergas, poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo co protocolo clínico, nos hospitais de Vigo, Santiago, A Coruña e Burela, no prazo máximo de 48 horas.