IniciosociedadeAs familias do Valadouro percibirán ata 600 euros en función dos ingresos...

As familias do Valadouro percibirán ata 600 euros en función dos ingresos para aliviar o recibo da luz

O pleno aprobou as bases da proposta de liña de axudas ao BNG, con 100.000 euros este ano, e tamén os criterios do Plan Activa, con subvencións para empresas afectadas polo Covid-19

Publicada o

- Advertisement -

A corporación do Valadouro aprobou por unanimidade no pleno celebrado o pasado día 2 de xuño un suplemento de crédito de 623.400 euros que permitirá implementar o Programa Activa municipal para afrontar as consecuencias socioeconómicas do coronavirus, e con igual consenso as bases da convocatoria de axudas ao pago da factura do subministro eléctrico, aprobada nunha anterior sesión plenaria a proposta do BNG.

A modificación orzamentaria fora presentada con anterioridade polo goberno socialista e rexeitada pola oposición. O BNG propuxera unha emenda á moción a fin de engadir 100.000 euros ao suplemento de crédito para unha liña de axudas co fin de aliviar o pago da factura da luz ás familias do Valadouro.

Se na anterior sesión plenaria acordouse incluír a mencionada partida, no pleno do pasado martes aprobáronse os criterios para conceder as axudas. As subvencións terán un límite de 600 euros por unidade familiar, en función dos ingresos: no caso do 100% do consumo para rendas anuais de unidade familiar menores de 11.000 euros, sendo de 500 euros ata o 90% do consumo para unha renda anual de unidade familiar comprendida entre 11.001 e 15.000 euros, e 300 euros no caso de ata o 80% do consumo e para as rendas anuais das unidades familiares comprendidas entre 15.001 euros e 22.000 euros.

“QUE A INSTALACIÓN DE AEROXERADORES REDUNDE NA VECIÑANZA”

Según manifestou o portavoz municipal do Bng, Eduardo Chao, os obxectivos estratéxicos destas axudas son, entre outros, “combatir a pobreza, e neste caso a derivada dos abusivos prezos da enerxía, garantir a calidade de vida e de benestar de todos os veciños do concello de O Valadouro, fomentando o asentamento de veciños no concello”. O voceiro nacionalista resaltou que o municipio “é o terceiro con máis aeroxeradores de Galicia”.

Chao referiuse tamén á importancia que estas axudas van ter para compensar a xeración de riqueza a través dos nosos recursos naturais explotados por empresas con sedes fiscais fóra do noso territorio e tamén para compensar o impacto medioambiental na zona dos parques eólicos. “Aínda que temos ingresos como contraprestación á instalación de aeroxeradores no noso concello a través do Fondo de Compensación Ambiental, esas cantidades son irrisorias comparado cos beneficios que se levan daquí as eléctricas, e nós queremos que os beneficios redunden en favor da veciñanza, que actualmente está pasando por moitos problemas”, manifestou.

40.000 EUROS PARA AXUDAR A AUTÓNOMOS E PEMES

No tocante ás bases do Plan Activa, contempla unha liña de 40.000 euros, con medidas de impulso económico e protección do emprego, con axudas de 600 euros para persoas físicas ou xurídicas -con ou sen traballadores- que tiveron que pechar por mor do coronavirus e 400 para aquelas que visen reducidos os seus ingresos nun 75%; as subvencións incrementaranse en 300 euros máis no caso de empresas que non tivesen tramitado un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) e que teñan ata nove obreiros, e con 100 euros a aquelas con dez ou máis operarios ata os 50.

Así mesmo, deuse luz verde á suspensión temporal para empresas e autónomos de taxas municipais ata final de ano, de luz, auga, lixo e sumidoiros, por un lado, e do mercado semanal e terrazas, por outro.

8.000 EUROS PARA CONCILIAR VIDA LABORAL E FAMILIAR

A outra liña de axudas do programa municipal, con 8.000 euros de orzamento, está pensada para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. Son contías fixas (100 euros para familias cun fillo, 150 para aquelas con dous, 175 para aquelas con tres) para aquelas persoas físicas e traballadores por conta allea que se viron afectadas por
Ertes ou obrigadas a solicitar un permiso non retribuído para o coidado de fillos
menores de 13 anos, tras verse afectados polo peche dos centros educativos e
dos servizos que o propio Concello tiña activos para facilitar a conciliación familiar.

ASOCIACIÓNS VECIÑAIS

Tamén se aprobaron por unanimidade axudas ás asociacións de veciños en concorrencia competitiva, con ata 10.000 euros en función por cada agrupación a fin de fomentar o asociacionismo.

Todos os grupos municipais –PSdeG-PSOE, PPBNG e Udival-, debido á repetición do pleno, renunciaron á contía que debían percibir os concelleiros pola súa asistencia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...