IniciosociedadeOs Concellos urxen á Xunta a que precise cantos socorristas financiará ante...

Os Concellos urxen á Xunta a que precise cantos socorristas financiará ante os “sobrecustos” polo Covid-19

Os gobernos de Foz, Ribadeo ou Burela lembran que as esixencias de seguridade serán maiores polo virus e reclaman celeridade na resolución das axudas para organizarse

Publicada o

- Advertisement -

Gobernos locais como os de FozBurela ou Ribadeo piden á Xunta de Galicia que concrete cantos socorristas financiará por municipio de cara ao vindeiro verán. Despois de que Asociación De Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) dese a coñecer os 18 areais da Mariña Lucense que contarán con bandeira azul na época estival, os Concellos advirten de que a normativa de seguridade será máis estrita con motivo do coronavirus e conservar os galardóns suporá “un sobrecusto” para as arcas municipais.

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, valorou que “somos o concello da Mariña que máis bandeiras azuis obtén, con cinco, e ademais recuperamos a distinción de sendeiro azul para a Ruta das Praias. Pero temos do ano pasado un sabor de boca un pouco agridoce”, matizou, porque ante a escaseza de socorristas, “tivemos que distribuílos por responsabilidade para garantir a seguridade nas praias e retirar os distintivos concedidos”, afirma o rexedor.

“SEN A ACHEGA AUTONÓMICA NON HABERÁ PRAIAS EN CONDICIÓNS”

Cajoto urxe ao Goberno autonómico a que concrete cantos socorristas financiará. “Estamos agardando pola resolución das subvencións, e estamos a mediados practicamente do mes de xuño; se non temos esa achega habitual non poderemos abrir as praias en condicións para o mes de xullo”, apunta. “As bandeiras son mostras de calidade, pero non garanten a seguridade, que depende dos vixiantes, así que esperamos que a Xunta resolva axiña” as axudas, zanxou.

UN PROBLEMA CADA VERÁN

A falta de socorristas é un problema recorrente para os Concellos da Mariña nos últimos anos, que se agravou o pasado verán, cando a Xunta decidiu “por igualdade territorial” reforzar o número de socorristas custeados nos areais para atender as piscinas da provincia, unha decisión criticada dado que lugares como o litoral da Mariña duplican ou mesmo triplican a poboación en determinados momentos do verán.

A maioría dos Concellos tivo dificultades para completar o número de profesionais necesario, e seguiuse a buscar vixiantes incluso no mes de agosto. A situación é cada ano fonte de polémica entre o Goberno autonómico, que insiste en que se trata dunha cuestión de competencia municipal, e os Concellos, que acusan á Xunta de reducir as axudas e de esixir un nivel de formación que disuade aos posibles aspirantes.

LLANO PIDE “PERSOAL SUFICIENTE” PARA “GARANTIR A SEGURIDADE”

O edil de Medio Ambiente de Ribadeo, o nacionalista Jorge Díaz, lembra que “sabemos o que requiren as bandeiras azuis. Ademais este ano vai ser unha cousa extraordinaria debido ao tema sanitario que estamos a vivir. Isto vai supoñer un sobrecusto para todos os lugares que teñen este distintivo”, indica o concelleiro, que expón que o Concello está “pendente” de coñecer cantos socorristas lle subvencionará a Xunta “para planificar” o vindeiro verán.

O rexedor de Burela, o socialista Alfredo Llano, felicitouse pola recuperación do galardón para O Portelo, que se suma a Ril e A Marosa. “É unha alegría para o Concello e unha nova merecida, pero agora debemos acompañar todo isto do suficiente persoal para salvamento. Esperemos que en pouco tempo nos avisen do número de socorristas que nos dan a cada un dos Concellos para ir organizando todo e sabendo que temos xente abonda para poder garantir a seguridade”, sinala.

Neste sentido, Llano espera poder contratar “o antes posible, para poder comezar o 1 de xullo, antes vai ser moi complicado”.

EN CERVO OS TRABALLADORES DA PISCINA COMEZARON EN MAIO NAS PRAIAS

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, celebrou o recoñecemento de Adeac para O Torno. O rexedor cervense expuxo que desde a útima fin de semana de maio, o servizo de socorrismo está activo, con “seis profesionais que forman parte do cadro de persoal da administración local, de luns a domingo, en quendas de mañá e de tarde”.

Persoal de socorrismo de Cervo. AXM

Villares afirmou que se elaborou “un protocolo de salvamento e seguridade” e que se dotou aos socorristas de “balóns de ventilación, gafas protectoras especiais e de equipos de protección individual para cada técnico para que poidan realizar as intervencións de primeiros auxilios, se se dese a circunstancia, con todas as garantías tanto para o suposto lesionado como para o propio socorrista, coa máscara como elemento obrigatorio ante a imposibilidade de manter a distancia, nestes supostos. Os socorristas tamén dispoñen de xeles desinfectantes e demais material específico contra o Covid-19″, sostivo.

MÁIS TEMPO PARA ADAPTARSE Á NORMATIVA, PERO MÁIS ESIXENCIAS

Adeac publicou dúas guías nas que recolle os requisitos para cumprir cos criterios da bandeira azul. As praias terán este ano máis marxe de tempo para izar a bandeira azul e adaptarse á normativa xurdida como consecuencia da coronavirus, incluíndo limpar e desinfectar diariamente as papeleiras e depositar correctamente os residuos asociados á pandemia.

Para que os concellos e portos deportivos con bandeira azul 2020 dispoñan de máis tempo para adaptarse ás medidas propostas polo Goberno, a data para izar a insignia de inicio da tempada 2020 poderá atrasarse ata o 15 de xullo.

A desinfección diaria de papeleiras e contedores e de WC e servizos similares son algunhas das recomendacións de Adeac, que desaconsella “vivamente” a existencia de duchas ou lavapés, porque as mencionadas instalacións ” supoñen un gasto de auga e un posible foco de contaxios innecesario por posibles virus nos pulsadores e no prato da mesma”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...