O Valadouro renova o pavillón coa achega da Deputación

O goberno provincial investiu 40.000 euros nas obras, que inclúen a substitución da cuberta e a mellora da iluminación e os vestiarios

Maseda e Santos Ramos, no pavillón. AXM

A Deputación de Lugo financiou as obras de mellora do pavillón deportivo do Valadouro, que contaron cun orzamento de 40.000 euros.

As actuacións consistiron na substitución parcial da cuberta, no arranxo dos canalóns de recollida de auga e no repintado da fachada, así como en distintos traballos de acondicionamento das instalacións interiores, como a renovación do alumeado e o arranxo dos vestiarios.

Ademais, o remanente dunha baixa de contratación permitiu realizar outros traballos, como a instalación dun proxector de aire acondicionado frío e quente cunha bomba de calor independente en cada vestiario.

Tamén se acometeu o recrecido da pista para facelo máis ancho, de xeito que facilite a práctica deportiva do tiro con arco.

Por último, substituíronse as luminarias que había de 250 KW por outras led, de menor consumoata cinco veces menos– e que desprenden un ton de luz máis agradable.

“100 USUARIOS DIARIOS”

O voceiro da Deputación, Álvaro Santos Ramos, e mailo alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, visitaron as instalacións, “moi empregadas polos nenos e nenas da vila. Uns 100 usan a diario o pavillón durante os recreos do colexio e para levar a cabo as actividades enmarcadas nas escolas deportivas”, sinalou o representante do goberno provincial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here