InicioEconomíaCervo continúa como terceiro municipio de Galicia coas pensións máis altas

Cervo continúa como terceiro municipio de Galicia coas pensións máis altas

Cunha prestación media de 1.241 euros, só As Pontes e Fene o superan; os concellos cercanos a Alcoa rebasan a media galega; os trabadenses cobran as pagas máis baixas da comarca

Publicada o

- Advertisement -

O concello de Cervo é o terceiro municipio de Galicia coa pensión media máis alta, segundo un informe relativo a 2019 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O informe, que recolle datos das pensións contributivas da Seguridade Social xestionadas polo INSS e polo ISM, inclúe todas as clases de prestación, como xubilación, incapacidade, viuvez ou orfandade, entre elas; non así a aquelas persoas que teñen un sistema de previsión social distinto, como por exemplo os funcionarios de clases pasivas. A data de referencia do estudo é o 31 de decembro do pasado ano.

Deste xeito, o IGE documenta no municipio cervense un total de 1.357 xubilados, ascendendo a prestación media por residente a 1.241,43 euros.

As Pontes de García Rodríguez é o municipio coas pensións máis altas; os seus 2.605 xubilados perciben un promedio de 1.452,99 euros mensuais. En segundo lugar colócase Fene, cunha prestación media de 1.301,47 euros e 3.402 pensionistas. O “podio” dos municipios con pensións máis altas continúa así invariable desde o exercicio 2018.

A IMPORTANCIA DO ALUMINIO

No resto de municipios da Mariña Lucense, o importe medio das pensións da Seguridade Social distribúese do seguinte xeito: O Vicedo (895,48 euros), Ourol (792,86), Viveiro (1.031,03), Xove (1.114,11), Burela (1.126,15), O Valadouro (865,60), Alfoz (826,40), Foz (1.047,84), Mondoñedo (842,61), Barreiros (899,90), Lourenzá (799,41), Ribadeo (969,68), Trabada (783,98), A Pontenova (823,78) e Riotorto (778,64 euros).

Percíbese a influencia do complexo industrial de alúmina e aluminio no maior importe medio documentado nos municipios máis cercanos ao centro de produción, como Xove, Cervo e Burela, mesmo en Viveiro e Foz, todos eles superando a media galega. Ribadeo sitúase lixeiramente por riba (966,47).

No tocante ao número de pensionistas, en Alfoz documéntanse 705; en Burela, 2.070; en Foz, 2.687; en Lourenzá, 763; en Mondoñedo, 1.314; no Valadouro, 746; en Cervo, 1.357; en Ourol, 436; no Vicedo, 693; en Viveiro, 4.015; en Xove, 1.061; en Barreiros, 1.011; na Pontenova, 877; en Ribadeo, 2.475; en Trabada, 455; en Riotorto, 522.

A FENDA DE XÉNERO

No tocante ao importe por sexos, o estudo documenta como no caso das mulleres o importe medio das pensións cae significativamente, especialmente nos municipios cunha prestación media máis alta, derivada da industria. En Cervo, o promedio da pensión é de 873 euros, un 43,24% menos dos 1.538,32 que perciben os homes.

En Xove, os homes perciben como media 1.413,89 euros, fronte aos 792,66 que cobran como promedio as mulleres polas prestacións.

Pola contra, nos concellos cun maior peso das pensións derivadas das cotizacións agrarias, a fenda redúcese. En Alfoz, o importe medio por xubilada é de 721,74 euros; en Burela, 832,01; en Foz, 813,59; en Lourenzá, 735,38; en Mondoñedo, 778,65; no Valadouro, 768,82; en Ourol, 706,19; No Vicedo, 741,74; en Viveiro, 789,11; en Xove, 792,66; en Barreiros, 820,90; na Pontenova, 748,72; en Ribadeo, 822,59; en Trabada, 748,45; e en Riotorto, 769,63.

NO 60% DOS CONCELLOS GALEGOS, A PENSIÓN MEDIA NON SUPERA OS 842 EUROS

Segundo o informe do IGE, o 60% dos concellos galegos o importe medio por persoa en pensións contributivas da Seguridade Social non supera os 842 euros e só en 41 concellos galegos se superan os 1.000 euros.

O 20% dos concellos co importe máis elevado correspóndese principalmente coas zonas dos sete grandes concellos, xunto coa Mariña Lucense, a zona de Valdeorras, As Pontes de García Rodríguez, Bueu, a zona do Barbanza, coa Pobra do Caramiñal e Ribeira, Baiona e Cee.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...