Ribadeo denuncia que a axuda da Xunta non cubre unha quinta parte do gasto municipal en socorristas

O goberno ribadense abre convocatoria para contratar a 18 profesionais, doce con fondos propios, mentres que o executivo focego financiará oito dos 14 necesarios

Simulacro de rescate nas Catedrais. AXM

Os Concellos do litoral da Mariña Lucense buscan un ano máis socorristas para vixiar as praias nun verán que se presume especialmente esixente no tocante ás medidas de seguridade por mor da pandemia do coronavirus. Fano asumindo a maior parte do orzamento na contratación destes profesionais, dada a mingua da subvención anual ofrecida pola Xunta de Galicia, que no 2011 custeou 78 vixiantes para os oito municipios costeiros da bisbarra e neste 2020 financiará 48; 30 menos nun prazo de dez anos.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, anunciou a convocatoria de 18 postos de traballo laborais temporais: 17 socorristas acuáticos a xornada completa, cun soldo de 1.300 euros ao mes en bruto, e un xefe de equipo de socorrismo acuático, por 1.500 euros mensuais”. O Concello ribadense estima un gasto na contratación de profesionais para a seguridade nas súas praias de 100.000 euros, cando o Goberno autonómico subvencionou ao executivo municipal a contratación de seis vixiantes por unha cifra equivalente a 18.000 euros, isto é, un 18% do orzamento total.

Suárez Barcia remarca que a axuda do Executivo galego segue a minguar -no 2019 Ribadeo recibiu financiamento para oito socorristas- e acusa á Administración autonómica de “vender fume”.

O rexedor ribadense subliñou que “este ano temos unha problemática enorme co control, por se se fan aforos ou non, cos requisitos que piden as bandeiras azuis que nos acaban de conceder, coa Q de Calidade que temos tamén en varias praias e que afrontamos con moita ilusión, pero con moita dificultade”.

A XUNTA “VENDE FUME”, DI SUÁREZ BARCIA, “E OS CONCELLOS RASCAREMOS FONDOS DE ONDE POIDAMOS”

Así, proseguiu, “estamos enormemente decepcionados pola actitude que ten a Xunta outra vez máis con Ribadeo. Nun ano tan problemático no que di que tanto axuda aos Concellos dános menos que nunca. Isto é unha proba de que todo o que están facendo o Partido Popular no Goberno galego é vender fume día tras día, e os gobernos locais temos que rascar fondos de onde podemos porque queremos dar seguridade, á nosa xente e tamén aos de fóra”. O prazo para inscribirse rematará o 25 de xuño.

O Concello de Foz, pola súa banda, selecciona seis prazas de socorristas para as praias este venres, día 19. Son os profesionais custeados pola Administración autonómica. O goberno local focego asumirá con fondos propios a contratación doutros oito vixiantes, para un total de 14.

CAJOTO VE “UN ESCÁNDALO” A REDUCIÓN DA ACHEGA POR PARTE DO GOBERNO AUTONÓMICO

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, considerou “escandaloso” que o municipio pasase de recibir orzamento para 16 vixiantes nos anos 2017 e 2018 a seis no verán de 2020. Un caso similar é o de Barreiros, con axuda para 19 socorristas en 2018.

“Nun contexto de situación de pandemia, cando a vixilancia é máis necesaria ca nunca nos areais, a Xunta de Galicia resolve a mediados do mes de xuño, sen tempo para a contratación, un expediente cunha contía mínima histórica para os concellos costeiros. A verdade estamos cansos de propagandas e de protocolos, o compromiso coa calidade do turismo demóstrase con feitos”, asegurou Cajoto, que indicou que “ante o nulo compromiso de Feijóo cos nosos areais o máis probable é que nos vexamos obrigados a renunciar ao izado das bandeiras azuis: Rapadoira, Llas, Peizás, Polas e Areoura“.

Para a selección dos outros oito socorristas será necesaria, indica o goberno municipal, unha nova selección de persoal “que se comunicará coa maior brevidade posible”. Todos aqueles socorristas habilitados e que sexan demandantes de emprego poden poñerse en contacto co SEPE de Ribadeo, no teléfono 982.870.690, ou co servizo de emprego do Concello de Foz, no 982.140.027, extensión 1029.

O BNG DE BURELA PROPÓN COMPLETAR O SERVIZO CON PERSOAL MUNICIPAL DE PROTECCIÓN CIVIL

Por outra banda, o BNG de Burela propuxo “completar o servizo” ata dez socorristas “cos profesionais de obras ou protección civil, contando evidentemente coa aprobación dos servizos técnicos municipais”.

“Cremos que os seis concedidos pola Xunta mailos dous que se contraten con cargo ao Plan Único, se debe fixar un obxectivo de dez traballadores, ampliables na medida do posible”. O voceiro da formación nacionalista, Mario Pillado, indicou que “tamén propoñemos como alternativa, se fose necesario a contratación de auxiliares de reforzo do servizo, xa se trate de persoal de enfermería ou ATS“.

Pillado censurou que a Xunta publicara as axudas “sen nin sequera notificar oficialmente as subvencións aos Concellos. As formas e o fondo son inaceptables e este novo recurte non fai mais que confirmar unha tendencia á baixa en canto ás achegas da Administración autonómica con respecto ó Concello de Burela e á Mariña Lucense en xeral”.

LLANO: “NON SE NOS PODE ESIXIR ALGO QUE NON PODEMOS CUMPRIR”

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, lamentou que o municipio recibise axuda para seis socorristas cando requeriu financiamento para dez. “Contabamos con oito polo menos, ao ter as tres praias con bandeira azul, que igual non poderemos izar. Xa veremos como é a resposta dos Concellos porque non se nos pode esixir algo que non se pode cumprir. Pretendemos que a xente poida acudir ás praias con sensación de seguridade, pero desta maneira non é moi doado acadalo”, aseverou.

Llano amosouse “decepcionado” coa Xunta. “Están a falar de que hai que ofrecer un bo servizo nas praias para atraer xente que veña ao noso litoral; é importantísimo que nos visiten loxicamente, pero se non se axuda para que teñamos mellores servizos é imposible”, zanxou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here