A Xunta di que Viveiro quedou sen axudas para contratar perceptores da Risga por solicitalas “o último día”

O Goberno autonómico asegura que a convocatoria das subvencións establecía que se daría "prioridade ás axudas por orde de entrada"

Concello de Viveiro. GALIPEDIA/XOSEMA

A Xunta de Galicia emitiu un comunicado, tralas críticas do Concello de Viveiro, no que afirma que o municipio viveirense quedou fóra das subvencións para contratar a perceptores de Risga porque solicitou esta axuda “o último día de prazo“, a pesar de que a convocatoria establecía que se daría “prioridade ás axudas por orde de entrada“.

O Goberno autonómico asegura que os criterios de selección “eran claros, obxectivos e coñecidos desde o momento da convocatoria”.

A convocatoria das axudas da Xunta para a contratación de Risga publicouse no Diario Oficial de Galicia o 28 de xaneiro de 2020, “e nela establecíase un prazo de solicitude que se prolongaba durante un mes, desde o 29 de xaneiro ao 28 de febreiro. O Concello de Viveiro foi “dos últimos municipios en solicitada, precisamente o 28 de febreiro, polo que quedou fóra do reparto”, indica o Goberno autonómico na nota, na que non aclara se outros municipios que tramitaran as solicitudes preto da data límite quedaron tamén sen as axudas.

21 CONTRATACIÓNS NA COMARCA

Si concreta o Executivo autonómico que “todos os concellos da Mariña Lucense que solicitaron apoio recibiron a axuda da Xunta, porque presentaron a documentación con anterioridade, o que permitirá a este municipios contratar, co apoio da Xunta, a 21 persoas perceptoras da Risga durante nove meses e co custe salarial financiado polo Goberno galego”.

Son Xove (un contrato), Cervo (dous contratos), Ribadeo (cinco contratos), Mondoñedo (un contrato), Foz (cinco contratos), Barreiros (dous contratos) e Burela (cinco contratos), o que supón un investimento de 258.000 euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here