O número de casos de coronavirus na provincia de Lugo non rexistrou variacións con respecto a onte, segundo o reconto oficial ofrecido este sábado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Son 17 positivos os documentados na área lucense.
Non hai ingresados por Covid-19 no Hospital Público da Mariña. A única persoa hospitalizada a causa da pandemia permanece nunha planta do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Un total de 16 pacientes son atendidos en domicilio.
Non se documentan casos nas residencias da bisbarra.
No histórico, documéntanse 28 falecementos na provincia, cinco deles na Mariña, ademais dunha sexta vítima mortal que faleceu na Uci de Burela tras ingresar polo virus e superar a doenza no seu período na unidade de críticos. Déronse 921 altas.
A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 340, deles 110 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 141 da área de Vigo, 28 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 334 no domicilio. Non hai pacientes positivos en Uci. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.530 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos. O número de PCR realizadas é de 164.673.