InicioEconomía"A Mariña, descalza": o manifesto dos sindicatos na protesta de Burela

“A Mariña, descalza”: o manifesto dos sindicatos na protesta de Burela

Illamento nas comunicacións, unha sanidade centralizada ou a perda de tecido industrial son mostras, segundo CIG, CC OO e UGT, do abandono das Administracións á bisbarra

Publicada o

- Advertisement -

“Moito me queren meus amos

meus amos moito me queren

por eso me traen descalza…

descalza chova que neve!”

 

Estes versos, do poeta mariñáo de Mondoñedo, Leiras Pulpeiro, describen á perfección o que esta comarca vén décadas padecendo: o perpetuo esquecemento por parte de Gobernos, de Administracións, que paralelamente que nos regalan os oídos con compromisos baleiros, con retórica e boas palabras van, uns e outros, deixando coa súa inacción un ronsel de incumprimentos, de desagravios, de desprezos. Xa abonda!

Hoxe A Mariña di que xa está ben, por fin este pobo afeito a loitar co nordés, a guiarse entre a espesura da néboa, berra unido, todas e todos xuntos, que precisamos e merecemos futuro e sobre todo, que estamos dispostos e dispostas e loitar por el.

A TRANSCANTÁBRICA

Alá polo ano 2000, en Viveiro, 25 concellos das comarcas da Mariña, Ortegal, Eume e Ferrolterra, xunto con organizacións sindicais, políticas, empresariais e sociais, asinábamos unha declaración onde se poñía de manifesto o noso illamento, onde se reclamaba un trazado costeiro para a, daquela futura, autovía. Unha autovía chamada Transcantábrica pero que, curiosamente, se esquecía de 6 dos 8 concellos mariñáns bañados por dito mar.

Vinte anos despois seguimos vendo como esa Vía Costeira de Alta velocidade que ía unir esa parte da comarca coa autovía en Barreiros, segue brillando pola súa ausencia. Vinte anos de alternancia política nos Gobernos do Estado e da Xunta de Galicia nos que nin unha nin outra administración foron quen de cumprir coa palabra dada e acometer os tramos  que lles corresponden.

O TURISMO, O ÚNICO “OBXECTIVO” PARA A MARIÑA

Así, a autovía, lonxe de ser unha oportunidade vertebradora do territorio e de posta en valor do mesmo, converteuse no perfecto símbolo de ao que nos queren abocar:  unha comarca perdida tras a néboa do Fiouco e, tamén coma a autovía, só activa a tempo parcial, cun turismo absolutamente estacionalizado como único obxectivo estratéxico.

Porque, efectivamente, de momento o turismo, con sectores tradicionais outrora estratéxicos como o agro e a gandeiría hoxe esmorecendo, aínda lonxe de ser suficiente para xerar de por sí riqueza abonda para a subsistencia de toda a comarca, é ese único motor ao que agarrarnos, un turismo que vén na busca das nosas paisaxes, da fermosura das nosas vilas, da nosa cultura, da nosa hospitalidade, e do noso mar.

O NOSO MAR, POTENCIA DESAPROVEITADA

Si, o mar, outra potencialidade á que nos teñen condenados a renunciar. Por que, en que cabeza colle que unha comarca con quilómetros e quilómetros de costa, con preto dunha ducia de portos, algún mesmo coa dimensión do de Burela e Celeiro, non teña autoridade portuaria propia e esta esté en Ferrol? Ou que o Instituto Social da Mariña estea en Lugo? Ou que non teñamos na Mariña nin un só ciclo formativo relacionado co Mar? En que cabeza colle que o dique norte da factoría de Alcoa, que esta non emprega absolutamente para nada, non se libere e sexa o gran porto de mercadorías da comarca mentres moitas das nosas empresas, nomeadamente as do sector forestal, se ven abocadas a empregar outros doutras zonas incrementando así os seus custes?

Un mar ao que seguimos vertendo cantidades inxentes de merda, si merda así literalmente, pois seguimos cunhas rías sen sanear, porque en moitos concellos seguimos adoecendo dunha rede de depuradoras, competencia autonómica, digna do século que estamos a vivir. Un mar que ve como a nosa flota sempre sae perdendo nos sucesivos repartos de cota, ou mesmo como portos outrora importantes como o de Foz están completamente infrautilizados por falta de calado. De todo isto temos oído promesas e máis promesas que niso quedaron, en baldías promesas.

UN TREN MORIBUNDO

Pero se as comunicacións por estrada e mar son completamente deficitarias que dicir do noso ferrocarril. Outra oportunidade perdida, outra potencialidade desaproveitada. Mentres vemos como noutras zonas pelexan por Aves, trens de alta velocidade que conecten coa Meseta… Aquí sufrimos unha rede de cercanías de Feve completamente abandonada. Un tren que ben podería artellar toda a costa, que podería ser un importante motor no tráfico de mercadorías, que podería ser o principal medio de transporte para ir a moitos traballos, mesmo ao hospital cuns buses lanzadeira dende a estación de Burela.

Que utópico soa todo, verdade? Pois é algo que en moitas comarcas do país, e do estado, lonxe de soar utópico é a súa realidade, o seu día a día. Por que alí si e aquí non? Por qué entre máis promesas de melloras, estudios de viabilidade e reproches mutuos en función de quen ostente o Goberno, o único que nos seguimos atopando nesta comarca é un tren agónico por falta de mantemento, sen a máis mínima inversión e que nin revisores ten. O tren na Mariña non está morrendo, estano matando a incapacidade, a inacción e o pasotismo de quen se van turnando nas distintas responsabilidades gubernamentais.

SEN ÁREA SANITARIA

Que dicir tamén da nosa sanidade, onde recentemente vimos de perder a Área sanitaria pasando a depender directamente de Lugo. Ata a nosa saúde é obxecto da súa ansia centralizadora!

Pretenden facernos crer que non existen listas de agarda e que se aumentaron os servizos porque a presión social fixo que acometeran a ampliación do hospital. Pero como usuarios e usuarias do mesmo sabemos que esa ampliación só foi de espazos, tamén moi necesaria por certo, pero que consigo non trouxo a implantación dun só novo servizo. Ao contrario, aínda co hospital ampliado seguiron medrando as derivacións a Lugo, en moitos casos á sanidade privada. E as listas de agarda son interminables por máis que nos pretendan facer crer que non, polo feito de pasar meses e meses sen figurar nelas ata que nos chaman para dar a cita. Especialmente grave é a atención ás crianzas da nosa comarca, sen fisioterapia infantil, sen pediatras en urxencias e sen pediatra an moitos dos centros de saúde da comarca.

DESMANTELAMENTO INDUSTRIAL

E con todos estes ingredientes de falta de comunicacións, dunha atención sanitaria deficiente, dunha falta xeral de inversións na nosa comarca, o caldo de cultivo que crean para a xeración de emprego e para o mantemento de actividade económica na zona é absolutamente calamitoso.

Así vemos como nos últimos anos un ronsel de empresas da comarca foron desaparecendo, ou tendo problemas e procesos de regulación de emprego.

Ao peche de Industrias Pardiñas, 25 familias, sucedeuno máis tarde Parquets Lorenzo, outras 24 familias; e máis tarde Aglomerados Ecar, con 62 postos de traballo e que ademais coincidiu no tempo cun ERE en Muebles Hermida que deixou na rúa a máis de 80 persoas. Xa naquel momento viñeron promesas de plans de reindustrialización e de impulso económico para a comarca e en especial para esa subzona de Mondoñedo e Lourenzá que quedou tan tocada nese momento. Promesas que, unha vez máis, aí quedaron, o que se traduciu na continuación da agonía de Hermida ata o seu recente peche definitivo, con 93 novas perdas de postos de traballo.

A estes podemos sumar os 25 que quedaron polo camiño no peche de Costrucciones Mon, 24 na IPV de A Pontenova, os 40 de Gres Burela, os 35 de Ecesa, outros 40 de Conservas Alonso, os que quedaron nos sucesivos ERES de Sargadelos, no de Vestas, e agardemos non ter que sumar en breve os máis de 60 que actualmente están en Erte en Costiña e coa empresa en concurso de acredores. Esta é a dantesca situación do emprego na Mariña logo de sucesivos gobernos, logo de Pactos polo emprego que na práctica nada supuxeron, e logo de promesas e máis promesas sen cumprir. Unha auténtica sangría que leva abocado a centos de mozos e mozas á emigración.

ALCOA, O “TOQUE DE GRAZA”

E agora, despois de anos e anos de ameazas, de advertencias sen que ninguén fixese nada ao respecto temos a guinda do pastel. A crise da factoría de Alúmina Aluminio podería ser a puntilla, o toque de graza que  facía falta para que a comarca quede convertida nun auténtico ermo industrial e económico.

A privatización no 98 da factoría á vez que a das propias eléctricas fixo que o futuro da nosa comarca quedase ligado ao beneficio económico privado duns e outros. Mal negocio, nunca mellor dito, supeditar toda unha comarca e todo un sector estratéxico como é o do aluminio aos vaivéns dos beneficios empresariais. Para a compañía de Pittsburgh (USA) a Mariña é só un solar do que sacar o maior beneficio posible, e os traballadores e traballadoras da fábrica só números, só os medios para acadar ese beneficio.

O mesmo para as eléctricas, non lles chega con esquilmar os nosos recursos naturais, con esprimir os nosos tetos sen compaixón para despois dar de mamar ao Ibex 35 de Madrid, que despois de todo iso tampouco lles treme a man para especular vilmente co froito do seu saqueo.

E nese cometido non lles custa traballo atopar a complicidade dos sucesivos Gobernos, duns e doutros, que braman na oposición o que non son capaces de resolver no poder, e que eluden as súas responsabilidades de control a cambio de despois obter saborosos postos en certos consellos de administración.

POR QUE NISSAN SI E ALUMINIO NON?

Así despois de anos de alternancia política seguimos co sistema de poxas, seguimos sen Estatuto para as Electrointensivas, seguimos, en definitiva, reos do poder das eléctricas e cautivos da súa perenne chantaxe. E segue tamén , por certo, quedando claro neste conflito o peso que ten esta comarca nas súas decisións. Ou alguén dubida a estas alturas que se a factoría estivese en Madrid ou Barcelona a resposta das administracións sería outra? Non tedes máis que ver que rápido se puxeron as principais forzas políticas en asinar conxuntamente un documento para poñer enriba da mesa a salvación da factoría de Nissan. Por que non se dá ese consenso no noso caso? Por qué, unha vez máis esta comarca e os seus postos de traballo quedan no olvido e só somos utilizados como arma arroxadiza entre uns e outros?

E isto a pesar de ser a nosa a única factoría do Estado que produce aluminio primario e a pesar de só poder abastecer apenas un 20% do metal que consumimos no conxunto do estado. Coa perda da factoría de aluminio o estado estaría obrigado a importar o 100% e ser polo tanto un pais totalmente dependente nese eido.

NIN XUNTA NIN GOBERNO INTERVEÑEN A PLANTA

Tampouco a Xunta foi, ou é, quen de facer nada mais que eludir responsabilidades, lavarse as mans e traspasar a pelota ao tellado de Madrid. Cando, curiosamente o que si están traspasadas dende hai tempo son o 100% das competencias en Industria e o Goberno autonómico tería tamén moito que dicir ao respecto, mesmo tendo a posibilidade, igual que o Estado, e así o avalan informes xurídicos ao respecto, de intervir a factoría se fose necesario. Que medo teñen logo a vir á Mariña se tan tranquila teñen a conciencia? Se fixeron todo canto está na súa man por qué non se atreven a vir dar a cara e se agochan no seu despacho?

Uns e outros viven instalados na máis absoluta das inoperancias. Porque ou son inoperantes ou, o que non se sabe se é peor, completamente alleos á realidade dos territorios que lles toca gobernar.

Ou acaso non se vía vir que isto podía ser unha posibilidade? Acaso non houbo tempo en décadas de  artellar alternativas industriais para a nosa comarca?

A MARIÑA PRECISA RECURSOS

Unha vez máis A Mariña é/foi a gran esquecida por eses que tanto nos din querer. Unha vez máis, como diría Leiras, A Mariña descalza! E neste caso ante un camiño cheo de afiadas pedras.

Por iso é hora de dicir basta xa de desleixos, basta xa de desprezos, basta xa de poñer a todos e a todo antes ca nós, basta xa de ternos inmersos nunha eterna noite de pedra. É hora de dicir que estamos dispostos a facernos valer, a facernos escoitar, e loitar polo que é noso. Non somos máis pero tampouco menos ca ninguén e polo tanto non pasaremos por menos ca ninguén. A Mariña precisa atención, precisa recursos, precisa investimentos, precisa tecer un plan que reverta industria, que reverta tecido produtivo, que reverta economía, que reverta vida, ou verémonos abocados a repetir a historia dos nosos  avós e bisavós, a historia que se conta a través de maletas e buques a vapor que atravesaban o atlántico  en busca de oportunidades que se negaban na propia terra.

Hoxe a Mariña está ferida, e de nós, de vós, mariñáns e mariñás, depende que esa ferida sexa o estímulo perfecto para levantarnos e loitar ata romper o xugo que nos aperta, ou que pola contra sexa a ferida que definitivamente nos leve á lenta agonía dunha morte anunciada.

HORA DE NON RENDERSE

É hora de loitar, é hora de levantarse.

Deixádenos rematar cun poema de Mario Benedetti:

 

“Non te rindas, por favor, non cedas

anque o frío queime, anque o medo morda

anque cale o vento e o sol se esconda

aínda hai vida na túa alma

aínda hai vida nos teus soños.

Porque a vida é túa e teu o desexo

porque cada día é un novo comezo

porque esta é a hora e este é o momento”

Mariñás, mariñáns, a loita é o único camiño.

ÚLTIMAS

Remolcado ata o porto de Celeiro un pesqueiro á deriva con tripulantes

O pesqueiro Novo Luz Alba, con base en Santander, que se atopaba á deriva a...

As Catedrais segue pechada este venres por culpa do temporal

Concello, Xunta e axentes implicados decidiron manter pechado o acceso á praia para...

Fran Cajoto sinala que o PP de Foz se apoia no insulto para ocultar “a traizón” de Altri

O alcalde de Foz e deputado provincial, Fran Cajoto, di que “o Partido Popular...

APAGA mostra a súa xira por Chile con varios profesores no país latinoamericano

APAGA está a realizar unhas xornadas de traballo desde o pasado luns en Chile,...