“A Mariña unida xamais será vencida”: a comarca bótase incansable á rúa para esixir un futuro

Milleiros de persoas, 15.000 segundo a Garda Civil e 18.000 para os sindicatos, clamaron en Burela contra "o abandono" dos Gobernos, cuxo último episodio, entenden, é a situación de Alcoa

A manifestación rematou na Praza do Concello de Burela. CEDIDA/SENÍN DÍAZ

A Mariña unida xamais será vencida“. Foi o lema adoptado por milleiros de persoas – 15.000 segundo a estimación da Garda Civil, 18.000 para os sindicatos convocantes da manifestación (CIG, CC OO e UGT)– que camiñaron desde o Hospital da Costa ata a Praza do Concello de Burela, chea a rebordar, para reclamar “un futuro” para unha comarca que entenden “abandoada” polas Administracións e para a que o peche da planta de aluminio, onde Alcoa pretende aplicar un despedimento colectivo con ata 534 obreiros afectados na factoría e outros 400 en empresas auxiliares, sería o “toque de graza”.

TRES PROTESTAS MULTITUDINARIAS EN 15 DÍAS

Apenas dous días despois dunha marcha nocturna en San Cibrao que congregou a unhas 10.000 persoas, nove doutra multitudinaria mobilización en Foz ou dúas semanas máis tarde dunha histórica manifestación en Viveiro, con entre 17.000 e 25.000 almas, a xente da Mariña demostrou que non se casa de reivindicar o que cre que merece, ser unha comarca con saídas laborais e tan válida como calquera outra para que as familias planifiquen a súa vida.

OS OBREIROS DE ALCOA, TENACES

Neste caso, non foron os convocantes os traballadores de Alcoa e auxiliares, que con todo alí estiveron, con alento aínda -tras varias xornadas de protestas- para seguir reclamando solucións ao peche da única planta de aluminio primario que hai en España. Vestidos de faena, os operarios fixeron soar os seus cascos desgastados do traballo contra o asfalto, visibilizando unha vez máis a súa situación agónica con consignas como ‘enerxía solución‘, ‘se non hai solución, Goberno demisión‘, ‘ministra Ribera, ao ERE (Expediente de Regulación de Emprego) ti primeira‘, ‘Álvaro Dorado (presidente da compañía en España), primeiro ti ao paro‘. Tamén lanzaron dardos ao presidente do Executivo, Pedro Sánchez, esixíndolle que sexa valente para intervir a empresa, e ao responsable da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para que apoie unha intervención.

“QUÉRENNOS ABOCAR AO TURISMO COMO ESTRATEXIA”

Pero a situación de Alcoa non foi a única protagonista da protesta, senón o detonante da mesma, a gota que colmou o vaso. No manifesto lido por Pepa Losada e Xabier Lombardero, xornalistas de La Voz de Galicia e El Progreso, os convocantes perfilaron o retrato dunha comarca illada polas malas comunicacións e por un tren “que mataron” os sucesivos Executivos do Estado; que padece unha centralización sanitaria que lle custa autonomía e recursos -‘non queremos nacer na Xesta‘, podía lerse nunha pancarta, lembrando tempos non tan lonxanos-; vítima dun desmantelamento industrial que parecese unha lei natural ante a que Goberno e Xunta non tivesen nada que dicir, e non o resultado de proxectos políticos e sociais. “Quérennos abocar ao turismo estacional como único obxectivo estratéxico“, denunciaron os sindicatos.

O TEMOR POLO EMPREGO MONOPOLIZA AS CONVERSAS

Porque é a falta de emprego o que máis teme A Mariña Lucense, o que cre que pode supoñer o despoboamento da bisbarra: ‘queremos traballar e non emigrar‘, ‘sen industria non hai futuro‘, ‘emprego digno, na nosa terra‘ ou ‘A Mariña sálvase loitando‘, foron algunhas das mensaxes que mandou unha multitude que conformaban adultos, nenos e maiores, todos con máscaras, todos incansables á hora de reivindicarse como cidadáns que teñen dereito ao traballo.

A manifestación contou coa presenza de dirixentes de CC OO, UGT e CIG ao máximo nivel, e con representantes de todas as forzas políticas. Foi a enésima demostración de unidade, de forza e compromiso por parte da veciñanza da Mariña Lucense, para tentar espantar un medo que monopoliza as conversas nos supermercados, nas oficinas e tamén nos bares e nas praias, nos momentos de ocio: o de pensar que porvir lle agarda a comarca se se desmantela o complexo industrial que hai catro décadas a transformou por completo, facendo dunha bisbarra agropesqueira unha bisbarra industrial e multiplicando a poboación de varios municipios.

SEMANA CHAVE PARA ALCOA

A protesta anticipa unha semana decisiva para o futuro de Alcoa, coa mesa multilateral polo futuro da planta, que este martes reunirá a Goberno central, Xunta, multinacional e sindicatos (18.00 horas); e co inicio do período de consultas formais do ERE, previsto para o vindeiro xoves, día 25.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here