IniciosociedadeConfirmados catro novos positivos na Mariña, para un total de 22

Confirmados catro novos positivos na Mariña, para un total de 22

A maioría dos infectados está asintomático, cun único ingresado no Hospital da Costa; continúan os rastrexos, con "máis de 200" probas realizadas

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou outros catro novos positivos de coronavirus na Mariña Lucense, onde constatou a existencia de dous focos da doenza, en Xove e Burela, aínda que hai infectados en varios municipios da bisbarra. Deste xeito, o número de casos activos na comarca ascende a 22.

Os novos casos son froito dos rastrexos e teñen polo tanto “relación” cos dous núcleos localizados, segundo confirman fontes do Sergas.

A Consellería de Sanidade expón que as probas realizadas a partir de detectarse o primeiro caso de infección por Covid-19 na Mariña, o pasado martes nun núcleo familiar de Xove, “superan as 200. Nestes momentos, aínda hai estudos pendentes de obter o resultado, ao tempo que se seguen a facer máis probas aos contactos xurdidos dos novos casos”, indica.

Dos 22 casos positivos “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve“, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Unha das persoas con resultado positivo -un home residente en Burela, de 71 anos- está ingresada no Hospital Público da Mariña: segue en planta e estable.

Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, concreta o Sergas.

“A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a máis de 150 persoas relacionadas con este brote e séguense a investigar os contactos que teñen relación cos novos casos que foron aparecendo”, expón.

O departamento sanitario da Xunta de Galicia insistiu en que “avalía” a posibilidade de que os dous focos de Covid-19 activos na comarca de A Mariña, o de Burela e o de Xove, “estean relacionados entre sí“, polo que segue a investigar “todas as relacións entre eles”.

38 INFECTADOS NA PROVINCIA DE LUGO

Con estes tres novos casos, o número de positivos de coronavirus na provincia de Lugo ascende a 38, segundo o Sergas. Destas 38 persoas infectadas, hai outra máis en hospitalización -ademais do varón ingresado en Burela-, que permanece nunha planta do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Non hai infectados segundo o cómputo oficial nas residencias da bisbarra, que foron pechadas ás visitas.

No histórico da provincia desde o inicio da pandemia documéntanse un total de 28 falecementos, cinco deles na Mariña Lucense, ademais dunha sexta vítima mortal que faleceu na Uci de Burela tras ingresar polo virus e superalo durante o seu período na unidade de críticos. Déronse 922 altas.

RECOMENDACIÓNS

A Consellería de Sanidade reitera á  cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...