Dificultades un ano máis para os Concellos costeiros da Mariña á hora de contratar socorristas

A maioría dos gobernos locais necesitan máis vixiantes para as praias e boa parte deles deberán renunciar a bandeiras azuis; a Xunta é diana das críticas por reducir as axudas para contratar

Praia de Fontela-Balea. CONCELLO DE BARREIROS

A maioría dos Concellos da Mariña Lucense vive un ano máis unha odisea para completar o servizo de socorrismo e comezou a época forte estival este 1 de xullo sen os socorristas que considera suficientes para atender as praias.

Foz iniciou este mércores a campaña estival con 14 efectivos, oito contratados con fondos municipais, que se repartirán entre seis praias, as da Rapadoira, Llas, Peizás, Polas, Areoura e Xuncos; esta última, ubicada en Cangas, careceu de vixiancia no pasado verán, de xeito que o goberno local incrementa o número de areais con servizo de socorrismo.

FOZ DISPORÁ TAMÉN O SERVIZO EN XUNCOS (CANGAS)

A decisión do goberno local de habilitar servizo de socorrismo no maior número de praias posible -similar á do ano pasado- costará quizais sacrificar algunha das cinco bandeiras azuis conseguidas, unha medida “que polo de agora non está tomada. Si consideramos que é mellor distribuír os socorristas por todos os areais que izar os distintivos, expuxo o edil de turismo, o socialista Chema Linares.

Linares engadiu que “en todas as praias haberá o equipamento axeitado e sobre todo medidas de protección como máscaras e luvas, porque moitos dos socorristas van ter que atender pequenas lesións e outros problemas que teñan os usuarios dos areais. E na praia da Rapadoira puxemos unha torre de xel hidroalcólico para o posto de socorro e os baños”, indicou. A cartelería recollerá as recomendacións de Xunta e goberno local.

DE 78 VIXIANTES CUSTEADOS A 48 EN DEZ ANOS

O alcalde focego, Fran Cajoto, lembrou que o Concello solicitou á Xunta financiamento para 20 socorristas cando finalmente recibiu seis, ao igual que o resto dos concellos costeiros mariñaos. A achega do Goberno autonómico para as praias da bisbarra pasou de 78 a 48 vixiantes nun prazo de dez anos.

O rexedor criticou “as dificultades” para contratar socorristas “por dúas razóns; por un lado a subvención chegou moi tarde, a mediados do mes de xuño, practicamente sen tempo para facer o traballo administrativo que conleva unha dotación de persoal, e por outro pola enorme redución de recursos públicos para a contratación de socorristas porque pasamos de 16 subvencionados pola Xunta no 2018 a unicamente seis neste ano 2020″.

“‘GALICIA DESTINO SEGURO’ É UN MERO ESLOGAN”, DI CAJOTO

Neste sentido, censurou que ‘Galicia destino seguro‘, lema turístico da Xunta, “non pode ser soamente un eslogan; se non se dota aos Concellos de recursos para que isto sexa unha realidade e se reducen ano tras ano as contías económicas iso quédase soamente nunha campaña de márketing”.

CONTRATOS ESPECIAIS DE LIMPEZA DOS ASEOS

Incidindo no sobreesforzo que recae sobre os gobernos locais, Cajoto afirmou que “o Concello tivo que facer un esforzo adicional poñendo un contrato especial de limpeza dos aseos para que se garanta a desinfección, de forma que chegaremos nalgúns casos a catro limpezas diarias dos baños públicos. E como consecuencia tamén desta crise sanitaria deberán permanecer pechados duchas e lavapés, polo que agradecemos a comprensión do usuarios das praias”, finalizou.

BARREIROS, CON CINCO SOCORRISTAS DOS 20 QUE PRECISA

Barreiros foi outro dos Concellos máis prexudicados polo cambio no reparto do financiamento de socorristas da Xunta, que nos últimos dous anos optou por reforzar as praias e áreas fluviais do interior a costa de minguar a axuda para os municipios costeiros. O goberno barreirense, que no 2018 recibiu axuda para incorporar 19 profesionais, terá este ano subvención para seis (solicitara 20 vixiantes).

Finalmente, só puido contratar cinco, malia convocar outras seis prazas con fondos propios, e terá que acompañar o servizo con outros oito vixiantes en terra, persoal municipal. “Non son para nada suficientes”, lamentou a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida.

FONTELA-BALEA NON TERÁ VIXIANCIA

A rexedora afirma que a esixencia da titulación que demanda a Xunta aos socorristas é “outro dos problemas”, pois disuade de poder contratar persoal de Asturias ou outras Autonomías. “Tivemos algunha persoa que solicitou posto desde outros lugares, pero non lle chega a formación”, indicou.

Así as cousas, a vixiancia permitirá ter socorristas en Coto, Acantilado e Remior, renunciando ao servizo -e por tanto con total probabilidade á bandeira azul- en Fontela-Balea.

“ESTAMOS PREOCUPADOS; IMPÓÑENSENOS COMPETENCIAS SEN RECURSOS”, AFIRMA ERMIDA

A situación de falta de persoal causa “preocupación” en plena pandemia do Covid-19 e mesmo cun brote de importancia na Mariña Lucense. “Impóñensenos competencias sen dotarnos de ningún tipo de medio. Este ano non se completou o habitual curso de socorrismo de Xove, polo que hai menos demanda de traballo aínda. Espero que no futuro a Xunta tome cartas no asunto porque non temos medios para ofrecer servizos”, salientou.

VIVEIRO E CERVO COMPLETARÁN CON PERSOAL DAS PISCINAS

En Viveiro, a alcaldesa, a socialista María Loureiro, concreta que o servizo de socorrismo iniciarase na segunda semana de xullo, dado que “non deu tempo a facer un proceso de selección de persoal”. Aos seis socorristas financiados pola Xunta o Concello engadirá “outros catro”, que serán traballadores da piscina municipal, que permanecerá pechada.

Esta opción foi a elixida polo Concello de Cervo, o máis madrugador en ter socorristas nunha praia, a do Torno, que cubriu desde o mes pasado con persoal municipal da piscina.

O Concello do Vicedo, que o ano pasado tivo que renunciar a dúas bandeiras azuis -para Abrela e Xilloi– ao non poder contratar vixiantes pola falta de demanda, fíxose este ano con tres, que cubrirán a última praia, segundo confirmou El Progreso. Abrela quedará polo tanto sen servizo de socorrismo.

Burela arrancou con seis socorristas, aos que se unirán alomenos dous máis nunha segunda quenda de contratación. Xove, pola súa banda, agarda iniciar a vindeira fin de semana o servizo, aberto o pasado mércores en Ribadeo.

RIBADEO GASTARÁ 130.000 EUROS, CUNHA AXUDA DE 24.000 EUROS DA XUNTA: “É UNHA VERGOÑA”, DI SUÁREZ BARCIA

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, expón que no municipio traballarán 18 socorristas, 3 técnicos sanitarios e sete persoas para a limpeza. O Concello destina só ao servizo de socorrismo 130.000 euros. O rexedor destaca o “esforzo” a realizar e critica a axuda de 24.000 euros que recibe o goberno local da Xunta de Galicia. Para o primeiro edil trátase dun insulto á intelixencia e dunha vergoña”.

Suárez Barcia sinalou que “temos que dicir que é un verán atípico, difícil e complicado para todos, como todo o mundo pode saber por mor do coronavirus. Desta volta tivemos máis persoal que nunca, estamos máis preparados que nunca, temos un total de 28 persoas: 17 socorristas, 1 xefe de socorrismo, 3 técnicos sanitarios e 7 persoas de limpeza”. No tocante a Esteiro e Os Bloques, “imos cubrir máis e mellor o seu sistema de salvamento e socorrismo”.

“Temos a menor axuda da Xunta da historia, equivalente a seis socorristas que nos deron de 18 que imos ter. Isto é un insulto á intelixencia e unha vergoña”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here