O Sergas admite que non pode “asegurar” que a orixe do brote sexan bares do porto de Burela

Despois de que Feijóo atribuíse o foco de coronavirus a "dous ou tres" locais do peirao, Sanidade concede que se estudan "opcións" e que non constatou o paciente índice

Feijóo, na rolda de prensa. GALICIA CONFIDENCIAL/EP

O xerente da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares, admitiu este venres que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) “non pode asegurar” que bares do porto de Burela sexan “a orixe” do brote de coronavirus da Mariña Lucense, con 59 afectados segundo os datos oficiais, tal e como afirmou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa.

Sabemos de onde veu o brote, está localizado“, afirmara o presidente do Goberno autonómico, asegurando que “case todos os camareiros” de “dous ou tres bares” do peirao burelao “estaban infectados”, argumento a partir do cal pediu “prudencia” no ámbito do lecer.

“Séguense analizando todas as opcións” sobre a orixe do brote, concede Ares, que confesa que polo de agora tampouco está constatado “cal é o paciente índice” do foco de coronavirus mariñao.

ARES: “NON SE TENTA CULPAR A NINGUÉN”

“Si que sabemos que algúns establecementos hostaleiros foron vehículos de transmisión” do virus, resaltou o xerente da área sanitaria, “e tiveron un papel importante de contaxio”.

Despois de que o pasado 30 de xuño o Sergas anunciase que apraza a apertura os locais de ocio nocturno, como pubs e discotecas, e puxese o foco sobre a xente nova ao subliñar nunha rolda de prensa que “a meirande parte” dos infectados naquela altura tiñan “entre 20 e 40 anos”, atribuíndo contaxios a “reunións” e “festas“, Ares afirmou que “non tentamos culpabilizar a ninguén: os bares son locais onde a xente se reúne e a apertura estaba permitida, polo tanto é lóxico que sexan focos de contaxio e claro está que non houbo ningunha intención”.

A MAIORÍA DOS POSITIVOS “ESTÁ NA MARIÑA CENTRAL”

Ares expuxo que “a maioría” dos casos de Covid-19 na Mariña “concéntrase nos municipios de Burela e Foz, con tamén algúns positivos a partir dun núcleo familiar de Xove“.

A Xunta segue sen concretar con exactitude que termos municipais teñen positivos, unha política criticada que mantivo durante toda a pandemia. Este venres, o alcalde de Ribadeo concretou que non houbo casos no concello “nos últimos 14 días”, despois de especulacións sobre un positivo detectado en Asturias dunha persoa asturiana que reside e traballa na comarca. En Viveiro detectáronse nas últimas dúas semanas tres positivos e nos últimos tres días un caso máis, segundo a información facilitada polo propio goberno local.

O xerente da área sanitaria insistiu en que “o brote está fundamentalmente localizado na Mariña Central“.

O XERENTE DA ÁREA SANITARIA CRE “CONTROLADO” O BROTE

Consultado sobre a evolución do brote, Ares sostén que está “controlado” porque o número de positivos “sae dunha búsqueda activa e non de situacións como que unha persoa se poña mala e acuda ao médico ou directamente haxa que ingresala. Esa é a razón de que se documenten tantos infectados, unha procura intensa”, argumenta.

O dirixente do Sergas afirmou que os esforzos da Consellería de Sanidade “céntranse na detección activa” de casos e de contactos para poñelos en illamento durante 14 días, “que é a medida de prevención máis importante”, argumenta. Por outra banda, apela de novo “á responsabilidade individual” para previr contaxios, facendo fincapé en que as medidas recomendadas -uso de máscaras, manter a distancia interpersoal, evitar aglomeracións ou a hixiene de mans- “cortan a tranmisión” da doenza.

VE AS MEDIDAS ADOPTADAS “SUFICIENTES POR AGORA”

Preguntado por protocolos da Xunta para evitar infeccións e sobre se é abondo con paralizar o ocio nocturno e reclamar civismo aos cidadáns para evitar que se propague o virus, Ares responde que “consideramos que as medidas adoptadas son suficientes polo de agora e que o brote está controlado”, reitera. O xerente da área sanitaria prevé con todo que co paso dos días aparezan “máis casos. Tentamos cortar a cadea de transmisión de contaxios”, remarca.

O DEREITO AO VOTO, EN ENTREDITO PARA MOITOS

Sobre a posibilidade de que infectados de coronavirus e tamén persoas que están confinadas por seren contactos, sen PCR positiva, queden sen votar nas eleccións autonómicas, Ares afirmou que “a evolución é dinámica” e remarca que “hai xente que está saíndo da corentena”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here