Vixilancia policial en Viveiro nunha ABAU estraña: “o máis difícil será evitar aglomeracións á saída”

Os axentes lembraron á entrada as medidas de seguridade aos estudantes, que afirman "non ter medo" ao virus; a comisión delegada non percibiu un número de ausentes relevante

Un estudante, no momento de comezar a Selectividade este martes en Viveiro. CARLOS CASTRO/EP/GC

O IES Vilar Ponte de Viveiro abriu as súas portas este martes ás 9.00 horas para a realización das probas da ABAU por parte duns 300 alumnos dos institutos da comarca da Mariña, pechada durante polo menos cinco días desde o pasado luns por un brote de coronavirus con máis dun centenar de casos.

O brote de coronavirus na zona obrigou a reforzar as medidas de prevención e, ademais, Policía Local e Protección Civil vixían o cumprimento das restricións derivadas do brote, como o uso de máscara e a prohibición de xuntarse grupos superiores a dez persoas non convivintes. Os axentes lembraron aos estudantes a normativa antes de entraren a examinarse.

A entrada dos estudantes realizouse de maneira graduada e por catro portas diferentes e, segundo os datos proporcionados por Javier López González, presidente da comisión delegada en Viveiro, á espera do reconto total oficial, non hai ausencias significativas de alumnos. “En principio non se detectou nos espazos habilitados que falten estudantes”, sinalou, a falta dun reconto oficial.

O PAVILLÓN, CONVERTIDO EN AULA

López González indicou que os 300 alumnos van estar acomodados “cumprindo en todo momento coas distancias de seguridade”. Para iso, segundo especificou dispuxéronse 140 prazas no pavillón do centro -que nunca se usou para estas probas– e reduciuse o aforamento en cada aula, de forma que “onde antes había 20 alumnos agora hai só seis“. O coronavirus supuxo tamén, dixo, un reforzo de persoal “outros anos había sete vocais agora hai 13”.

SEMPRE CON MÁSCARA

Segundo explicou o presidente da comisión, “do mesmo xeito que noutros puntos de Galicia vaise a pedir aos estudantes, por prevención, que se manteña en todo momento a máscara aínda que se cumpra co distanciamento social. Porque os vogais van estar vixiando e pasando polo medio dos alumnos”, expón.

Ademais de todas estas medidas, tamén “hai máscaras de reposto no centro a disposición dos alumnos e tamén dispensadores de hidroxel en entradas e saídas”.

“O MÁIS COMPLICADO”

Doutra banda, recoñeceu que, probablemente, “o máis complicado será que unha vez acaben os exames non se xunten os estudantes de cada instituto nos arredores do centro”.

No exterior do centro mantense unha patrulla da Policía Local e tamén efectivos de Protección Civil que vixían a zona para asegurarse do cumprimento das normas e que non se produzan aglomeracións á entrada e saída dos exames.

“SEN MEDO” AO VIRUS

Entre os alumnos o estado de confinamento e o brote de coronavirus que vive a comarca non causou unha especial alarma nin medo a un maior risco de contaxio, segundo expresaron varios alumnos á entrada do centro. Así o manifestaron estudantes provintes dos municipios de Foz, Lourenzá, Ribadeo e Viveiro ás portas deste instituto.

“Imos estar con alumnos doutros centros e iso algo preocupa, pero máis o resultado das probas”, sinalou unha alumna do IES de Foz. Unha opinión compartida polos alumnos de Mondoñedo, que nun principio tiñan que facer a proba en Lugo e, polo peche, tiveron que desprazarse a Viveiro.

ANGURIA TRAS DECRETARSE O PECHE

Segundo sinalaron varias alumnas antes de acceder ao centro, para elas “a peor repercusión do brote foi a incerteza do domingo, cando se anunciou o peche da comarca. Pero non temos medo”, abundou.

Nesta mesma liña manifestouse a directora do IES San Rosendo de Mondoñedo, María José Cuesta, quen recalcou que ata o oito da tarde do domingo os alumnos viviron unha “gran anguria pola incerteza de non saber se poderían facer a proba”.

Por outra banda, como consecuencia do peche da Mariña a causa do brote, alumnos da comarca coruñesa de Ortigueira que habitualmente realizan as probas en Viveiro, nesta ocasión foron convocados en Ferrol.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here