Sanitarios acusan á Xunta de “confundir” cos datos do brote para “xustificar” as eleccións

O Sergas afirma que ofrece cifras do foco "reais e diariamente" e suxire que a denuncia dos traballadores pretende usar a pandemia "como arma electoral"

Os sanitarios denunciantes. CARLOS CASTRO/EP/GC

Traballadores do Hospital Público da Mariña e de Atención Primaria ofreceron este xoves unha rolda de prensa na que aseguraron que existe “unha importante confusión” arredor dos datos do número de positivos de coronavirus do brote da bisbarra, que permanece pechada desde o pasado luns. Enfermeiras, técnicos ou médicos, como Íñigo Melchor, facultativo do Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro que expresou a visión dos seus compañeiros, compareceron en Burela, o concello máis afectado polo foco, para denunciar que as cifras que transmite a Xunta de Galicia “non coinciden” coas que manexan os profesionais, o que entenden como “unha falta de transparencia“.

Os sanitarios alertaron de que hai “máis contaxios” de coronavirus na comarca dos feitos públicos pola Xunta de Galicia, unha “diferencia” sobre a que o Goberno autonómico “está a facer un argumentario para xustificar unhas votacións”. Unha xustificación que, deste xeito, “non é real”, afirman. Os profesionais eludiron dar datos da incidencia do coronavirus na bisbarra, aínda que o Xornal da Mariña puido saber que, nun xoves no que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicou un total de 165 positivos no brote, só nos municipios de Burela, Cervo, Xove, Foz, Alfoz e O Valadouro documentábanse un total de 182. O goberno local de Ribadeo confirmou de xeito oficial outros catro casos no seu municipio.

O CONFINAMENTO DE CINCO DÍAS “É Á CARTA”

Sobre os comicios e posibles contaxios, Melchor afirmou que “hai que ter en conta que en Francia se está vinculando o incremento de casos na pandemia coa celebración de eleccións”.

Este grupo de traballadores do sistema público de saúde tamén criticou a decisión de pechar a comarca só cinco días. “Un confinamiento á carta para facer unhas eleccións non existe, ou polo menos non o coñecemos”, arremeten. É un motivo “dunha gravidade importante. É de chiste, non estamos facendo fronte a unha situación de extrema gravidade cos medios que hai encima da mesa”, reflexionan.

Neste sentido, Melchor lembra que a xustiza confirmou que os positivos teñen dereito a ir votar e ninguén llo pode impedir. “Estase mesturando a saúde co interese en realizar unha votación”, indicou Melchor, algo que os sanitarios “non chegamos a entender. A que estamos xogando”, pregúntase.

Sitios pechados, moitas persoas e moito tempo: son os criterios marcados internacionalmente como de maior transmisión do virus. Nunha votación case se dan os tres”, afondou.

PROTOCOLOS “CONTRADITORIOS” E SEGUIMENTO A TRAVÉS “DUN CALL CENTER PRIVADO”

Os sanitarios queixáronse da “perversión” que se está a facer dos protocolos, que “cambian cunha velocidade brutal, o que dificultan o noso traballo”. Ademais, remarcou, “son contraditorios“.

Armiño criticou que o seguimento dos casos e dos contactos está a ser “un desastre”, levado “por un call center privatizado” con “xente que non sabe de saúde e que ten unha responsabilidade nunha situación tan grave” coma esta. “Hai pacientes que están confinados aos que non se lles está facendo seguimiento“, remarcou.

O médico de Viveiro asegura ademais, sen dar cifras, que xa hai sanitarios contaxiados como consecuencia de este brote. Recoñece que os medios son mellores que ao comezo da pandemia, pero afirma que aínda non son “demasiados”.

SANIDADE: “ESTÁN ADOPTADAS TODAS AS MEDIDAS NECESARIAS”

Pola súa banda, o Sergas respondeu aos traballadores a través dun comunicado de prensa, suxerindo un interese electoralista na súa protesta. “O brote de Covid-19 que está a afectar ao distrito de A Mariña segue a ser unha arma electoral, cando non debera de ser así”, sostén o Sergas, que insiste en que “están adoptadas todas as medidas sanitarias necesarias para conter o brote, tanto de detección de todos os contactos que van xurdindo, como de diagnóstico e seguemento de todos eles”.

Sergas defendeu os datos achegados, pois son “os reais e ofrécense diariamente tanto ás autoridades locais como aos medios de comunicación”.

Tamén argumentou que as persoas que son positivas e se atopan no seu domicilio cumprindo o preceptivo illamento pola enfermidade “son seguidas diariamente polos seus médicos de Atención Primaria, así como mediante teleasistencia desde o hospital, o que demostra que ditos profesionais aínda non coñecen como se está a traballar, tanto agora mesmo, como durante a pandemia, no seguimento dos casos no domicilio”.

“Todos os médicos de Atención Primaria dispoñen de toda a información clínica dos seus respectivos pacientes en relación con esta infección e a súa evolución”, insistiu o Sergas. No tocante aos protocolos, a Consellería de Sanidade afirmou que “a actividade asistencial que se realiza tanto nos centros de saúde como nos hospitais desenvólvese de acordo aos diferentes plans de reactivación deseñados para a volta á normalidade, ao igual que no resto de actividades da vida diaria. E ditos plans ou protocolos adáptanse sempre á situación epidemiolóxica que en cada momento ten cada zona”, finaliza.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here