A Xunta illa Burela e acouta un perímetro de mobilidade restrinxida malia insistir en que controla o brote

Aínda que sete municipios terán liberdade de movemento con respecto ao resto do territorio galego, a normativa é máis restritiva ca anterior alí onde se concentran os casos de Covid-19

Rúa do centro de Burela, esta tarde. JUAN MAYA

A Xunta de Galicia publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que rexerá o confinamento de Burela e as limitacións ao movemento das persoas noutros seis municipios da Mariña -Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo- desde a medianoite (00.00 horas). O Goberno autonómico afirma na orde que “a única modificación consiste no levantamento parcial das restricións de mobilidade” en sete municipios –Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro, é dicir, todos os do interior da bisbarra ademais do Vicedo– pero na práctica aumentan as limitacións á mobilidade alí onde se ubica o foco do brote de coronavirus.

DÚAS ÁREAS AFECTADAS

As restriccións afectarán a “dous ámbitos diferentes“, remarca o Executivo galego. Por un lado, o concello de Burela, onde se documentan 137 dos 182 positivos do brote, e por outro “un cinto exterior” que forman os municipios de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, un perímetro con condicións epidemiolóxicas “similares e diferentes do resto do ámbito territorial, polo número de casos confirmados e de contactos estreitos deles”.

19 NOVOS CASOS, CON DÚAS ALTAS; TRES INGRESADOS SAEN DO HOSPITAL

O Sergas contabiliza 17 infectados máis ca onte, pero o número de novos afectados polo virus é maior, 19, se se ten en conta que houbo dúas altas epidemiolóxicas. Do Hospital Público da Mariña saíron tres pacientes Covid-19 ao longo desta tarde, polo que o número de doentes coa enfermidade no centro hospitalario de Burela baixa a dous.

EXCEPCIÓNS

Deste xeito, “limítase a entrada e saída de persoas do concello de Burela“, considerado polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, como a “zona quente” do brote, a partir das 00.00 horas do sábado, 11 de xullo.

Desde a mesma hora, limítase a entrada e saída de persoas do ámbito territorial delimitado conxuntamente polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo.

A normativa recolle as excepcións para poder entrar e saír destas dúas zonas perimetradas, no primeiro caso Burela e no segundo lugar os seis concellos costeiros mencionados, que formarán unha única referencia territorial.

En primeiro lugar, o desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a prestación laboral, profesional ou empresarial, incluídos o transporte, a prestación de servizos, o comercio e as actividades empresariais e económicas.

Tamén, o retorno ao lugar de residencia habitual.

En terceiro lugar, a asistencia e coidado de maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

Ademais, por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Mapa das restriccións á mobilidade na Mariña. CONCELLO DE FOZ

O quinto suposto son desprazamentos ao Hospital da Mariña ou desde o propio centro hospitalario, ou do mesmo modo, aos Puntos de Atención Continuada (PAC) de acordo coa asignación correspondente. Finalmente, tamén calquera outra actividade de análoga natureza.

NO “CINTO” DOS CONCELLOS DO LITORAL RECOMÉNDASE PERMANECER NOS MUNICIPIOS DE RESIDENCIA

As limitacións de entrada e saída indicadas non afectarán a circulación por autovías e
outras vías de comunicación cando se trate de mobilidade con orixe e destino fóra do concello de Burela ou fóra do ámbito territorial delimitado polos seis concellos mencionados.

No interior do concello de Burela, por un lado, e do perímetro que formarán os municipios do litoral desde Viveiro a Ribadeo, por outro, “poderá circularse con normalidade“, agás aquelas persoas que presenten sintomatoloxía do virus ou que sexan contactos estreitos de positivos. En todo caso, recoméndaselle á poboación dos seis concellos costeiros “permanecer nos seus termos municipais de residencia e limitar a mobilidade aos casos imprescindibles” mentres se manteñan efectivas as medidas recollidas na orde.

PERMÍTENSE OS DESPRAZAMENTOS PARA VOTAR

No tocante ao voto, permítese a mobilidade para exercer o sufraxio: “as limitacións previstas non poden afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o de sufraxio, polo que se considerará en todo caso xustificada a entrada ou saída do concello de Burela e do ámbito formado polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo para o exercicio deste dereito.

OS CONFINADOS PODERÁN VOTAR CON MÁSCARA CIRÚRXICA

No tocante aos centos -uns 700, segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas)- de persoas confinadas por seren “contactos estreitos” de positivos, poderán eximirse de xeito puntual da corentena, ao considerarse o voto “unha causa xustificada” para saír do domicilio. A normativa esixe “cumprir as medidas de seguridade establecidas e, en particular, o uso de máscara cirúrxica en todo momento, e que a saída se limite ao tempo estritamente necesario para o exercicio deste dereito ao voto”.

OS CONCELLOS ASUMIRÁN A “VIXILANCIA, INSPECCIÓN E CONTROL” DAS MEDIDAS

A orde insiste en que a “vixilancia, a inspección e o control” do cumprimento das medidas “corresponden aos Concellos, dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia)”. Así, establécese que os gobernos locais “deben garantir os deberes e dereitos sanitariso” nas “actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e lugares de convivencia humana”.

Deste xeito, e malia que a Xunta de Galicia suxeriu unha apertura da “maior parte da Mariña” e reitera que o foco está “controlado“, a normativa é máis restritiva onde se detectan un maior número de positivos. Mentres que se reduce o perímetro afectado polas privacións ao movemento, liberando sete municipios para teren mobilidade libre co resto do territorio galego -non así para as entradas e saídas, sen causa xustificada, dos seus residentes nos concellos afectados-, en Burela endúrecese ata o punto de confinar por completo, salvo as mencionadas excepcións, á súa cidadanía.

PROHIBIDO PASAR DE VIVEIRO AO VICEDO, OU DE BARREIROS A TRABADA, SEN MOTIVO XUSTIFICADO

Un residente en Viveiro, por exemplo, non poderá -sen os motivos xustificados expostos con anterioridade- desprazarse ao concello limítrofe do Vicedo, cando coa normativa establecida o pasado luns si podía facelo, pois o peche presentaba un único ámbito territorial, o distrito sanitario, e a mobilidade entre os 14 municipios que a integran era libre; a Xunta limitábase a facer unha “recomendación” de evitar cruzar na medida do posible os límites municipais.

CONTINÚAN OS LÍMITES DE AFORAMENTO E REUNIÓN E O USO OBRIGATORIO DA MÁSCARA

Ademais, “mantense a eficacia das medidas de prevención” da orde do 5 de xullo, que neste caso afectarán aos 14 municipios da bisbarra, tamén aqueles exentos das restriccións á mobilidade: a redución de aforamentos nos bares e centros de ocio ao 50%, o cumprimento dos horarios de apertura e peche de forma escrupulosa, unha limitación das reunións e agrupamentos dun máximo de dez persoas e os límites xerais de 60 cidadáns para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre, así como o uso obrigatorio da máscara.

As medidas deberán seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en
todo caso, nun período non superior a cinco días desde a publicación da orde.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here