Denuncian no Valadouro a morte dun poldro atacado polo lobo

O gandeiro atribúe a ataques dos cánidos a perda de "máis da metade" dunhas cen reses

Ferida provocada na res. AXM

JUAN MAYA. Un gandeiro do Valadouro, Yoel Pena, denuncia que o lobo matoulle un poldro a pasada fin de semana, unha situación que, asegura, é habitual dado que, das “sobre 70 vacas” e “entre 25 e 30 bestas” que posúe, sofre anualmente perdas “de máis da metade” do gando. “Cando cheguei alí xa estaba o animal agonizando, morreu diante miña e non puiden facer nada”, lamenta.

Tal e como o informou o perito forestal que se desprazou ata o lugar, San Tomé, o incidente foi causado por un cánido: “Atopeino o domingo. Fomos ata o lugar e dixo que fora un lobo. Estaba claro, tiña os dentes e as feridas”, conta Pena.

O gandeiro afectado non pode evitar sentir impotencia polos ataques: “Son horas e horas traballando. Este poldro fora desparasitado e rapado, e o mesmo coa súa nai. Todo isto, para non ter nada agora, é moi frustrante”, explica. “Eu estou sempre vixiando e teño os animais coidados como podo”, argumenta.

“Intentas sempre mellorar pero non vale de nada”, admite. “Por exemplo, púxenlle chocas ás bestas para ver se co ruído lle facía algo, pero tampouco”, conclúe.

Pena opina que os ataques dos lobos son cada vez máis frecuentes, o que atribúe a que “o monte está indo máis a bravo. É unha cadea“, explica; “non hai animais que deixan recría, de xeito que cada vez hai menos reses no monte e medran os toxos”.

PIDE MEDIDAS DE CONTROL DA ESPECIE

O propietario de gando pide á Xunta de Galicia que tome medidas. “Alguén ten que controlar o lobo, estase indo moito das mans”, sostén. “Antes mataba máis polas zonas altas, agora está baixando”, expón. “É normal que se tes 80 bestas che coma dez, pero non que coma a maioría; ten que habelo, pero non así”, lamenta.

Coa intención de paliar as perdas, a Administración autonómica pide que os gandeiros informen dos ataques causados polo lobo a fin de obter unha compensación económica, en función dunha estimación do valor da res. A axuda que se concede “vai en proporción á idade do animal”.

Pero o diñeiro non era a compensación que buscaba Pena: “os que temos animais querémolos a eles, non a indemnización“. “Se os teño é por que me gustan e quero velos medrar” -esgrime-. “A min non me solucionan nada con que me den diñeiro”, asegura.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here